off
Cedeira, Galiza, Historia, Movementos sociais — 9 Outubro, 2020 at 10:42 a.m.

Cedeira elimina ruas e distincións a Manuel Fraga e ministros da ditadura

by

O BNG de Cedeira apresentaba no pleno municipal celebrado o 2 de outubro unha moción sobre a retirada de distincións de fillos adoptivos de Cedeira en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, moción aprobada cos votos a favor do BNG e do PSOE. O PP cedeirés votou en contra pola inclusión no listado de fillos adoptivos de Manuel Fraga Iribarne. Anteriormente, o pleno de Cedeira de 30-4-2007 acordaba retirar outros símbolos franquistas como un monólito de homenaxe ao ditador Franco, inaugurado o 14 de maio de 1977 por Gonzalo Fernández de la Mora.

A seguir  algunhas das persoas que teñen a distinción de fillo adoptivo de Cedeira,  todas concedidas durante a ditadura, como recolle o libro “Hijos predilectos y adoptivos de Galicia”, publicado en 2004 polo Grupo Correo Gallego.

JULIO MUÑOZ RODRÍGUEZ DE AGUILAR (27-8-1941). Golpista. Falanxista. Gobernador civil da Coruña. Membro da “Junta pro pazo del Caudillo”, que promoveu o roubo do pazo de Meiras, cuxa devolución ao patrimonio público foi aprobada por unanimidade da Deputación da Coruña e do Parlamento Galego.

SALVADOR MORENO FERNÁNDEZ (1-4-1950). Militar golpista. Ministro na ditadura. O pleno de Ferrol de 2-3-1981, con alcaldía do PSOE, cambiaba a rúa Salvador Moreno por Irmandiños. Marín, alcaldía do PSOE, tamén retiraba a súa rúa. Pontevedra, alcaldía do BNG e co apoio do PSOE, cambiaba en 2002 a súa rúa por Rosalía de Castro.

JOSÉ ANTONIO GIRÓN DE VELASCO (20-2-1951). Significado falanxista. Ministro na ditadura. O pleno de Ferrol de 2-3-1981, alcaldía do PSOE, cambiaba a súa rúa por Ricardo Carbalho Calero. O pleno de As Pontes, alcaldía socialista de Valentín González Formoso, actual presidente da Deputación da Coruña, retiráballe a Medalla de Prata. O pleno da Coruña de 1-3-2010, alcaldía socialista e goberno PSOE-BNG, retiraba a distinción de Fillo Adoptivo.

PEDRO NIETO ANTÚNEZ (5-7-1967). Militar golpista. Ministro na ditadura. Marín, alcaldía do PSOE, retiráballe a rúa. A Deputación de Pontevedra, presidencia do PSOE e goberno do PSOE-BNG, retiráballe en xullo de 2016 o título de Fillo Adoptivo. O pleno de Santiago de 19-7-2018, alcaldía de Compostela Aberta, retiráballe a distinción co voto a favor do PSOE e BNG.

MANUEL FRAGA IRIBARNE (5-7-1967). Militante franquista durante 35 anos. Ministro na ditadura. Cambados retiráballe a rúa na década dos oitenta. Posteriormente, este mesmo concello retiraba o 21-4-2017 una escultura de Manuel Fraga, que a alcaldesa do PSOE (Fátima Abal), xustificaba así: “Fraga foi ministro con Franco e existe una Lei de Memoria Histórica que obriga a retirar os elementos franquistas dos espazos públicos. E Fraga nunca repudiou os asasinatos cometidos nesa etapa” (La Opinión, 22-4-2017). O pleno de Ferrol de 25-4-2019, alcaldía de Ferrol en Común, e co voto a favor de PSOE e BNG, acordaba retirar a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, concedida en 1965. E o pleno da Coruña de 6-5-2019, alcaldía de Marea Atlántica e co voto do PSOE E BNG, acordaba iniciar o expediente para retirarlle a distinción de Fillo Adoptivo, concedida en 1968.

GONZALO FERNÁNDEZ DE LA MORA Y MON (20-6-1973). Ministro na ditadura. O pleno de Santiago de 19-7-2018, alcaldía de Compostela Aberta, acordaba co voto de PSOE e BNG, retirarlle a distinción. 

Moitos concellos de Galiza ainda manteñen rúas e distincións a ministros da ditadura: Santiago ten como Fillos Adoptivos a 20 ministros, 8 Ferrol, 7 Lugo, 4 Pontevedra; 7 a deputación da Coruña e 3 a deputación de Pontevedra.

                

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off