off
Cedeira, Ciencia, Ecoloxía, Mar e Pesca, Medio ambiente — 17 Febreiro, 2020 at 8:50 a.m.

Poñerlle muros ao mar

by

A xente que vivimos perto do mar aínda nos lembramos da vaga de temporais do inverno 2013-2014. Unha tras outra as borrascas foron entrando pola costa aquel ano. O mar chegou á porta dalgunhas casas e Cedeira non foi excepción. As ondas bateran forte contra o paseo marítimo ao lado do río Condomiñas. No 2020 volveu acontecer, volveron as ondas a bater perto das casas.

No 2014 a Demarcación de Costas, construíu unha cerca na base do noiro da praia da Madalena, para afianzala. A pesar do escepticismo da maioría de nós, aguantou até hoxe. Esta obra foi feita sen estudo de impacto nen seguemento ambiental, e sen estudos xeolóxicos sobre á movilidade das areas na duna, polo que nunca chegaremos a saber cal foi a súa efectividade, nen como esta intervención alterou o ecosistema da praia. Seis anos despois a cerca levouna o mar. E agora que?

Agora toca adaptarse á nova situación que vive o mundo. A mudanza climática, obríganos a cambiar o xeito en que nos relacionamos co medioambiente, a facer cousas que fai uns anos era implantexables. Quen lle ía dicir aos nosos avós que a auga ía chegar ate as casas?

Tres imaxes para comprender a situación

Hai 60 anos a xente que vivía na Vila tiña outras preocupacións, estaban máis preocupados por que houbese boas colleitas, que por se lles chegaba o mar á casa. O xeito de vida era moi diferente ao actual nos anos 50 do século pasado. Nunha das primeiras fotografías aérea sacada en Galiza, a do voo americano de 1956, podemos ver que a extensión da Vila é moi inferior á de hoxe. Ao redor hai unha morea de pequenas parcelas cultivadas de cor clara, e máis alá hai árbores, de cor máis escura. No entorno da praia da Madalena non existían case construción. Só se ve area entre a desembocadura do río Condomiñas e o da Veiga, e entre a praia e a estrada principal. O peirao vello era máis pequeno e tiña unha praia ao seu pé. Aínda non fora construído o dique do porto pesqueiro.

As prioridades cambiaron dende o ano cincuenta e seis, a supervivencia e a fame deixou de ser unha preocupación. A poboación creceu e construíronse máis casas. A pesca e a agricultura, actividades económicas principais antes, compleméntanse hoxe con outros servizos e co turismos, que tamén requiren construcións e aloxamentos. Comparando a primeira imaxe topográfica coa tirada en 2017, polo Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA), decatámonos da urbanización da Vila. Os edificios ocupan moito máis superficie e as parcelas de terreo que rodean a vila xa non parece cultivos.

 

A praia da madalena é máis estreita e distínguense edificios dende a parte norte até a sur. A gran zona de area entre os rios Condomiñas e o da Veiga, agora está totalmente cuberta por edificios e árbores.

 

 

Cales serán as nosas prioridades no futuro non o podemos saber hoxe, pero seguro que son diferentes das actuais porque o noso entorno vai ser diferente. Aínda que hoxe deixásemos de emitir CO2 a seguiríamos a sufrir a mudanza climática e as súas consecuencias. A subida do nivel do mar é a principal consecuencias da mudanza climática, pero tamén o aumento dos fenómenos climáticos extremos, como fortes secas ou fortes temporais, e a acidificación do océano son consecuencias palpables.

 

Está sobradamente demostrada a relación entre a mudanza climática e as accións humanas. Dende finais do século XVIII a humanidade ten emitido unha enorme cantidade de CO2 , principalmente pola queima de combustibles fósiles, o que alterou a atmosfera causando o efecto invernadoiro. O cuarto informe do IPCC (Grupo Intergubernamental de Expertos sobre a Mudanza Climática) constata no 2013 esta relación entre as accións humanas e o aceleramento da mudanza climática. A día de hoxe non hai xa ninguén, medianamente informado que o dubide.

 

 

No ano 2050, a liña de costa non será a que vemos hoxe, e a empalizada que o mar destuíu estes días xa estará en terreos asolagados. En outubro de 2019 publicouse un artigo en Nature, que levaba asociado un informe, onde se asegura que 340 millóns de persoas viven en terreos que dentro de 30 anos estarán asolagados. As peores consecuencias sufriranse no sueste asiático en zonas como Bangladesh, India ou China, pero en Europa os Países Baixos, Inglaterra ou Bélxica tamén sufrirán graves consecuencias. En total 1.000 millóns de persoas viven a menos de 10m sobre o nivel do mar. Para comprender mellor o informe, publicouse un mapa mundial coa proxección detallada da subida do nivel do mar que se pode consultar en coastal.climatecentral.org.

En vermello represéntase a zona que quedaría asolagadas no 2050, e en azul a zona que ocupa o mar actualmente. Se se cumple esta previsión en Cedeira, a capela de San Roque, o cuartel da garda civil, o parque de San Isidro e a capela de San Isidro pasarían a ser terreos mariños. Tamén a estrada principal que ven dende Ferrol (AC-566) quedaría somerxida, dende a estación de servizo de Cepsa ate a oficina de turismo. Moitas das rúas que quedan entre a praia e a estrada principal como o camiño Longueirido, o Camiño Real da Madalena ou a Travesía da praia converteríanse en navegables.

Que podemos facer?

Non hai solucións máxicas para frear a subida do nivel do mar. Toda a humanidade ten que facer os deberes e comezar a cambiar o chip para un xeito de vida máis sustentable. Non podemos construír unha empalizada ao largo de todas as praias, porque o mar vai a derrubala igual que a que Costas constuíu no 2014. A situación cambiou e non sirven os métodos que levamos empregando ate o de agora, é preciso buscar outras alternativas. Non podemos teimar en intentar frear o mar cando está claro que non o imos conseguir. Xa rematou o tempo de ir contra as dinámicas naturais da Terra, precisamos que o planeta retome os seus hábitos e vivir en consonancia con eles, temos que comezar a derrubar os muros do mar.

No ciclo da area, as dunas son os almacéns de onde o mar colle o material para construir a praia. Un almacén que se enche coa area da tras-duna cando sopra o vento. Como se vai encher o almacén da Madalena se a area está tapada por cemento? Se conseguísemos que a duna crecese de xeito natural, quizais estaríamos máis protexidos fronte os temporais e non precisaríamos afianzala. Debemos liberar a tras-duna se queremos que a area se na duna e na praia. A idea de tirar edificios para permitir que se recuperen as dinámicas naturais pode parecer radical, e sen embargo o Estado Español está a derrubar casas en primeira liña de praia. Por exemplo, na praia de Brazomar en Castro Urdiales, a demarcación de Costas está a desmantelar un Hotel construído a principios do século XX, por atoparse moi cerca do mar.

Todas as persoas debemos reducir a cantidade de CO2 que emitimos, pero tamén participar na busca de solucións máis activas para adaptarnos na primeira liña de costa. Si é preciso derrubar algún edificio debera ser consensuado coa veciñanza e abalado por estudos científicos rigorosos. Para eso é preciso investir diñeiro na elaboración de estudos que nos axuden a comprender as dinámicas naturais e que existan foros nos que a cidadanía poida participar e tomar decisións políticas, algo que en 2020 en Cedeira parece ciencia ficción.


 

Para sabermos máis…

https://ollaparo.gal/2020/02/11/desfeita-anunciada/

https://mapas.xunta.es/visores/conservaciondanatureza/

https://coastal.climatecentral.org/map/14/-8.0524/43.654/?theme=sea_level_rise&map_type=coastal_dem_comparison&elevation_model=coastal_dem&forecast_year=2050&pathway=rcp45&percentile=p50&return_level=return_level_1&slr_model=kopp_2014

https://www.ipcc.ch/

https://www.nature.com/articles/s41467-019-12808-z

https://www.elcorreo.com/sociedad/costas-inicia-tramites-20171012144653-nt.html

Xandro García é biólogo mariño. Foi  investigador na Estación de Bioloxía Mariña da Graña. Patrón portuario e mergullador. Parceiro de Somos Cedeira Autor de marabaixo.gal

Comments are closed.

off
A %d blogueros les gusta esto: