off
Cedeira, Galiza, Historia, Mar e Pesca — 14 Maio, 2020 at 6:58 p.m.

Morreu Staffan Mörling

by

Segundo avanzo de Nós Diario tras confirmalo coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), o etnógrafo acaba de falecer.

Os seus estudos foron fundamentais para documentar e recuperar as tipoloxias de embarcacións galegas. Alén da dorna, Staffan Mörling fala do trincado co fervor e apego que fornece unha grande erudición etnográfica recollida na sua magna obra «As embarcacións tradicionais de Galicia»(1989) e tamén nos «Apuntes para a historia da ría» que se celebraran no mes de febreiro na Casa da Cultura de Fene en 1996. Na altura, Mörling centrara  a súa intervención nos «Trincados, lanchas e botes, as embarcacións autóctonas das Rías Altas».


Do trincado dicía que era expresión da cultura mariñeira das Rías Altas e que polas características que reúne esta lancha destinada á carga de mercadurías «…co seu casco concebido á marxe das doutrinas da construcción naval, co único mastil fortemente tumbado sobre a popa e levando a vela cadrada asimétrica, a galega “vela de relinga” no maior tamaño que xamais existiu».
«Os trincados cargaban arenques en salazón en Cariño para levalos á Coruña. Transportaban leña á cidade herculina».
«A orixe física dos trincados dos que temos noticia, era unha pequena zona que comprendía Miño, Pontedeume, Redes, Maniños e Barallobre». Staffan Morling falaba: En Maniños foi onde Ramón Rodríguez construíu o Villa de Cedeira en 1891 e o mestre Jacobo Aguilar Rodríguez fixo en Maniños nada menos que catro trincados entre os anos 1897 e 1903. En Barallobre destaca a Jacobo Fernández como mestre da última construcción dun trincado, o «Higinio» en 1905.

Unha vida dedicada á dignificación do patrimonio marítimo galego desde que botou risón en Bueu o ano 1964. Mörling nacera en Kalstad (Suecia) en 1936, e estudara Antropoloxía e Arte na Universidade de Lund.
Que o mar galego lle sexa leve.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off