A información está concentrada nas metrópoles e nas grandes cidades. Pero un ser humano de Vilariño de Conso, aquí no noso país, debera ter acceso aos mesmos servizos que calquera outro cidadán. E a dereitos semellantes. Por exemplo a nacer no seu hospital de referencia que neste caso é o de Verín.
Ás veces ese mundo rural e periférico, tantas veces idealizado, ausente dos telexornais, reméxese para esixir que non se retallen máis servizos básicos como os que permiten nacer con todas as da lei en pleno século XXI.
As leis da política ignoran moitas veces os devezos da xente. Vivímolo en carne propia nos días infaustos da catástrofe do Prestige. Os políticos finxen vivir lonxe das aldeas nas que naceron e diagnostican as necesidades da cidadanía cunha calculadora que só sabe restar.
Os profesionais da xinecoloxía e da pediatría teñen as mesmas capacidades en Verín ca en París. Ao mellor, ao carón do Támega, practican unha medicina de proximidade que fai máis eficaz o seu traballo.
A metade do país, cheo de posibilidades e de riqueza, cotiza moi pouco nos grandes salóns onde se decide todo. O rural esmorece como aquel boi de palla de Xoán Manuel Pintos onde hai barra libre para colocar novos aguillóns.
Voces de diverso timbre pero verdadeira gritaron “Verín non se pecha”. Nas vilas e cidades repasaron a xeografía de noso: Cualedro, Oímbra, Vilardevós. O dez por cento da poboación da provincia non é partidaria de facer excursións dunha hora porque prefire nacer ao pé da casa, en Verín.
No vello ábaco da política certifícase o descenso de nacementos en Verín. En 1980 nacían quiñentos cativos. Este ano serán un cento. Algún político local torcerá o fociño e tirará algunha fotografía cos votantes mobilizados.
As autoridades buscan represaliar as caras visíbeis das mobilizacións. Porque vivimos nunha democracia nada considerada cos disidentes, cos que protestan, cos que desprezan a frialdade do ábaco, cos que poñen cara e nome ás mulleres que queren parir en Verín.
“Quen manda, manda” di un vello de Monterrei, nado ao pé do castelo. Gañoulle á vida todas as batallas desconfiando. E agora segue nas mesmas. Descrido, prognostica que a xente tamén perderá esta batalla. “Levará un tempo. Aproveitarase calquera oportunidade”.
O vello naceu na súa vella casa hai case un século. Ten netos en idade de teren fillos. Pero está convencido de que non os van deixar nacer en Verín.
