off
Arquitectura, Cedeira — 21 Outubro, 2020 at 12:35 p.m.

Adxudicada a rehabilitación do Pazo de Moscoso na vila de Cedeira

by

[Pingota Comunicación] A empresa Obras Gallaecia ocuparase da actuación, que pemitirá sumar nosos espazos para os servizos administrativos municipais e unha nova zona verde.  A xunta de goberno  do Concello de Cedeira adxudicou á empresa Obras Gallaecia o proxecto de execución da rehabilitación do Pazo de Moscoso. Cun importe de 450.746,26€, a súa foi a oferta mellor valorada entre as cinco que se presentaron ao proceso e supón unha baixa dun 9% respecto ao prezo de licitación, de 496.462,04€ (ambos con IVE incluído). Fontes do concello de subliñaron a importancia da actuación pola súa contía e porque “vai significar sumar espazos para o traballo administrativo municipal e, en definitiva, permitirá prestar un mellor servizo á cidadanía”.
Os traballos contratados teñen un prazo de execución dun ano e consisten na restauración das fachadas e do interior do inmoble, garantindo as axeitadas condicións de accesibilidade. En total, a planta baixa, primeiro e segundo andar e o faiado, suman 530 metros cadrados útiles. No baixo, cuns 160 metros cadrados de superficie, irán as oficinas de Servizos Sociais, que actualmente están no Auditorio Municipal e liberarán alí espazos para as asociacións. Tamén se trasladarán aos novos espazos na Casa Avelino as oficinas da Policía Local e de Intervención. Entre o primeiro e o segundo piso haberá oito despachos, mentres que o faiado será aproveitado para almacenaxe e sala de instalacións. A situación do edificio, a poucos metros do consistorio, é unha vantaxe cara á veciñanza e tamén para o traballo do persoal municipal. A actuación contribuirá á recuperación da arquitectura do casco vello, sacando ao edificio da súa situación de abandono. “Este proxecto vai ser un avance na posta en valor do conxunto histórico da vila e na recuperación da súa grandeza. Nesta liña, o proxecto albisca a colocación dun painel, á entrada do pazo, no que se ofrecerá información sobre a historia do inmoble, cuxa construción primixenia data do século XV. Para o coñecemento da historia do predio  e do edificio o Concello contou coa colaboración do historiador Rafael Usero. A obra inclúe a actuación no terreo anexo ao inmoble para convertilo nunha zona verde de uso público, con acceso desde a rúa Ferrol.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off