Ás veces hai vitorias amargas. Son aquelas que dan o goberno aos “bos” (a esquerda segundo o canon) e levan na súa mochila a postración da sociedade civil. Nen crítica, nen vixilancia, nen capacidade de resposta. Trátase de “un dos nosos” e a coherencia e a honestidade presupónselle. Non hai canario na mina. Iso só rexe cando está no poder a dereita (os “malos” da catequese ideolóxica). Iso é o que esta sucedendo desde o minuto uno coa xestión da pandemia ” á española”. A técnica de meter a cabeza baixo a á que nos empolicou como un dos primeiros países do mundo con peor balance ante a arremetida do maldito bicho.
O pasado 19 de decembro, Our World in Data e Mortality.org informaba que España era o membro de toda a Unión Europea que rexistrara máis mortes pola Covid-19 desde que irrompeu o virus (https://ourworldindata.org/excess-mortality-covid). Exactamente 77.271 mortos contabilizados nos rexistros civís fronte aos 44.668 dos re-contos oficiais. O que supón un exceso do 26% de óbitos, fronte ao 4% de máis rexistrado en Alemaña (23.096 defuncións), a pesar de case dobrarnos en poboación e os 3.399 de Grecia, que sufriu tres resgates-país (para os que escusan as nosas secuelas cargando todo aos axustes e recortes aplicados durante a etapa de Zapatero e Rajoy, que habelos hainos).
A primeira onda, a dos idus de marzo, colocounos no macabro podio de ostentar o liderado en mortos, infectados e sanitarios contaxiados, sen que o confinamento máis severo aplicado até entón a nivel global, co engadido dunha hibernación total da actividade económica, sandase significativamente o panorama. Iso si, cando o goberno decidiu precipitar a desaceleración, baixo a presión do PNV, o seu socio de investidura, a Pedro Sánchez faltoulle tempo para anunciar a boa nova. “Derrotamos ao coronavirus”, celebrou o presidente o 5 de xullo, case en paralelo a que Gran Bretaña instase os seus cidadáns a non viaxar a España. Un fracaso de moito carallo que lanzou por terra o intento de relanzar o turismo, o monocultivo produtivo no que estamos instalados desde que o franquismo inventase con grande suceso o pesebre económico de sol e praia.
Do nen contigo nen sen ti teñen os meus males remedio, pasamos a unha especie de estado de alarma perpetuo, coas singularidades que aplican cada comunidade autónoma pola súa conta e risco. Porque do que se trata é de botar a culpa ao contrario, o goberno á posición e viceversa. O triste negocio da pandemia. Utilizar o devalo xeral para arrepañar xuros políticos. Unha disputa que, afinal de contas, converte a loita contra a pandemia, caia quen caia, en subsidiaria dos intereses electorais dos partidos con mando en praza. Non hai canario na mina que nos advirta do perigo á espreita. E como no goberno están os “bos” (ergo, a esquerda institucional) e a maioría dos medios de comunicación (todos crebados) tornáronse en terminais súas, quietos, parados! Case nenguén se atreve a protestar, manifestarse ou levar a contraria. Non hai que desestabilizar nen facer o xogo aos fachas. Deus e os seus representantes na terra han fornecer.
E así, mofa mofando, pousamos en plena terceira vaga. Con nova cepa ou simple mutación da bichería, o pasado fin de semana media Europa colocouse en posición de máxima alerta ante as noticias que chegaban de Gran Bretaña, potencialmente o foco dun rebrote moito máis virulento. Meu dito meu feito, en apenas unhas horas vinte nacións excluían os voos procedentes de Londres e arredores. Flagrantemente desprezando o feito de que desde hai unha semana nos seus aeroportos esixíanse test precautorios, e de que o Reino Unido foi o primeiro do continente na carreira pola vacinación.
Porén, España é diferente, ou indiferente, segundo a posición do observador. Porque mentres iso sucedía na nosa contorna, o ministro de Sanidade Salvador Illa declaraba que a el non lle constaba que o novo patógeno chegase aquí. Outra vez, tarde e mal. Porque se hai dous territorios dentro da Unión Europea especialmente expostos a visitantes ingleses un é precisamente o noso. Son miles os británicos que residen na Costa do Sol e outros tantos os que adoitan viaxar á península e as illas para pasar o nadal afastados da tediosa bruma londiniense. Por non falar do tráfico diario existente na colonia de Xibraltar, onde traballa outro importante continxente de españois.
A historia repítese, grotesca, se non fóra polas súas funestas consecuencias a medio e longo prazo para a saúde e a económica dos máis fracos. Ao pechar esta nota, segunda-feira 21 de decembro, sóubose que o goberno pensa sumarse ás citadas restricións a partir da terza. E onde dixen digo, xa digo diego, e que saia o sol por Antequera. Entre o sábado 18 e o domingo 20, chegaron 203 avións procedentes de Gran Bretaña, e na segunda estaban previstos outros 120. Será que para o ministro Illa todos gozan da permisiva condición de “achegados”, esa procria-coadeira que perpetrou o noso filósofo de cabeceira no seu momento de Pontifex Maximus.
Un dos maiores desastres que lle pode acontecer a un país
En tempos de non facer mudanza
Canario na mina
Derrotamos ao virus
Non me consta










