A CIG vén de informar que representantes do colectivo, agrupados/as baixo a Plataforma galega de traballadores e traballadoras de investigación sanitaria (que integra os tres comités de empresa) compareceron este mércores en rolda de prensa para denunciar as precariedade laboral na que desenvolven o seu traballo.Durante a negociación do I Convenio Colectivo para o persoal destas fundacións, apuntaron, abordouse a situación de fraude de lei que sofren moitos destes investigadores e investigadoras por encadear contratos temporais máis alá do permitido, chegando nalgúns casos a superar os dez anos. Porén, critican que, a pesar das múltiples fórmulas propostas para resolver este problema, “a Xunta pechou a porta a negociar calquera unha desas opcións, deixando ao persoal investigador, unha vez máis, en total situación de desamparo”.
A pesar dos discursos que Feijoó repite dende o inicio da pandemia da Covid19 destacando a importancia da actividade investigadora no eido sanitario,
Subliñaron que están en clara situación de fraude de lei, con contratos temporais prorrogados sucesivamente durante anos e “sen esperanza de contratación indefinida”, polo que teñen que recorrer de maneira permanente á denuncia pública ou á vía xudicial “como única saída para estabilizar a nosa contratación”. Esta falta de estabilidade é un reflexo do non recoñecemento dende a Administración galega do labor investigador, que ademais provoca que non se reteña nin se atraia talento neste campo e advertiron que “estamos a piques de ver como unha xeración enteira de investigadores e investigadoras fai toda a súa carreira profesional en condicións de precariedade”. Así, explicaron que esta xeración tivo que facer o doutoramento -nun momento que non existían contratos predoutorais- e as estancias no estranxeiro con becas, non puideron acceder ao seu primeiro contrato laboral até pasados os 30 anos e agora “estando a menos de 10 anos da súa xubilación, nunca gozaron dun contrato indefinido”. A súa precariedade laboral bate co feito de que o persoal investigador é un dos maiores responsábeis de traer recursos ás fundacións (proxectos e contratos de investigación) que serven para o desenvolvemento do traballo, a contratación de persoal e o crecemento destas entidades. “E con todo isto, contribuíndo á xeración de novo coñecemento sobre as enfermidades, o desenvolvemento de novos tratamentos, métodos de diagnóstico, etc.; e mesmo a creación de empresas biotecnolóxicas”, apuntaron.










