Poucas horas despois que o Goberno de España declarara o estado de alarma, o Executivo galego decidiu implantar restricións xa en vigor noutras autonomías.A orde é de efecto inmediato.
Bares, cafetarías e restaurantes apenas poderán prestar servizo de comidas a domicilio ou para consumir na casa; no comercio terán que pechar todos os locais que non sexan de alimentación, así como farmacias, gasolineiras e quioscos. A orde non atinxe os servizos de restauración internos dos hoteis ,mas só para os seus clientes.Afecta tamén ao comercio polo miúdo. Fican fóra desta orde “froitarías, carnizarías, froitarías” e, en xeral, establecementos de alimentación. “No caso das grandes superficies, poderá permanecer aberta a zona que albergue os establecementos de alimentación”. Tamén fican fóra da orde de peche “farmacias, gasolineiras e quioscos”.
Alegando a lei de emerxencias do ano 2007,o Consello da Xunta, reunido en sesión extraordinaria na tarde da sexta-feira, declarou a situación de emerxencia de interese galego por razóns sanitarias para tentar frear o espallamento de coronavirus e, deste xeito, facilitar que os servizos sanitarios tanto públicos como privados, baixo o mando da Administración pública, poidan atender sen colapsar ás persoas máis vulnerables ante a andazo do coronavirus.
Alomenos durante 14 días segundo as normas que serán ditadas de inmediato no Diario Oficial de Galicia.
Con evidente retraso a Xunta alega agora alicerzar en “recomendacións dos organismos internacionais” que “suxiren medidas máis drásticas”, en verbas do presidente, Alberto Núñez Feijóo. Ante esta “situación nova e descoñecida”, o Goberno galego activa un plan de emerxencias que supón “inevitables restricións e limitacións”, a comezar polo peche da práctica totalidade de establecementos comerciais, agás os que subministran produtos alimentarios, así como bares, restaurantes e numerosos centros de lecer.
Baixo mando directo da Presidencia da Xunta, o novo centro de coordinación do Plan Territorial de Emerxencias de Galiza terá capacidade para decretar confinamentos da poboación, evacuacións ou restricións de accesos .








