off
Eleccions 12Xullo, Galiza, Movementos sociais, Traballo — 2 Xullo, 2020 at 7:11 a.m.

Ana Pontón (BNG) anuncia no ferrolá Recimil unha política social de vivenda que facilite unha oferta a prezos accesibles

by

Pontón prometeu reclamar dende a Xunta a xestión de pisos das antigas caixas transferidas ao ‘banco malo’ para convertelas en vivenda pública

 

A candidata do BNG explicou as propostas de política social de vivenda desde o barrio ferrolá de Recimil, – integrado por un millar de vivendas de protección pública-.Para  o BNG  o acceso a unha vivenda digna, tanto en réxime de compra como de alugueiro, para a clase traballadora e clase media e aqueles colectivos, como a xente moza, que por nivel de ingresos teñen moitas dificultades para acceder a unha vivenda, nun país no que os salarios están á cola da medida do Estado

Unha dificultade agravada pola subida de prezos nas cidades xunto cunha escasa oferta de alugueiro e tras unha década de Goberno de Feixóo de completo “abandono” da política social de vivenda, criticou Pontón, quen ademais destacaba que no actual momento de crise, “con miles de persoas en ERTE ou en ERE, onde os ingresos de moitas persoas e familias caeron en picado”, é máis urxente ca nunca ter unha verdaderia política social de vivenda.

“O compromiso dun goberno liderado polo BNG é poñer en marcha unha política de vivenda que garanta que o dereito das persoas a unha vivenda digna sexa efectivo e non papel mollado”, indicou Pontón, “lamentablemente nestes once anos, o goberno do PP deixou de lado a política pública de vivenda pensando máis nos intereses das empresas construtoras que nos da cidadanía”, criticou.

Os datos do Goberno de Feixóo neste materia deitan un corte do 85% dos fondos destinados a vivenda pública e un recorte do 50% dos fondos destinados a rehabilitación. En 2019 a Xunta gobernada por Feixóo só ofreceu 4 novas vivendas de protección pública, mentres que o rexistro de demandantes de protección oficial ten hoxe cerca de 15.000 persoas inscritas, “pese a que estamos nun contexto no que as persoas cada vez teñen máis dificultades para acceder a unha vivenda polo incremento de prezos nas cidades e pola escasa oferta de pisos en alugueiro, o que afecta sobre todo a xente moza ou as persoas e familias con menor renda”, alegou Pontón.

“O goberno que aspiro a liderar tras o 12X vai desenvolver unha política social de vivenda acorde coas necesidades actuais”, recalcou a candidata nacionalista antes de explicar algunhas das propostas máis significativas do programa de goberno do BNG.

Entre esas medidas, demandar a transferencia das vivendas da SAREB ubicadas en Galiza para colocalas a prezos que podan pagar a xente moza e as familias con menos recursos, ao que se sumaría a posta en funcionamento dun banco de vivenda pública para administrar e xestionar vivenda baleira con perspectiva social, sobre todo en réxime de alugueiro, tendo en conta que no país hai 300.000 vivendas baleiras, arredor de 90.000 nas grandes cidades

Pontón prometeu reclamar dende a Xunta a xestión de pisos das antigas caixas transferidas ao ‘banco malo’ para convertelas en vivenda pública

 

Tamén se prevén actuar vía fiscal, cun imposto sobre as vivendas baleiras propiedade de persoas xurídicas, -fondos voitre ou entidades bancarias-, para aplicar a vivendas desocupadas durante máis de dous anos sen causa xustificada. Aposta clara pola rehabilitación de vivendas de vilas e cidades evitando construír de novo cando é posible a rehabilitación, con todo o que iso implica tamén de mellora do entorno, política de rehabilitación que terá moi en conta as vivendas no medio rural contribuíndo a fixar poboación.

E, igualmente, medidas no ámbito lexislativo reclamando unha reforma da lexislación hipotecaria para admitir a dación en pagamento retroactiva como liquidación total da débeda hipotecaria e esixir a entidades financeiras e inmobiliarias que para o acceso a axudas e incentivos públicos en materia de vivenda acepten a dación en pagamento con liquidación das débedas hipotecarias. Rehabilitación integral de Recimil Tras o seu encontro coa Asociación veciñal de Recimil, Pontón fixo un percorrido por este emblemático barrio e comprometeu o apoio do BNG para desenvolver desde a Xunta un programa de recuperación do barrio, tanto dese o punto de vista arquitectónico, funcional como social. “Recimil é un barrio central na cidade e hai que actuar para frear o seu deterioro, é necesario unha rehabilitación das edificacións, -incluíndo tamén a recuperación do colexio e do mercado-, e que esta recuperación das vivendas vaia da man de programas de inclusión social que dinamicen o barrio”, explicou, destacando que “Recimil é unha oportunidade de definir unha política social de vivenda acorde ás necesidades de Ferrol aproveitando este patrimonio público de vivendas e que esta recuperación vaia da man de programas de inclusión social que dinamicen o barrio”, concluíu.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off