off
COVID-19, Galiza, Traballo — 15 Maio, 2020 at 12:40 p.m.

A Xunta exclue a 1ª forza sindical galega para tratar as medidas socioeconómicas da desescalada

by

A CIG considera moi grave que a Xunta exclúa a 1ª forza sindical para tratar as medidas socioeconómicas da desescalada en Galiza

O secretario xeral, Paulo Carril, denuncia que se aparte de maneira tan burda á CIG eque se desprecen as propostas socioeconómicas e laborais que a central nacionalista ten elaboradas para afrontar o proceso de retorno á actividade e as problemáticas existentes na crise derivada da emerxencia sanitaria.

A este respecto, considera que esta nova actuación do presidente da Xunta “demostra a nula vontade de afrontar esta grave situación tentando construír todos os entendementos e consensos posíbeis, aínda desde as lexítimas diferenzas que poidan existir. Non son tempos de que o Goberno galego aplique a política do apartheid á CIG, como a leva practicando estes anos, nos que por sistema rexeitou as múltiples propostas e ILP que presentamos e que estiveron masivamente respaldadas”.

Para Carril estamos ante un capítulo máis do permanente intento da Xunta de Galiza de invisibilización e negación da primeira central sindical de Galiza, tanto en número de delegados e delegadas como en afiliación e capacidade mobilizadora. Unha censura, lembra, que se estende aos medios públicos galegos, nomeadamente á TVG, que de xeito continuado oculta a existencia da CIG nos seus programas informativos.

Neste camiño de exclusión á CIG, o Goberno de Feixoo tamén ten amosado un absoluto desprezo polas institucións públicas galegas acordando a creación dun “comité de expertos” para deseñar unha saída á crise, cando xa existen organismos como o Consello Económico e Social (CES) e o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), con atribucións propias, e no que participan axentes socioeconómicos, organizacións sindicais e entidades da sociedade civil de acordo a súa representatividade.

A esta actuación, sinala Carril, habería que engadir “a xestión “ditatorial” e fatal que Feixoo está a exercer no grave contexto actual, adoptando decisións sen someterse a ningún tipo de control institucional”. A CIG considera que este proceder desacredita ao presidente da Xunta e resta pluralidade de opinións que puideran expresarse nesta reunión, ao excluír a primeira central sindical e máis representativa do país.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off