off
COVID-19, Economía, Opinião, Política, Politica espanhola, Traballo — 23 Maio, 2020 at 6:23 a.m.

Asalto á razón (endémico)

by

Os eventos do derradeiro 20 de maio, quer no no plano sanitario quer no político-social, representan un auténtico asalto á razón. Algo que unha sociedade adulta non debería tolerar sen pór baixo sospeita a súa propia existencia como comunidade e a dos seus membros. Exceto que aspiren a vérense reducidos a unha turma de «pagafantas». Mírese por onde se mire, o ocorrido na altura é unha conspiración de malandros, indocumentados e pirómanos.
Falo da inaudita <confesión>> do coordinador de emerxencias do Covid-19 Fernando Simón na súa comparecencia vespertina para informar do desenvolvemento da crise. O home designado por Moncloa para liderar a comunicación da pandemia revelou abertamente o que todos sospeitabamos, mas que na boca do alto responsábel da saúde pública constitúe non só unha colosal irresponsabilidade mas posibelmente un delito tipificado. Por obvio e por simples lóxica.
Carecía do mínimo siso que cando estabamos alcanzado o bico da doenza, cun rosario de centenares de mortes e millares de contaxiados diarios, sen test de ningún tipo ao alcance da xente, o propio Simón insinuase que o uso das máscaras era algo intranscendente, e agora, en plena desescalada de medio país e coa UCI desafogadas, anuncie nesa comparecencia da terza-feira que desde o día seguinte as máscaras <<serían obrigatorias en todos os sitios>> , nenos maiores de 6 anos incluídos, a risco de multa do goberno. Unha completa aberración. Coma se a alguén lle ter ocorrido recomendar o uso do colete salvavidas na bañeira e desmotivara a súa utilización para un naufraxio.
Porque a xustificación esgrimida a posteriori polo máximo coordinador da pandemia é peor e máis grave que a súa elipse anterior. Recoñecendo a falta de previsión das autoridades ás que representa, neglixencia dolosa engadida a pór en perigo a integridade das persoas, Simón argumentou que na altura pasouse por alto esa esixencia por falta de máscaras. Madialeva! Igual que desde o principio aconsellouse a distancia social e o lavado de mans, prácticas ao alcance de calquera intelixencia, como non foi capaz Simón de recomendar que ante a escaseza de máscaras a xente provésese con útiles caseiros, tipo panos, ou outros semellantes? E a perplexidade alcanza caracteres paranormais ao saberse que o Centro de Alertas e Emerxencias dirixido por Fernando Simón, o pasado 6 de marzo, dous días antes do 8-M que tantos ventos destapou, emitira un comunicado (agora desparecido da súa páxina web) onde se avisaba: «[ ] hai eventos con persoas infectadas que mostran unha altísima taxa de transmisión do virus fronte a outras situacións na cal (sic) a transmisión é moito menor». Cantos contaxiados demais provocou ese asalto á razón?
Iso acontecía pola tarde. Poucas horas despois, ao pouco de pecharse o escrutinio no Congreso que alargaba a outros 15 días o estado de alerta grazas aos votos decisivos de Cidadáns, un antigo membro do «trifachito»; agora reciclado en benefactor do bipartito «rotundamente progresista», saltaba a sorpresa. Nun comunicado conxunto, PSOE, Unidas Podemos e EHBildu anunciaban que ían derrogar de maneira íntegra a Reforma Laboral do ano 2011 impulsada polo Partido Popular. E para deixar claro que non se trataba dunha simple declaración de boas intencións sen base fáctica, o texto concretaba que «a derrogacion deberia ser efectiva antes da finalización das medidas extraordinarias adoptadas polo goberno en materia econômica e laboral derivadas da crise orixinada pola covid-19». Eureka! Ao fin algo de coherencia politica no santoral do «lo qu haga falta, donde haga falta, cuando haga falta»!
Porén, como xa dixo o destro Rafael Guerra, o que non pode ser non pode ser e ademais é imposible. Cando aínda non se apagaron os fastos do notición, unha nova nota, está vez só subscrita por Ferraz, desmentía o punto primeiro do comunicado referido á derrogación íntegral;, aclarando que o compromiso se reducía a recuperar dereitos laborais», en liña coa manuseada cantilena para consumo de hooligans de revisar as normas máis lesivas. Unha fake news como a rectificación de Fernando Simón no terreo sanitario. Pero non só. De feito, e por dereito propio, a presunta derrogación supuña deixar nas pavías aos máis millóns ERTEs por «forza maior» en trámite, por aplicación precisamente das capacidades de flexibilización laboral que esa lei pepeira do 2012 oferece. E que encima tantas incongruentes gabanzas por parte da ministra de Traballo Iolanda Díaz.
Alén diso, por se iso non for abondo, o anuncio desvirtuaba o pacto subscrito por PSOE e UP para alumar o goberno de coalición de esquerdas. Porque nese acordo programático non figura por ningún sitio o concepto «derrogar integramente»; referido á devandita reforma laboral. Pola contra, cando aparece o termino «derrogar», faio en formato reducido. Asín, en punto 1.3 dise «derrogaremos a posibilidade de despedimento por absentismo causado por baixas da doenza,derrogaremos as limitacións ao ámbito tempora do convenio colectivo facendoo chegar mais aló das previsións contidas no mesmo tras finalización da vixencia e até negociación dunha nova prioridade aplicativa dos convenios de empresa sobre os sectoriais». Pondo toda a énfase, punto 1.5.3, en expresións do tipo «recuperar os dereitos laborais» nos procesos de modificación substancial das condicións de traballo revisando as causas e o procedemento garantindo súa reversibilidade e caracter negociado».
O duplo asalto á razón perpetrado por Simón e Moncloa terá sen dúbida efectos ruins. Xa non hai volta atrás; agora xa foi Marica non chores. No eido sanitario, haberá que esperar a que a pandemia escampe e fagan todas as contas precisas máis aló dos respectivas lerias duns e doutros, goberno e oposición, Estado e Comunidades. No entanto, no que respecta ao gatillazo da reforma laboral, as consecuencias xa se poden prever. Ao mandar un aviso de desconfianza e incerteza ás empresas, moitos dos ERTEs actuais terminarán como Es, sobre todo tendo en conta que na ampliación até o 30-X pactada entre Goberno, patronal e o tándem CCOO-UXT realizouse unha substancial rebaixa na penalización para as sociedades que incumprisen o compromiso de respectar os persoais. E o outro arcabuzazo é a mensaxe mórbida que supón para a Comisión Europea (CE) no preciso momento en que se discute o canto, o como e o cando dos imprescindíbeis fondos de reconstrución.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off