José Díaz Ramos, deputado do Partido Comunista, natural de Sevilla, panadeiro fillo de panadeiros que comezara a traballar aos once anos, pronunciaba estas premonitorias palabras nas Cortes Españolas o 15 de xullo de 1936: Señor Gil Robles (…), estamos completamente seguros de que en muchas provincias de España se están haciendo preparativos para el golpe de Estado (…) llevaréis a España por el camino por el que la habéis llevado en esos dos años de represión, de hambre y de descrédito para el país. Nosotros no queremos esa España, sino una España democrática, donde haya bienestar para los obreros y para las clases populares. Tanto a CEDA como Renovación Española, Falanxe e os monárquicos non acataron o resultado electoral do domingo 16 de febreiro de 1936, que significaba a vitoria da Fronte Popular e un Goberno da esquerda republicana moderada, formado por Izquierda Republicana e Unión Republicana, e ao día seguinte das eleccións esta dereita púxose a conspirar para derrubar pola forza o sistema constitucional, para iso contaba cun sector da oficialidade do exército e o apoio da xerarquía eclesiástica. Ao mesmo tempo establecíase contacto coa Italia fascista para conseguir a súa axuda.

O que se produciu en Galicia ao pouco de triunfar a sublevación militar de xullo do 36 foi un xenocidio, é dicir, a matanza sistemática dunha colectividade por motivacións políticas, e foi sistemática porque contou cun sistema organizado, con mecanismos de actuación tanto dentro da legalidade como fóra dela, no que existían autoridades, xudiciais ou gobernativas, responsables de levala a cabo e un aparello de propaganda para xustificar o proceso represivo diante da opinión pública. O obxectivo primeiro era a consolidación dun golpe de estado militar e a súa vitoria, para logo foi instrumento de mantemento dun réxime político ditatorial en guerra cos dereitos e liberdades.
Á represión como eliminación física dos potenciais opositores ao novo rexime engadiuse a represión carceraria, como proceso de castigo, control e amansamento dos republicanos, liberais, demócratas, socialistas, comunistas, ácratas, sindicalistas, galeguistas… España convertiuse nunha inmensa prisión, con campos de concentración, cárceres e presidios ateigados de presos políticos, condenados por rebelión militar, polos únicos rebeldes, polos sublevados contra a constitución de 1931. Tal e como o define Saz (2003), o réxime franquista que se estaba a crear era unha ditadura nacionalista, na que confluían dous nacionalismos españois ou españolistas: o nacionalcatolicismo que unía o ser de España indisolublemente á relixión católica, un nacionalismo conservador, reaccionario, que tivera como ideólogo a Menéndez Pelayo, e o nacionalismo fascista, falanxista, de apariencia renovadora. Estas dúas ideoloxías coincidían no seu antiliberalismo, vían en perigo a nación española, ou proclamaban a existencia dese perigo como xustificación da súa propia existencia, do seu ser, e a idea de nación española para eles estaba unida ó catolicismo e á xerarquización tradicional, na que as clases superiores tiñan os privilexios, mantiñan a orde, mentras as inferiores traballaban disciplinadamente, sen folgas, sen protestas. Este status estaría ameazado pola difusión das ideas republicano-liberais e democráticas, socialistas, ácratas, e pola presencia dos nacionalismos periféricos antagónicos (o vasco, o catalán e o galego, que se expresaban con proxectos autonómicos), que se converten nos nemigos de España, nos nemigos que hai que derrotar, que hai que eliminar, o proxecto nacionalizador dunha nova España esixía saneamento, España debía ser “España, martillo de herejes”, como escribira Menéndez Pelayo.
A intervención militar para poñer fin á 2ª República en xullo de 1936 non era unha novidade, atrás quedara a ditadura do xeneral Primo de Rivera nos anos vinte, o intento revolucionario dos capitáns García e Galán en 1930, a sublevación de Sanjurjo en 1932 e a represión de outubro de 1934 coa intervención do Exército en Asturias que son un claro antecedente do proceso represivo de 1936, como exemplos da militarización da vida política española. En realidade, os militares non deixaran de aparecer no terreo político no primeiro terzo de século, como unha continuidade dos pronunciamentos que caracterizaron o século XIX, polo que non sorprendeu que se sublevaran outra vez no verán do 36, pero si sorprendeu que se desenvolveran con tan desmesurada violencia, de maneira que moitos fusilados e paseados foron atrapados sen intentar escapar.
Foron tres os principais centros represivos na provincia da Coruña por orde de importancia cuantitativa: Ferrol, A Coruña e Santiago.
Ferrol sobrancea polo alto número de executados (perto de oitocentos entre 1936 e 1939), pero ademais pola súa repercusión militar e territorial: é un centro represivo no só de nivel galego, senón de todo o territorio estatal, e incluso con repercusión internacional, como consecuencia da importancia da súa base naval. Este feito vese nas orixes domiciliarias dos executados en Ferrol: o 75 por cen eran persoas con domicilio na provincia, o 84 por cen refírese a persoas que vivían en Galicia, mentres no 16 por cen restante hai orixes variadas: Asturias, Barcelona, Cantabria, País Vasco, Valencia, Sevilla, México…; sen embargo, A Coruña e Santiago só coñecen casos de executados con domicilio na provincia.
As cifras que manexamos, como mínimo comprobado, superan as 1.300 vítimas de fusilamentos + paseos na provincia coruñesa nos tres anos que dura a guerra. Deste número o 45 % correspondería aos fusilados por sentenza de consello de guerra, polo que podemos afirmar sen dúbida que o paseo (a execución ilegal, 65 %) foi o método represivo predominante en Galicia na guerra civil.
A represión fascista tivo tres métodos de eliminación física: os consellos de guerra, a aplicación directa do fusilamento en aplicación dos bandos militares que permitían a pena de morte inmediata os que tivesen armas, sen a necesidade de probalo previamente, e os homicidios (os chamados paseos, xustificados moitas veces por intento de fuxida dos detidos). Os xuizos militares, celebrados nas urbes da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela, representaron a forma legalizada da represión, aplicando leis da xurisdicción militar en virtude da declaración de estado de guerra polos sublevados: o Código de Xustiza Militar (1890) e o Código Penal da Mariña de Guerra (1888), o que permitiu condenar a civís e a militares por delitos contra da seguridade do Estado, polos que en principio se rebelaran contra este. O retorcemento do corpo legal levou a que foran acusadores e xulgadores os únicos rebeldes, os auténticos sediciosos e os verdadeiros traidores. En 65 causas xulgadas en consello de guerra en Ferrol foron procesadas setecentas persoas (698 en total: 370 militares, 328 civís), e produciron 222 fusilados e 188 penas de perpetua.
Mais a represión violenta, a represión como proceso xenocida, continuou máis alá a guerra, porque é unha característica do réxime. Mais na década dos corenta os represaliados xa responden, con violencia e organización, son grupos guerrilleiros armados, con disciplina militar, con uniformes que fan sabotaxes e executan antigos represores e confidentes; estes grupos, de actuación máis rural que urbana, nacen de grupos de fuxidos da represión ou dos que prefiren agacharse no monte antes de incorporarse ao exército franquista cando son chamados a filas, é dicir, son consecuencia tamén da sublevación militar de xullo do 36.
Recuperar a memoria do sucedido en Galicia na guerra civil, na posguerra, no franquismo, é un acto de liberdade, porque é destapar o que nos mantiveron agachado tantos anos coa intención de que nunca o lembraramos. Temos a obriga de revivir o pasado, de reescribilo, de recobrar ós perseguidos, ós esquecidos coa imposta vontade da desmemoria pola forza da dictadura… Hoxendía chaman moito a atención dos medios de comunicación temas como os das foxas comúns e o dos campos de concentración, pero o pasado represivo violento é máis amplo e polo tanto dispoñemos de varias fontes, quizais non tan chamativas, pero si moi valiosas, como os libros dos rexistros civís, os libros dos cemiterios, que aportan reseñas en moitos casos de idade, domicilio, profesión, causa da morte (fusilamento ou por paseo, por tortura en ocasións, suicidio), lugar, estado civil da víctima, número de fillos, e que están ahí, agardando a que alguén os abra. Na bisbarra de Ferrol e nos rexistros civís das cidades da Coruña e Santiago, que percorrimos estudando os libros de defuncións descubrimos perto dun milleiro de víctimas da represión violenta entre 1936 e 1939. Efectivamente, non todos os fusilados, sobre todo se falamos de paseados, foron inscritos neses rexistros, pero non por esta razón podemos rechazar esta fonte, imprescindible no estudo histórico da represión en Galicia.
Da provincia da Coruña sabemos da maior parte, por non dicir que todos, os casos dos fusilados por sentenza de consello de guerra na etapa 1936-1939. Son 473, que se reparten así, segundo o lugar onde foron xulgados e pasados polas armas:
Ferrol……………………254
A Coruña………………145
Santiago…………………74
A cantidade de represaliados pola manipulación na aplicación do Código de Xustiza Militar é menor en todo caso que o número de paseos contabilizados en toda a provincia entre 1936 e 1939, dos que temos anotado uns seiscentos, con nomes e apelidos, pero o número real foi maior. Quere isto dicir que o método ilegal, ou extralegal, de eliminación foi o predominante en Galicia no proceso xenocida desatado trala sublevación do luns 20 de xullo de 1936, e este feito está en relación estreita coa rápida caída do territorio galego nas mans dos golpistas, coa forte implantación dos partidos da Fronte Popular e dos sindicatos maioritarios (UGT e CNT), co apoio que tivera esa coalición nas eleccións de febreiro e ademais coa resistencia organizada de centos de comités en cidades e vilas que, inda non tendo medios, dispuxeron a requisa de armas e vehículos, montaron gardas, detiveron a elementos da dereita e falanxistas, para intentar parar o golpe militar. En Ferrol houbo máis dun cento de feridos e trinta mortes nos enfrontamentos entre o 20 e 22 de xullo; en A Coruña un número parecido de mortos… Galicia resistiu como puido, e inda máis do que se podía obxectivamente, por riba das posibilidades reais, con escasas armas e medios, a unha forza militar moi superior e pagou (por esa resistencia, e por dispor dun amplio abano de asociacións sindicais e políticas democráticas de base estendidas por todo o territorio galego) un elevado prezo en efectivos humanos, dos mellores, dos máis capacitados líderes sociais. Este corte no dinamismo vital e social do pobo galego nos anos trinta tería efectos, inda hoxe percibidos, na súa estrutura produtiva e en aspectos básicos da súa ideoloxía; a desconfianza ante a política e os políticos e a reticencia aos cambios son herdanza dun pasado no que a violencia política deixou unha pegada imborrable na memoria e na sociedade.
Remato deixando os datos dos veciños e veciñas vítimas da violencia represiva de Cedeira. Datos que se encontran no listado que realizamos Bernardo Máiz e eu, para o Concello de Ferrol, en 2018, coa esperanza de que algún día perto de mil nomes queden gravados no monumento memorial ás persoas desaparecidas por mor do xenocidio franquista na comarca. Non estaría de máis que o Concello de Cedeira e os demais concellos da bisbarra manifestaran publicamente o seu desexo de que ese monumento se leve por fin a cabo, non só se lles debe aos familiares, á memoria, é unha obriga de información e compromiso de coñecemento histórico coas xeracións futuras.
Trinta e seis (36) veciños/as de Cedeira na represión política. 1936-1942.
| NOME | IDADE | PROFESIÓN | PARTIDO / IDEOLOXÍA | LUGAR / DATA |
| Alonso Teijeiro, Enrique | 23 | Mestre | Socialista | San Felipe.
18-12-1936. |
| Aneiros Loureiro, Rufino | 28 | Mariñeiro | — | Ribeiras do Sor. 28-10-1936. |
| Barge Leonardo, Luís | 25 | Mariñeiro | — | Ribeiras do Sor. 28-10-1936. |
| Bouzamaior, Andrés | — | — | — | Cedeira.
13-8-1936. |
| Bouzón Teijeiro, Adolfo “O Noia” | 28 | Mariñeiro | — | San Felipe.
18-12-1936. |
| Brañas Rodríguez, Andrés, “O Carrizo” | 26 | Labrego | — | San Felipe.
25-12-1938. |
| Carro Pérez, Amando | Labrego | — | Ferrol.
1941 |
|
| Castillo Domínguez, Antonio | 39 | Veterinario | Socialista | San Felipe.
18-12-1936. |
| Díaz García, Bernardino | 32 | Labrego | — | Ferrol.
6-9-1936. |
| Díaz García, José | 64 | Ferreiro | — | Ribeiras de Sor.
28-10-1936. |
| Durán Fraguela, José Cipriano | 29 | Labrego | — | San Felipe.
18-12-1936. |
| Fernández Freijeiro, Manuel | 60 | Militar retirado | Izquierda Republicana | San Felipe.
18-12-1936. |
| Fernández Rodríguez, Ginés | 26 | Empregado | Izquierda
Republicana |
San Felipe.
18-12-1936. |
| Fernández Santos, Miguel | 31 | Correos | Izquierda Republicana | San Felipe.
18-12-1936. |
| Forneiro Barandela, Isaac | 39 | Empregado de banca | Galeguista | San Felipe.
18-12-1936. |
| Freire Fernández, Modesto “O fillo das Pepitas” | 29 | Carpinteiro | — | Ferrol.
5-1-1942 |
| Freire García, Andrés Manuel | 43 | — | — | Ferrol.
17-08-1936. |
| Freire Pita, José | Albanel | — | Cedeira.
21-8-1936 |
|
| Freire García, Manuel | 40 | Mariñeiro | Ferrol.
5-1-1942. |
|
| Garrote Rodríguez, Andrea | 34 | Labrega | — | San Román.
15-9-1936. |
| Iglesias Freire, Antonio | 24 | Mariñeiro | — | San Felipe.
18-12-1936. |
| Lago Beceiro, José | 27 | Labrego | — | San Felipe.
18-12-1936. |
| López Teijeiro, José | 32 | Labrego | — | Cerdido.
11-3-1938. |
| Lourido Arriví, Jesús “Manco de Diamantel” | 27 | Labrego | Comunista | Ferrol.
25-8-1936. |
| Martínez Teijeiro, Enrique | 41 | Chofer | — | San Felipe.
18-12-1936. |
| Meijide, José | — | Labrego | — | Ribeiras do Sor.
28-10-1936. |
| Pardo Villar, José “O Leiteiro” | 29 | Labrego | — | O Vicedo.
14-10-1937. |
| Pérez Lourido, Ricardo | 33 | Labrego | — | Cedeira.
14-8-1937 |
| Pérez Senra, Nicasio | 54 | Labrego | — | Cerdido.
11-3-1938. |
| Pita Parapar, Marcelino | 33 | — | — | Cedeira.
26-7-1936. |
| Redondo Senra, Rufino | 24 | Mestre | — | San Felipe.
18-12-1936. |
| Riola Martínez, José | — | Albanel | — | Ribeiras do Sor.
28-10-1936. |
| Rodríguez , Francisco ”Cascarrón” | 22 | Barbeiro | — | San Felipe.
18-12-1936. |
| Suárez Caruncho, Constantino, “O Cañoto” | 54 | Mariñeiro | Comunista | Tarroiba.
4-1-1937.
|
| Vergara López, José | 36 | Labrego | — | Cabanas.
25-8-1936. |
| Vigo Pita, Josefa | 39 | Labrega | — | Valdoviño.
21-3-1938. |
Fonte: Base de datos Bernardo Maiz – Xosé. M. Suárez, para Memorial Vítimas do Franquismo – proexto do Concello de Ferrol, 2018.
Bibliografía citada:
Saz, Ismael: “España contra España. Los nacionalismos franquistas”, M. Pons Historia, 2003.
