“Non se milita nos partidos, milítase nos medios”
(Pablo Iglesias)

A polarización política desatada en España en tempos de pandemia produce monstros que a maioría da xente acepta como querubins. Son exemplos maniqueos que penduran como acios das follas do calendario no discorrer diario. As medidas de contención da covid-19 son excelentes ou despreciables segundo a cor ideolóxica das autoridades que as implanten. Os actos de protesta son chamados de rexeitábeis, se parten dos “cayetanos” en rexeizón ao Goberno de coalición, e xustos e necesarios se quen os protagonizan son grupos de esquerda como os que se opuxeron ás restricións da Comunidade de Madrid en “barrios obreiros” da capital. Por non falarmos do emarañado bumerán a favor e en contra con que se identificaron os “disturbios” e ” altercacións” en moitas cidades o último fin de semana de outubro a conta do toque de queda e limitacións á libre deambulación. Dous extremos sen posible remisión, como as posicións enfrontadas que reflectía Arthur Koestler no seu ensaio The Yogi and the Commissar (1945), aquí metaforicamente e alternativamente representadas polos adversarios políticos a esquerda e a dereita, segundo quen for o que ostente o poder ou lidere a oposición, a oposición ou o poder.
A última achega a esta guerra de trincheiras e búnkeres trae causa da orde ministerial do 5 de novembro pola que se crea un Procedemento de Actuación contra a Desinformación, que contempla a monitorización das redes sociais para contrarrestar as noticias falsas. Tomando como referencia un plan da Unión Europea (UE) de decembro de 2018 dirixido aos países membros ante a avalancha de infundios acerca da crise do Brexit, o Goberno encargou a misión de vixilancia e control do universo dixital a un organismo permanente dirixido polo Departamento de Seguridade Nacional a cargo Iván Redondo, o número dous de Moncloa e xefe do Gabinete de Presidencia. A falta dun supervisor independente e o feito de que sexa a propia Administración quen decida que noticias deben ser investigadas e no seu caso anuladas, provocou un profundo receo na oposición. Até o punto de que o Partido Popular fala de intento de establecer a censura encuberta, cualificando a disposición de novo “ministerio da verdade”, en alusión á distopia exposta por George Orwell na súa famosa novela 1984. Desde Moncloa, pola contra, insístese en que o único que se busca é garantir a veracidade da información e o pluralismo mediático, como recolle o artigo 20 da constitución. Pola súa banda, o diario El País lembraba que hai dous anos, durante o mandado de Mariano Rajoy, tratouse de tipificar as “campañas de desinformación como ameazas para a Seguridade Nacional dentro da chamada “guerra híbrida”.
E ten razón o rotativo adicto a Ferraz, mas por motivos equivocados. Certamente, o entón Goberno do PP, a raíz do alude de fake news diseminadas por robots informáticos durante o referendo do 1-O en Catalunya, rexistro unha proposición non de lei con que mitigar e responder “ante accións estranxeiras destinadas a cuestionar e debilitar a confianza nas institucións públicas”. A iniciativa resultou amplamente derrotada ao solicitar só o apoio de Ciudadanos, recibindo serios reproches por parte dos partidos que hoxe conforman o Goberno de coalición. Así, o entón portavoz socialista destacaba na súa crítica que fose o Goberno “quen por vía administrativa censure unha noticia en base a unha falsidade que el mesmo determina”. Na mesma liña de denuncia expresouse o representante de Unidas Podemos, Rafael Mayoral, ao dicir que o PP pretendía instaurar unha “Lei Mordaza 2.0” e que en realidade se estaba expondo “a creación dun ministerio da verdade” (Diario de Sesións, 13/03/2018).Maldita hemeroteca!
A tese ambivalente do “iogue e o comisario”. Na oposición colócanse a careta liberal do “iogue” e cando alcanzan o poder asumen a careta autoritaria do “comisario”. Aquilo do que o xogo oportunista da partitocracia realmente existente non cabe inferir que debamos botarnos ao carón e “que inventen eles”. Pola contra. E máis nos críticos momentos que atravesamos, cando unha especie de “síndrome de Estocolmo”, froito do medo, o abandono e o desconcerto provocado pola pandemia, incita a deixar que outros decidan por todos sen render contas. Como primeira providencia habería que “comprar” o que entón demandaba o PSOE. Deixar en mans do goberno o papel de xendarme da probidade informativa é unha aberración democrática capaz de crear máis problemas que os gaños que en teoría se pretenden. Quizais por iso, Sanidade resístese a crear unha auditoría independente sobre a xestión da pandemia como reclamaron reiteradamente expertos e colectivos sanitarios nacionais e estranxeiros. Ao revés, esa tamén é a razón pola que o Goberno progresista recrimina ao Banco de España e á Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) por emitir informes desacreditando as previsións orzamentarias para o 2021. Dicía Lord Acton: “o poder corrompe e o poder absoluto corrompe absolutamente, por iso a maioría dos políticos é xente ruín”.
Con ser vasos comunicantes e reincidentes, o intento do PP en 2018, no fragor do contencioso independentista, e a do PSOE e UP neste 2020, en pleno Estado de Alarma cunha pandemia desenfreada, non son iguais nen equivalentes. O que vai ao ar hoxe vén de mans dun goberno que tentou cambiar as leis para que o CGJ, o órgano dos xuíces, fóra elixido a demanda do partido máis votado, erosionando o principio de separación de poderes. E cuxo vicepresidente estivo á fronte dunha canle de televisión sostido economicamente por un Estado teocrático que vulnera os dereitos humanos máis elementais. Pero estes antecedentes estarían amortizados a fondo perdido se non fóra por un rastro que sinala nunha dirección preocupante para a liberdade de información e expresión: o Real Decreto-Lei 14/2019, de 31 de outubro, aprobado polo PSOE que permite “a intervención das redes e servizos de comunicacións electrónicas [?] para preservar ou restabelecer a orde pública, a seguridade pública e a seguridade nacional”, sen previa autorización xudicial.
Xa dixo o xeneral de brigada José Manuel Santiago, xefe do Estado Maior da Garda Civil, un do tres centurións que escoltaban a Fernando Simón para dar o parte da Operación Balmis durante a primeira e fatídica onda do coronavirus, que entre as súas misións estaba “minimizar o clima contrario á xestión da crise por parte do Goberno” (19/04/2020).
(Nota. Este artigo publicouse no Blog Alkimia de El Salto)










