No libro Mito e realidade, o filósofo das relixións Mircea Eliade descrebe como retorno á orixe cando <<a primeira manifestación dunha cousa é o significativo e válido, e non as súas sucesivas epifanías>>. Aplicado ese argumentario ao mundo sindical hexemónico, esa bitola que atesouran as centrais tamén autodenominadas representativas, arroxa unha imaxe tribal de Comisións Obreiras (CCOO) e a Unión Xeral de Traballadores (UXT). E non só pola súa avultada mochila de corruptelas por xunto en nome da clase obreira (as máis recentes: os cartóns black de Caixa Madrid; a multimillonaria fraude dos ERE en Andalucía; a apropiación de fondos públicos polo líder de SOMA-UXT Fernández Villa; ou a viraxe cara zonas económico-sociais máis rendibeis do ex secretario xeral de CCOO, José María Fidalgo, e do seu colega a responsable da área de Finanzas, María Jesús Paredes, o primeiro como abanderado da Marca España e a segunda en tanto sindicalista premiada pola multinacional norteamericana Citibank).
Asin escrutado, o tándem-caste CCOO-UXT case nunca defrauda. A realidade adoita superar ao mito. A súa traxectoria supón unha carreira de epifanías, en canto á súa capacidade para promocionarse en novas realidades, e un menosprezo dos principios. Porque a falta de masa crítica na opinión pública, as súas respectivas direccións poden dicir unha cousa e facer o contrario, ou viceversa, segundo sopre o vento político, sen custo nen decote. Bigorna e martelo,na casa do ferreiro, coitelo de pao e na do carpinteiro, sentarse no chao . Como última evidencia, aí está o globo sonda sobre a extensión do número de anos de cotización para o cómputo da prestación de xubilación. Abortada en principio por unha oportuna filtración endóxena, a medida aínda no tear do ministerio de Seguridade Social con outro apelido, non só cultivou a lóxica repulsa das agrupacións de pensionistas, senón que mesmo CCOO e UXT ameazaron con mobiizacións ante tamaño machadazo estrutural.
Sería bon se fose certo. Mas os feitos os denuncian, aínda que suas palabras os corroen. Sen dúbida, é de agradecer que ambos os sindicatos mostrasen a súa oposición ante unha arremetida gobernamental que de levarse a cabo suporía agravar aínda máis as condicións de xubilación de futuras xeracións. Expandir a base regulatória dos actuais últimos 25 anos para 35 desde o 2023, como se recollía no borrador arranxado para enviar a Bruxelas baixo a rúbrica Componente 30, implica unha redución de até o 6,3% da percepción. Por iso, hurra por CCOO e UXT! Con todo, non é ouro todo o que reloce, salvo que as dúas centrais fixesen un acto de contrición sen que nos decatamos. Porque o cambio a 25 anos agora suxeito a axuste ao grande foi introducido polo Executivo socialista de Rodríguez Zapatero en 2011 precisamente previo pacto con Comisións Obreiras e UXT (https://cadenaser.com/ser/2011/01/27/economia/1296088750_850215.html). Daqueles ventos… o herdo recibido..
De epifanías, eternos retornos e psicofonías saben tamén un queixo noutra caste: a cúpula das Forzas Armadas. Cando aínda os medios de comunicación ao unísono celebran os traballos da UME durante a nevada do século, mentres se corre un mesto veo sobre a sorte que correse a misión de rastreadores militares da Covid-19, coñecemos novos datos da loita castrense contra o letal bicho. O Xefe do Estado Maior da Defensa (JEMAD), o xeneral Miguel Angel Villarroya, e outros que tal bailan, vacináronse saltándose o escalafón sanitario, como xa fixeran decenas de dirixentes políticos das dúas beiras. Villarroya era un dos relatores uniformados que escoltaban a Fernando Simón nas roldas de prensa para informar os estragos da pandemia durante a primeira onda. Máis en concreto, era a persoa, difícil e marcial, que adoitaba terminar as súas arengas como o refrán de vetusta estirpe alcazareña: <Sen novidade na Operación Balmis>>.
