off
América, Movementos sociais, Opinião, Politica internacional — 1 Novembro, 2020 at 12:42 p.m.

A vía chilena en tempos de pandemia

by

Para a miña xeración, a que dilapidou os mellores anos das súas vidas tratando de burlar a  mediocridade bocexante do rexime de Franco, a chegada de Salvador Allende ao Palacio da Moeda en Santiago de Chile, o 3 de novembro de 1970, supuxo unha válvula de escape cara á perspectiva dun futuro en liberdade. Unha sensación que logo se confirmou coa “revolución dos cravos” en Portugal o 25 de abril de 1974. Eran dous procesos políticos distintos, mas co mesmo resultado emancipador, e posiblemente con algunha íntima conexión na súa decurso. No país de Neruda, o veredicto para a democracia partira das urnas soberanas e a súa criminal destrución chegou dos milicos golpistas dirixidos por Augusto Pinochet e os sicarios da CIA norteamericana. Na terra de Pessoa, polo contario, foron os capitáns avergonzados pola cruel guerra colonial quen acabaron coa ditadura de Oliveira Salazar porque “O povo é quem mais ordena / Dentro de ti, ó cidade”. Eses dous referentes, e as pegadas do maio francés do 68, forman parte dos nosos acenos de identidade.

Por iso, asistir outra vez ao exemplo cívico demostrado o pasado domingo polo pobo chileno, conmóvenos. Quizais a única sociedade da nosa contorna cultural e política que, no canto de flaxelar-se coa pandemia e aceptar resignadamente os designios dos seus gobernantes, deu un paso á fronte para ser protagonista da súa historia en momentos decisivos. Na estirpe daquel kairós dos gregos da antigüidade, salvando as distancias e cunha certa vehemencia no rexistro histórico, que levou a Pericles no século V antes de Cristo a dedicar o seu discurso fúnebre pola derrota de Atenas ante Esparta para “inventar” a democracia. Un modelo de convivencia en comunidade onde, como na canción de Zeca Alfonso Grândola, Vila Morena, o povo é quem ordena na polis. “Para que os pobres tivesen acubillo e os ricos freo”, en palabras do historiador contemporáneo Tucídides.

Mentres medio mundo, preso da Síndrome de Estocolmo intubado pola covid-19, pasaba do confinamento perimetral ao toque de queda, e da prohibición para reunirse na vía pública ao enclaustramento obrigatorio, os chilenos, ca sua desprendida mocidade á fronte, enfrontábanse osadamente ao poder instituido. Sen medo a ser tachados de negacionistas, insolidarios e irresponsables, aproveitaron a conxuntura para expor unha emenda á totalidade á constitución que rexera no país desde 1980, e que representaba o “atado e ben atado” do pinochetismo sen Pinochet. E facíano cunha ambición de profundización democrática sen parangón, avalada polas protestas mantidas a sangue e lume durante todo un ano contra o goberno do neoliberal Piñera e os estamentos privilexiados que lle sustentan. Un statu quo que finalmente non tivo máis remedio que recoñecer a súa derrota, que é a da clase partitocrática no seu conxunto, e aceptar os seus “subversivas” demandas. En forma dun referendo constituínte autoxestionario, elaborado desde o pobo, polo pobo e para o pobo, a través dunha convención de cidadáns e cidadás en paridade de xénero. “Sen “pais da patria” (nais, fose) que se repartan o mapa do tesouro nunha timba.

O pasado domingo 26 de outubro, un rotundo 78,27% dos chilenos aprobaba iniciar un proceso político para elaborar unha nova constitución, e un esmagador 78,99% decantábase porque se fixese pola acción directa da base social, sen intervención de profesionais da política. Desta maneira, a pesar da sozobra provocada pola pandemia entre a poboación e as limitacións que o toque de queda supuña para a mobilización política do eixo antisistema, o espírito de Pericles volvía facer da necesidade virtude e da adversidade un renacer xubiloso. Nesta ocasión, á marxe dos cantos de sirena da “nova normalidade” que administran os Estados e o Capital, que viron a irrupción da pandemia como un motivo para afirmar un Leviatán dixital que re-lexitime o monopolio da violencia, a dominación e a explotación, baixo novos códigos de servidume voluntaria, no que resta do século XXI.
Non penso, fronte ao que afirma o talentoso ensaísta Byunng-Chul Han, que o modelo de postración ante a autoridade, practicado con éxito para frear ao coronavirus na China dos dous sistemas, a ordo neoliberal Corea do Sur, a autócrata e despótica Singapura ou a chovinista Taiwan, atesoure un modelo de virtudes de longo alento. Máis ben estimo que ese disciplinamento provén dunha ancestral cultura de obediencia debida inspirada na tradición confucionista imperante nestas latitudes. Só que en posición 5G de interconexión en liña. Mas na mesma ou superior medida habería que destacar a coraxe cívica e a ética democrática que atinxe a fazaña chilena. Porque foi capaz de sobreporse a unha conxuntura devastadora abrindo mentes, desentullando camiños e tendendo pontes para as xeracións futuras.
Unha utopía? No centenario da morte de Max Weber conviría lembrar o que deixou escrito na política como vocación o fundador da socioloxía comprensiva: “Neste mundo nunca se lograría o posibel se non se tentase unha e outra vez o imposibel”

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off