Seica “o goberno local de Cedeira aposta por revitalizar o roteiro, empregando monolitos de pedra co símbolo do peixe, para facilitar a afluencia da xente. E faino de contratou traballos de sinalización do Camiño Vello a San André de Teixido, por valor de 15.814,70€ e con cargo ao acordo coa Axencia de Turismo de Galicia. A empresa Goodlife Factory vaise ocupar de colocar no percorrido 12 novos monolitos de pedra, coa figura do peixe de cor vermella, e dous paneis informativos con vinilos resistentes á intemperie locados no miradoiro de Chao do Monte e á chegada a Santo André e neles haberá un código QR que dará acceso a información sobre o Camiño Vello, en galego, castelán ou inglés, ben sexa para ler na web ou para escoitar nun podcast. A actuación inclúe tamén a renovación de tres vinilos en paneis xa existentes, que se atopan moi deteriorados, e a reubicación de catro monolitos mal situados.” O Concello lémbranos que o “Camiño Vello a San André é unha ruta moi antiga”, tal como indica o seu nome, que parte do mosteiro de San Martiño de Xuvia e percorre 40 km ata o santuario cedeirés. O bento Pai Sarmiento describiuna nun escrito xa en 1755″ (sic.)
Porén, a turisficación está a se converter nun andazo que infecta non poucos alcaldes. Quen estiver interesado irá detectá-lo no intenso uso que fan do anglicismo “para poñer en valor” ou “revitalizar” (sen que se saiba ben o que iso quer dicir, xa que pode ir desde organizar o final de Vuelta España na Herbeira (Rede Natura) até organizar roteiros xeolóxicos ou pór fitas de pedra no camiño a Teixido, emulando así o roteiro de Santiago). Todo pola teima de pór no mapa. Apelan ao carácter idiosincrático, patrimonial, histórico ou natural segundo o requirido mas todo acaba converxendo no mesmo. E a proba é que esta intervención faise de acordo coa Axencia de Turismo de Galicia ( temos unha
Xunta na que a Consellería de Cultura tamén é a de Turismo)
Ben é que estea sinalizado, informado e documentado. Ainda que a elección do peixe é problemática xa que ademais de non ser o máis identificativo de Teixido, asimila o seu corpus mitosimbólico ao catolicismo – cando é un senlleiro rito pagán de substrato preindoeuropeo – e desleixa asín as outras figuras posibles que mellor o simbolizan e significan (a herba empreñadoira, a fonte dos tres canos, a pedra, a pola de aveleira ou calquer becho reptante…). Esta intervención da administración parece condescendir á aberrante colocación hai uns anos de cruces no medio e medio dos amilladoiros que unha asociación sen apariencia confesional se arrogou o dereito a colocar apropiando e deturpando así o patrimonio material e inmaterial ante o silencio desleigado da admistración.
Un feito paradoxal recristianizar un mito ancestral de raicera preindoeuropea, que durante séculos nen a igrexa católica conseguiu evanxelizar totalmente e que hoxe co aquele de “poñer en valor” se perpetra en nome da economia do turismo, esa outra relixión.
Ao mellor tamén che interesa


















