off
Cedeira, Movementos sociais, Saúde — 16 Febreiro, 2020 at 1:39 p.m.

Un milleiro de persoas na rúa esixen pediatra en Cedeira

by

Mais de mil persoas sairon hoxe á rúa en Cedeira para esixir a inmediata restitución do servizo de atención en pediatría.  “En Cedeira pediatra XA” e “Pagamos impostos, queremos servizos” foron as consignas máis escoitadas durante un acto que acabou enchendo a praza Roxa. A que definen como “revolta dos chupetes” non fixo “máis ca comezar”.

Praza Roxa. Foto: Pingota

A convocatoria, iniciativa  da plataforma cidadá “En Cedeira pediatra XA” contou co apoio explícito do equipo de goberno e co BNG e reuniu a máis de 1.000 persoas nun acto reivindicativo que deu comezo ás 12.30 horas no centro de saúde e rematou pasada a unha da tarde na praza Roxa coa lectura dun manifesto. O membro desta plataforma cidadá Davide Loimil,  calificou de “éxito” a mobilización e sobre a que destacou a implicación conxunta de todo o pobo de Cedeira. Loimil entende que “a Xunta ten que traballar para darlle solución ao problema” e asegurou que “non pararemos ata que se garanta o dereito das nosas fillas e fillos a recibir atención pediátrica no centro de saúde”.

O alcalde de Cedeira valorou a masiva participación, “hoxe máis que nunca síntome orgulloso do pobo de Cedeira”, ademais de estimar que se tratou da mobilización máis numerosa das celebradas nos últimos vinte anos. Moreda considerou que “o poder do pobo é imparable” e asegurou que se trata dunha reivindicación xusta “polo que non imos parar ata que desde a Xunta de Galicia non se lle de unha solución”.

Pala súa banda, a portavoz do BNG na corporación, María Xosé Rodríguez, destacou o éxito da convocatoria e sinalou a intención do Bloque a implicarse na reivindicación da plataforma “porque está fundamentada” e porque “desde a Xunta estanse a facer moi mal as cousas en canto á sanidade e a atención primaria en particular”.

Precarización sanitaria

Entre 2009 e 2018 perdéronse 34 postos de Medicina de familia, 5 de pediatría ou 10 de Enfermaría; todas elas ramas que rexistraron os seus niveis máis baixos de profesionais durante a crise. Precisamente, a falta de profesionais nesta rama da sanidade motivou moitas das protestas cidadás que cobraron forza nos últimos anos. Se ben as protestas da comarca de Monterrei centraron focos e titulares; veciñanza da Costa da Morte, a comarca de Ferrolterra, ou municipios como Touro, O Pino ou Sada tamén se mobilizaron os pasados meses pola mala cobertura pediátrica.Os recortes tamén tiveron consecuencias nas dotacións estruturais. Na última década pecharon as súas portas 25 consultorios locais e perdéronse 671 camas nos hospitais galegos, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Das 7.093 instaladas, hoxe están en funcionamento 6.543. En canto a Consellaría de Sanidade se gaba do aumento do número de profesionais sanitarias no Servizo Galego de Saúde (Sergas) e nega recortes durante as lexislaturas de Núñez Feixoo, as cifras deitan datos arrepiantes coma estes: o total de traballadoras en 2018 supera as cifras de 2009, aínda que con pouca marxe: 35.079 na saída do bipartito fronte a 35.136 hoxe.Unha gran parte deste persoal confórmano as profesionais non sanitarias. Peneirando os datos, e segundo o Ministerio de Sanidade con cifras de 2018, Galiza conta cun total de 8.212 profesionais de medicina, das cales 2.161 forman parte dos equipos de Atención Primaria; incluíndo as ramas de Medicina Familiar e Pediatría, 4.744 en hospitais e 118 nos servizos de Urxencias.

Foto: Plataforma En Cedeira, pediatra XA! (Facebook)

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off