off
Enerxías, Galiza — 15 Setembro, 2020 at 10:10 a.m.

A Plataforma da veciñanza de San Xoán demanda substituír a rede abastecemento de auga pótábel de tubos de fibrocemento

by

A reivindicación da veciñanza de San Xoán, de substituír a rede abastecemento de auga pótábel de tubos de fibrocemento, e as últimas roturas como a de Sánchez Calviño, reforzan a idea de que a xestión privada de Emafesa é un desastre para a cidade

– A Plataforma demanda unha actuación concreta de elaboración dun Plano dos tramos da rede con fibrocemento, de control da cantidade de amianto na auga que chega aos fogares e un Plano de substitución con orzamentos e prazos.

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización quere amosar o seu apoio à reivindicación da asociación veciñal de San Xoan, conforme o concello de Ferrol debera aproveitar a obra das novas beirarrúas para retirar as tubaxes de fibrocemento e substituílas por tubos que non supoñan un perigo para a saúde. Este material, o fibrocemento está ocupando tamén en moitos outros barrios da cidade a función da canalización da auga potábel.

O Concello e Emafesa teñen a obriga de garantir que a auga potábel subministrada sexa limpa e saudábel, e que non conteña ningunha sustancia que constitúa un perigo potencial para a saúde, e por iso que desde a Plataforma esiximos o control da auga que chega aos fogares que se subministra a través de redes con tubos de fibrocemento, facendo analíticas periódicas en puntos concretos da rede.

O Estado Español asinou en 2008 o Convenio de Rotterdam, un tratado internacional para evitar que produtos perigosos danen a saúde humana, onde se inclúe o amianto presente no fibrocemento. A UE prohibe o uso e fabricación de fibrocemento. En 2017 a Comisión de Medio Ambiente do Congreso aprobaba un plan para a auditoría e substitución dos máis de 40.000 km de tubaxes de fibrocemento que aínda quedaban no estado español canalizando a auga potábel. Moitos concellos acometeron iniciativas para realizar esa substitución. Non é o caso de Ferrol, onde a empresa EMAFESA, xestionada por SOCAMEX, xa foi denunciada nun Informe de Fiscalización do Consello de Contas, nos primeiros anos do comezo da súa actividade, por non ter efectuado os obrigados investimentos na mellora das infraestruturas do tratamento e canalización da auga no noso Concello, en concreto ao deixar de realizar máis de 4 millóns de euros dos 10 previstos no Pliego de Condicións, concretado no Plan de investimentos 2001-2004.

Múltiples avarías cada ano, mostran a deteriorada situación da canalización. Este ano 2020 non está sendo diferente. En xaneiro era unha condución de fibrocemento no barrio de Telleiras e na rúa da Igrexa; en febreiro outra ruptura importante na Rúa Lepanto dese mesmo barrio; en marzo a ruptura era na Cabana; en abril na Graña e en agosto a ruptura en Sánchez Calviño e no Polígono de A Gándara. Estas foron as informadas polos medios de comunicación, que con toda seguridade foron moitas máis, como así recollen os Informes Anuais de Xestión, para xustificar os gastos. Hai que sumar a situación de deterioro da canalización de auga que se fai ao longo da ponte das Pías, para os concellos de Fene, Ares e Mugardos. E agora en setembro un camión envorca en Freixeiro os lodos tóxicos da depuradora de Caneliñas.

Todas estas incidencias súmanse aos abusos e irregularidades que se lle veñen permitindo a esta empresa sen que se abra nin un expediente administrativo ou unha auditoría integral na xestión, tantas veces anunciada. Pola contra, e contra as reiteradas denuncias desta Plataforma e de miles de veciños e veciñas de Ferrol, se lle permite cobrar por servizos que non presta, como é a taxa de depuración antes de abril de 2017, ou pola xestión dos colectores, interceptores, emisarios submarinos, pozos, rexistros… que xa non son competencia desta empresa senón de ACUAES a través de Viaqua. Permitese-lle a aplicación de lecturas estimadas abusivas (para financiar-se de xeito irregular), ou de lecturas lineais (20m3 bimensuais) sen ter en conta o consumo, a barrios enteiros como Recimil ou as antigas sindicais de San Pablo e Serantes, e un longo historial de saqueo a esta cidade desde a creación de EMAFESA no ano 2000.

Unha empresa que en xullo de 2015 ocultaba que os trihalometanos presentes na auga que bebiamos, estaba a pór en perigo a nosa saúde; unha empresa que pretende cobrar máis de 7 millóns de euros por un servizo que non prestou; unha empresa que incumpre unha e outra vez a normativa da xestión a auga, non se vai a preocupar de planificar a substitución do fibrocemento dentro dun plan de mellora, como lle correspondería, das infraestruturas de abastecemento da auga potábel na nosa cidade.

Polo tanto, como Plataforma pedimos ao Goberno Municipal:

1º Que publique un relatorio da rede de condución da auga que se realiza por tubos de fibrocemento elaborando o seu Plano, coas caractrísticas concretas da tubaxe. Que indique se se realizou algunha substitución dese material e en que condicións e data.

2º Que se redacte un Plan de Substitución do Fibrocemento no concello de Ferrol (con orzamento e prazos), dando prioridade ao barrio de San Xoán coincidindo coas obras da beirarrúas.

3º Que se controle mediante analíticas concretas e periódicas, a cantidade de fibras de amianto que hai na auga que sae das billas nos fogares.

A  Plataforma na defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, seguimos apostando pola recuperación para a xestión pública deste servizo, como único xeito de enfrontar a solución a todos estes problemas.

Ferrol, 9 de setembro de 2020

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off