off
Educação, Galiza — 8 Xullo, 2020 at 7:55 a.m.

Concentración da CIG-Ensino diante da Consellaría de Educación esixe a planificación preventiva e educativa do vindeiro curso

by
A CIG-Ensino concentrouse o dia 8 diante de San Caetano e na Mariña. En Compostela recreou unha aula con 20 estudantes mantendo a distancia de seguridade para evidenciar o traballo que ten por facer a administración educativa.Suso Bermello,secretario da CIG-Ensino, reclamoulle ao goberno do PP que deixe dunha vez os seus cálculos electorais e que convoque unha negociación de forma inmediata para abordar a planificación das medidas preventivas e educativas nas que se vai desenvolver o vindeiro curso. “Nestes momentos noutras comunidades, de todas as cores políticas, xa están avanzadas estas negociacións e aquí o único que sabemos é que a Xunta do PP mantén a súa dinámica de pechar unidades educativas coma todos os veráns. Os centros, o profesorado e as familias non se merecen tanto desprezo e desatención”.

Centros, familia e profesorado non se merecen este desprezo e silencio por motivos electorais do goberno do PP. #negociacioncurso20_21

Así foi a recreación dunha aula con 20 estudantes mantendo 1,5 metros de distancia diante da Consellaría. Porque para garantir a presencialidade do ensino o vindeiro curso cómpre +profesorado e – ratios, + recursos e – inseguridade, + planificación e – improvisación.

 

Da conselleira de Educación Carmen Pomar nada se sabe desde hai máis dun mes, cando faltan menos de dous para que dea comezo o novo curso no marco dunha pandemia mundial, os centros, o profesorado e as familias seguen en vilo sen saber como será a volta ás aulas.

Non se coñece cales son as verdadeiras intencións do goberno da Xunta despois de que inicialmente o presidente Feijóo declarara que prefería destinar os cartos dedicados ao ensino “a outros fins” e a continuación, como xa nos teñen acostumados a dicir unha cousa e a contraria, a conselleira cualificara a cantidade que se destinará dentro do fondo de reconstrución a este fin como “insuficiente”. Así, na contradición permanente e na deixadez de funcións, que foi como actuou a Consellaría de Educación desde o inicio  do estado de alarma, seguimos instalados a 8 de xullo, polo que a CIG-Ensino despois de promover a aprobación de resolucións en claustros e de promover unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar a negociación desta planificación convocou para hoxe unha concentración diante da Consellaría de Educación na que recreou unha aula de 50 metros cadrados, superior á medida das aulas dos centros galegos, na que se distribuirían un grupo de 20 alumnos e alumnas para esixir que se tomen as medidas oportunas para manter a distancia de 1,5 metros de seguridade.

Bermello, lembrou que a única forma de garantir este distanciamento físico é mediante a redución de ratios e o incremento de profesorado e avogou porque o ensino sexa exclusivamente presencial, porque é a única fórmula válida, durante todo o curso. Así mesmo, durante a concentración púxose de manifesto que a única novidade que se ten da Consellaría nos centros nestes momentos é naqueles aos que se lles está comunicando que se pechan unidades, unha práctica habitual de todos os veráns, que demostra que nin sequera en tempos de pandemia o goberno de Feijóo paraliza os recortes ao ensino público.

Fontes da CIG anunciaran que de  non producirse ningún avance nos próximos días a CIG-Ensino non descarta levar a cabo novas mobilizacións e mesmo comezar o curso con accións máis contundentes.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off