off
Cedeira, Ecoloxía, Meio ambiente, Natureza, Opinião — 12 Febreiro, 2020 at 10:43 a.m.

Movendo os marcos

by

O mar reclamou o que era seu, non podemos viver de costas á natureza. O sisiño di que a solución a longo prazo non existe, apenas se trata de amortecer o inevitabel recoñecendo e asumindo responsablemente que o medre de Cedeira foi feito nada máis e nada menos que sobre unha praia dunar.

O triste é,  Sr. Alcalde, Sr. concelleiro de Medio Ambiente, veciños e veciñas de Cedeira, que nen se lembren das propostas de como preservar a calidade da area¹ . Que a fumaza das redes sociais funcione como unha miraxe de facer que se fai ( incluida unha visita a fume de carozo de Emilio Ramil e Carlos Gil, cando sempre lles costou tanto viren explicar) dando respostas de urxencia sen fundamento nengún, mesmo trasladando accións que contradín, con total esquecemento/descoñecemento, as propostas xa acordadas como se cairan en saco roto.

O modelo aplicado até o de agora pola Demarcación de Costas é errado, ten unha utilidade demasiado estacionaria e a curtísimo prazo, cando o que se precisa é trazarmos estratexias ben fundamentadas. Ninguén ten a solución, mas os dragados e entullado indiscrimado imposto polo Estado primeiro e a cerca de troncos despois está chimpando fora  o diñeiro sen que se acabe de percibir que se está a inocular un perxuizo á zona dunar que non queremos. A ver se ao final a estacada recúa. Uns metriños cada ano, cada vez mais, sen que nos demos conta. Por iso esiximos un informe mediambiental.

O triste, Sr. Alcalde, é que cando recibe algunha crítica non faga outra cousa senón dar razón  ao comité de espertos do Facebook, afirmar unha cousa e seu oposto. Como é que van a “actuar para o mar erosinar toda a duna”(sic.), talvez non facer nada. E logo, o lixo e o entullo van ficar na duna mentres a area fina e de calidade a engole o mar? Que xestión é esta? O caso é que a Demarcación de Costas co consentimento do goberno Moreda, están a traballar nun proxecto constructivo e nun estudo ambiental (e de impacto) que o pobo de Cedeira descoñece e para o que non se tén en conta aos diferentes axentes sociais que teñen participado. Que foi da Plataforma e do microvoluntario do río? O triste é tirarlle rédito político intensivo ao que é un fracaso absoluto. Son tempos de máis feitos e menos feisbu. A veciñanza que non anda polo rueiro do Facebook non ten máis oficialidade ca esta da faciana virtual sen compromiso?

O orzamento dos espetos de madeira que agora engoliu parciamente o mar foi de 250.000€ e agora que, teimar no mesmo con máis impostos?

 

O mar reclama o que é seu,non mais.O mar chegou onde sempre,onde ten chegado máis veces, incluso menos que outras. O impacto visual está deturpado por un muro artificial de area e lixo que foi papando o mar. En 60 anos o mar e os fondos semellan no mesmo sitio. Que mudou logo? Deitando máis area diante dos troncos é tirar m cartos. Actuar co mar, non contra del. Negociando co mar: ata donde queres? pois recuamos.

Velaquí as conclusións da reunión do 16 de decembro de 2016 na que estiveron presentes representantes dos diferentes colectivos integrados na Plataforma así como várias persoas presentes a título persoal:

PROPOSTAs a trasladar á Demarcación de Costas de Galicia
1.- ESTUDO AMBIENTAL
Que se acometa, sen máis desculpas nin adiamentos, o Estudo Ambiental completo da praia e ría de Cedeira, comprometido polo Director Xeral de Costas de Galicia, Rafael Eimil, o 12 de agosto de 2016.
Mentres non se desenvolve o punto anterior, que non se fagan intervencións de ningún tipo na praia, agás daquelas orientadas á seguridade cidadá (sinalización preventiva ou medidas puntuais necesarias).
2.- PROXECTO CONSTRUTIVO
No intre de desenvolver o proxecto construtivo que será obxecto de avaliación de impacto ambiental, terá en conta os seguintes aspectos:
Deberá incluir a restauración ambiental completa da praia e areal, dende a beira ata o paseo marítimo.
Só é posible a rexeneración natural e saneamento da praia se se fai integramente, tamén onde non se ve, baixo a superficie: é polo tanto imprescindible acometer o cribado do material que se usou no recheo, con maquinaria axeitada.
O punto anterior permitirá a retirada da maior parte do lixo e entullos, recuperando en gran medida a calidade orixinal da natureza e granulometría de area, previa aos recheos.
A actuación anterior provocará unha notable reducción de volume actual. Por esta razón, non se pode manipular a duna mentres non se dispoña do proxecto construtivo que supere o estudo de impacto ambiental preceptivo.
Finalmente faríase a reconfiguración do perfil e superficie da praia, aprendendo dos erros recentes:
Non deitar area onde a forza do mar aínda é que de levala.
Adecuar o perfil e planta da praia no supralitoral ao que tiña previamente aos recheos.
Revexetar con flora autóctona propia dos diferentes niveis.
Revisar a correcta erradicación das plantas exóticas invasoras.
Somos coñecedores de que é un entorno dinámico onde non existen solucións definitivas, pero si amortecedoras a tanto máis longo prazo canto mellor acaídas sexan.
Os puntos anteriores propóñense sen perxuízo das actuacións que, como resultado dos estudos de dinámica litoral, se aconsellen para o dominio marítimo.
Resumindo: que se fagan dunha vez os estudos solicitados (EsIA); non botar area diante dos troncos do valado; agardar a que pase o inverno sen tocar nada para falalao na seguinte xuntanza e lembrarlle ao responsable da Demarcación, Eimil, que veña a Cedeira explicar o necesario.
Cedeira contra 1927
Rexeneración ambiental da praia da Madalena – Cedeira
Plataforma pola defensa da praia e ría de Cedeira A Coruña, 18-04-2017
Propostas a trasladar á Demarcación de Costas de Galicia
Obxectivos
Rexeneración ambiental da praia da Madalena – T.M. Cedeira (A Coruña) mediante o desenvolvemento dun novo proxecto construtivo orientado ao seu saneamento e reconfiguración integral.
Para tal fin SOLICITAMOS que por parte da Demarcación de Costas del Estado en Galicia se teña a ben dispoñer, para a súa contratación urxente:
  • Redacción do proxecto construtivo para a rexeneración ambiental da praia da Madalena
  • Redacción do documento de avaliación de impacto ambiental
OBSERVACIÓNS

Á luz dos resultados de actuacións anteriores, despois de analizar a diferente información tirada de fontes documentais e á participación cidadá, propoñemos que , no intre de proceder á redacción do proxecto constructivo,se teñan en conta os seguintes aspectos:

-O seu ámbito de actuación deberá incluir a restauración ambiental completa da praia e traspraia,dende a beira definida polo nivel inferior da preamar en marés mortas (LHWN) até o  paseo marítimo.

-Só é posibel a rexeneración natural e saneamento da pria se é feita integramente, tamén baixo superficie: é imprescindibel acometero cribado do material que se usou en pasados recheos, retirando da praia lixo e entullos alleos a esta, recuperando en grande medida a súa calidada orixinal

– A actuación anterior derivará ademáis nunha notabel reduccion de volume. Nesta fase sería cando se propón a reconfiguración e revexetación de praia (autóctona con erradicación de especies invasoras), en nengún caso deitar area por debaixo da beira definida polas preamares mortas.

-Polos motivos citados, non se deberia manipular a duna actual para evitar a perda da fracción boa de area, entanto non se dispor do proxecto constructivo conforme ao estudo de impacto ambiental preceptivo.

Somos conscientes de que nunha contorna dinámica non existen solucións definitivas, mas hainas para amortecer a longo prazo  se as decisións que se adopten agora son boas.

 

Finalmente, solicitamos que se conte en todo momento, dende o inicio da redacción do proxecto coa opinión desta Plataforma a través das canles que se estabelezan.

 

Para saber máis

  1. Unha historia natural da ría de Cedeira [1] Pasado

 

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off