off
Cedeira, Cultura, Festas — 27 Outubro, 2021 at 12:15 p.m.

Volta con pulo o Samain de Cedeira

by

A “Ruada das Pantasmas” será o acto central dun programa que volve á rúa e cobra intensidade desde o venres con obradoiros de zonchos, tallado de cabazas e maquillaxe Cedeira, 25 de outubro de 2021._ Cedeira volve a celebrar o Samaín este ano con moitos azos e case que con total normalidade, despois dunha edición de mínimos pola pandemia. A vila, miolo para explicar a recuperación e o novo pulo que ten esta festa de orixe celta entre nós, tórnase mais unha vez no cerne desta celebración en Ortegal, Ferrolterra e en Galiza. O programa mantén case todos os actos habituais abertos a quen se quiser achegar.

O programa inaugúrase na quinta-feira cun espectáculo dirixido a nenos e nenas de entre un e catro anos. Trátase de Nano Canta Croac, un contacontos musical a cargo da actriz Raquel
Queizás no que se amosa ás crianzas como expresaren as súas emocións. Será ás 19.00 horas no Auditorio Municipal.

As actividades centrais do Samaín desenvolveranse na sexta e o sábado sob as carpas que se van instalar no Paseo da Mariña. Na sexta-feira, a partir das 17.00 horas, os tradicionais obradoiros de zonchos, e terá lugar o espectáculo de Brais das Hortas Contos para caghar patatillas, ás 20.00 horas e dirixido a un público familiar. Ao día seguinte, o sábado a partir das 17.00 horas, poderán depositarse alí as cabazas decoradas para ir fomando unha participativa e tebrosa exposición. Ao longo da tarde celebraranse baixo a carpa os obradoiros de tallado de cabazas e de maquillaxe, para que as persoas que queiran, maiores ou pequenas, esculpan alí mesmo rostos tétricos nas cabazas ou pinten as súas propias caras con expresións que dean arrepío.
Ás 20.30 horas, o mesmo sábado, comezará o “Pasacalle das Pantasmas”, sen dúbida a actividade máis popular do programa, no que se coidará de que as persoas participantes manteñan a distancia anti-covid.
O programa terá outra cita máis o luns, día 1 de novembro. De novo no Auditorio Municipal, ás 19.00 horas, David Maestro ofrecerá a súa función de maxia Soñando desperto.

A recuperación do Samaín en Cedeira cumpriu xa máis de tres décadas e foi resultado da iniciativa do profesor Rafael López Loureiro e a Sociedade Cultural Chirlateira, á que lle tomou despois o relevo a Asociación de Amigos do Samaín. O Concello de Cedeira colabora estreitamente desde hai anos con esta entidade na organización conxunta desta festa, que adquiriu gran relevancia en toda Galicia pola súa popularidade e autenticidade.O cartaz deste ano, que representa a un par de cativas camiñando entre cabazas baixo dous paraugas que emulan dúas cabazas talladas, foi obra de Laura Recio Hidalgo (@aole.ilustra en Instagram), unha ilustradora e deseñadora madrileña vencellada a Cedeira que leva anos colaborando co Samaín, encargándose tanto doutros carteis como do mural que desde o ano pasado decora unha parede da rúa da Cruz, polo que tradicionalmente pasa a ruada das pantasmas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off