off
COVID-19, Opinião, Política, Politica espanhola, Traballo — 29 Marzo, 2020 at 7:29 a.m.

COVID-19: a historia da tribo

by

Co extraordinario espallamento das novas tecnoloxías, a masiva globalización e a acelerada conectividade entre territorios e persoas, para optimizar a función de control do Estado xa non basta co tradicional monopolio da violencia, segundo a clásica definición de Max Weber. Hoxe, gobernos e institucións de xestión social necesitan dominar o relato en circunstancia de crise colectiva para facer prevalecer a lexitimidade que outorga o exercicio de soberanía. É o que está a evidenciar co drama do coronavirus, por activa, por pasiva e por perifrástica. Ou sexa, en países que nestes momentos parecen estar a superar a pandemia, como China; noutros que a sofren con rotunda letalidade, como España e Italia; e por último, nun terceiro grupo offshore, entre os que felizmente seguen indemnes ou enmascaran a súa pegada por imaxe política, Cuba no primeiro caso e Rusia no segundo. Para cada un destes modelos manéxase un tipo distinto de narrativa desde o poder.

A China dos dous sistemas (capitalista de Estado) está a pasar de fedorenta a samaritana. Alí abrollou a pandemia que arrasa a medio mundo, segundo algunhas fontes por usos alimentarios de inxesta de animais salvaxes (zoonose) sen unha eficaz supervisión sanitaria, como outras epidemias tamén tiveron alí o seu foco infeccioso (Gripe Aviaria e SARS). Porén, tras comezar negando a realidade, reprimindo sen contemplacións a xornalistas e médicos que defenderan o seu código deontolóxico contra a censura gobernamental, as autoridades aplicaron medidas draconianas para frear a expansión da praga. Pechada baixo sete chaves a cidade de Wuhan e forzando ao confinamento dos seus habitantes manu militari, epicentro da epidemia, dous meses máis tarde lograron os primeiros resultados favorables. E agora, Pequín saca peito ofrecendo a súa experiencia ao resto do mundo en forma de patrióticas misións humanitarias e vendas por xunto, e previo pago en man, de produtos e recursos para soportar a pandemia. Desta forma, conseguiu facer da necesidade doutros a súa propia virtude como réxime e economía . Até atrevers-e a <<polucionar>> as canles de información sobre a causa da causa do coronavirus, deslocalizando teorías da conspiración de rivalidade ideolóxica ( entanto agochou o virus durante semanas, amostrando que non ter liberdade de imprensa xa un problema global que atinxe a todos por igual). Se o contexto non resultase especialmente dramático, os resentidos poderían pensar como aquel devandito brutal de <<primeiro pártoche as pernas e logo véndoche as muletas>>.

En España o relato do Goberno consistiu en parapetarse nos expertos, o sabios, proba e erro. O seu coñecido <<o que faga falta, onde faga falta e cando faga falta>>, mal arremedo daquel mangueirazo financeiro do presidente do BCE, Mario Draghi, metaforizado para animar o rescate das economías espancadas pola crise, escúdase no consello dos epidemiólogos en persoal, ese <<mando único e integral>> que as diarias roldas de prensa escenifican como unha xunta cívico-militar. E a verdade é que o Executivo non mente. É certo, foron a rebufo dos acontecementos, é dicir, un paso detrás e unha man diante. Por iso precisamente actuaron mal e tarde, non escarmentaron na cabeza allea. O non menos sabio consello <<antes previr que curar>> non cabía nas súas coordenadas. A súa capacidade política quedou supeditada a criterios partidistas e economicistas escusándose no criterio dos asesores científicos. Facíase moi costa arriba que nada máis acceder ao poder un goberno de esquerdas vísese no panterlo de tomar medidas restritivas e sen dúbida impopulares. Iso levou primeiro a subestimar o perigo, facendo crer á poboación que era pouco máis que outra gripe estacional, e logo a primar a defensa do tecido empresarial sobre as continxencias de saúde pública. Alén diso, as terminais mediáticas amigas (axiña clamaron <<que hai do meu>> polos servizos prestados e ante o derrube da súa publicidade) xa se encargarían de centrar a atención sobre a <<herdanza recibida>> (por suposto descontando a parte que a eles lles competía, como xa ocorreu con éxito de crítica e público no referente a <<as formas máis lesivas da contrarreforma laboral do PP>>, deixando no beirado as que previamente igualmente perpetrou o PSOE).

Confiados no hábil manexo do relato, o goberno de coalición <<rotundamente progresista>> caeu no mesma obediencia debida que a esquerda de cátedra denunciou outrora sobre a estratexia dos seus rivais políticos. Sostenella e non enmendalla. Negar a evidencia. Mentir a propósito <<polo noso propio ben>>. Ladran, logo cabalgamos. O mesmos que fixo José María Aznar ante o atroz atentado terrorista do 11-M, que poucos días despois desaloxoulle do poder nunhas eleccións convertidas en inapelable plebiscito. Igual que fixo José Luís Rodríguez Zapatero coa crise financeira do 2008 ao negar a súa virulencia sobre a sociedade española cando todos os indicadores adianta.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off