off
Ecoloxía, Globalização, Meio ambiente, Opinião, Politica internacional — 17 Xaneiro, 2020 at 1:14 p.m.

A paradigma Greta Thunberg: eloxio do activismo

by

¨Os mellores libros son aqueles que
contan o que xa se sabe”
(George Orwell. 1984)

A conferencia sobre o clima recentemente celebrada en Madrid foi unha extravagante caldeirada de autopromoción, trapallada, sen vergoña e linchamento. Vaiamos por partes sen atropelarnos. Auto-eloxio, o do presidente de Goberno en funcións, bulímico á hora de ofrecer España para a celebración do COP25 como alternativa a Chile, onde o estalido social reprimido a tiro limpo polo seu colega neoliberal Piñera frustrou calquera intento de proxección internacional. Ocasión pillada ao voo por Pedro Sánchez para gabarse de anfitrión de pompa e excelencia organizadora. Trapallada, porque por moito que cacarexar nos títulos de crédito do certame que “É hora da actuar”, as conclusións foron un colmado de nimiedades e vaguidades. Desvergoña (e aí reside parte da graza do ¨suceso” sanchista), porque a edición do 2019 estaba patrocinada por algunhas das multinacionais que máis contribúen á desfeita ambiental (Endesa, Iberdrola, Banco de Santander, Acciona, Repsol e outras que tal bailan). E finalmente, linchamento, porque contra todo prognóstico houbo unha especie de encontro na terceira fase entre actores diversos, e mesmo opostos, para denigrar a Greta Thunberg, a activista que coa súa teimosa denuncia logrou inserir a emerxencia climática na axenda-dial da xeración milennials. A que se debe este acoso no que coincidiran a dereita inquisidora e a esquerda da revolución pendente? Por que a presenza motivadora da fráxil adolescente provocou un rexeitamento tan intempestivo e grotesco en sectores antagónicos?

Non estamos ante o refritado ocaso das ideoloxías por máis que os seus contornos esvaezan ás alancadas, senón no despregamento das teoloxías políticas. O que espertou a aversión da direita para a esquerda contra a ecoloxista sueca está máis no que lles une que no que lles separa. A saber, pór  a solfa  a súa incorruptíbel representación social. Afeitos significarse como valedores da cidadanía unida que nunca será vencida, a irrupción turbadora da nova Thunberg sobre os seus respectivos condominios foi percibida como unha ameaza ao seu status polas familias ideoloxías dominantes. Greta non só acaparaba a atención da opinión pública, senón que nun xesto case suicida permitíase dar as costas á opinión publicada, tan cobizada por unha dereita e unha esquerda franquiciadas. E por se tamaña afronta non bastase, mesmo desdeñaba olímpicamente as peticións de líderes, organizacións e institucións que solicitaban a súa presenza en grata compaña.
Así, o desdén protocolario de Greta Thunberg roubáballes protagonismo; convertía o oficial en refractario e rebentaba coa autenticidade do seu compromiso as fake news do cume, que os seus mentores idearon como *trampantojos (á parte de ofrecer chocolate con churros aos visitantes). Proclamar algo e cumprilo; coherencia entre ser e estar; honrar a palabra dada; en suma, a ¨propaganda polo feito” da súa mensaxe era algo insufrible que os legatarios da intermediación social non podían entender. E encima a ¨niñata” (segundo os zorrocotrocos (rudes), que di o meu amigo Carlos Taibo) dábase o pisto de rexeitar os farturentso ofrecementos de gobernos e potentados para viaxar a España confortablemente, preferindo cruzar o Atlántico nun veleiro con outros endoidecidos: como ela (os do Mayflower cruzaron o charco en mellores condicións). Antes de pór un pé na COP25 xa estaba a pisar calos. Quen acredita ser aquele moleque!

Greta Thunberg de greve ás portas do parlamento sueco.“Todos son benvidos. Se non estás en Estocolmo podes sentarte no concello máis próximo,Non teño dereito a votar, mas este é un xeito de facer que a miña voz se escoite”.

De aí o enredo malimorado dos tonsurados do arco representativo contra a activista antisistema. Concepto, o de ¨activista”, que resume exponencialmente o prexuízo que envenena os soños dos nosos abanderados. Porque o efecto Greta Thunberg propiciou unha novo paradigma na teoría da emancipación, que a partir de agora, ademais de económica e política, deberá ser ecolóxica ou non será. E ese desafío está a calar na conciencia das xentes á marxe das canles convencionais, sen líderes nin axentes institucionais á fronte da pancarta. Grazas ao voluntarismo ético das persoas normais. As mesmas que a principios de século animaron as primaveras árabes (tan deostadas a dereita e esquerda, por certo) e agora enchen de alento vital as protestas que percorren boa parte de América Latina, Alxeria, Francia ou Hong Kong. Das musas ao teatro. Como exemplificou no seu día o filósofo británico Bertrand Russell sumándose nas rúas ao movemento pacifista e hoxe personalidades como o lingüista norteamericano Noam Chomsky. O caso Urgenda, a ONG holandesa que, por primeira vez na historia, conseguiu que o incumprimento do pacto climático por un Goberno se tipifique como delito de lesa humanidade, forma parte desa escola civilizadora emerxente.
A paradigma Thunberg é algo máis que un acontecemento, enmárcase nunha fase superior dos movementos sociais que deu paso á acción directa da cidadanía. Cando a moza activista sueca proclama ¨Os líderes traizoáronnos”; ¨A democracia exércese cada segundo” e ¨Cada grande mudanza na historia veu do pobo”, sinala na dirección que a dereita negacionista e a falsaria esquerda solaparan hai tempo. Porque no seu arroubo opositor, esa dialéctica amigo-inimigo que enarboraron como espantallo, aniñaba unha unidade de destino: o productivismo. Esa foi a divisa imperecedoira dos conservadores elevada a categoría de tótem desde a infancia (¨Gañarás o pan coa suor da túa fronte”). O novo é que nas antípodas propagaban parecido opio do pobo. Desde Cornelius Castoriadis, até Edward P. Thompson, pasando polo Premio Nobel de Economía 1998 Amartya Senn, cada vez está máis claro que a énfase no modelo de explotación económica centrado na produción cuantitativa foi unha rémora para o auténtico progreso máis aló do mero crecemento insustentable e o desenvolvismo distópico. O activismo autoxestionario que na actualidade encarnan o feminismo e o ecoloxismo da mocidade é a mellor mostra da coraxe da sociedade civil, en clave sociolizadora do que Robert Putnam denominou ¨capital social”.
Nesta memorable ocasión, ao pin-pan-pum contra a nova Greta da dereita chanceira saíulle un competidor de sona nos medios progresistas. E como acontece nas ocasións en que do que se trata é de matalas ás caladas, a man invisible en luva de seda forneceuna o diario El País. Durante a cobertura do cume, o xornal máis influente dedicouse inocentemente a reproducir nos seus titulares toda a sarta de improperios e lixo dialéctico que a caverna dedicaba á revoltosa activista. ¨Histérica, marioneta e maluca, os insultos que homes adican a Greta Thunberg en Twitter”, a máis diso ¨puta”, eran os zurros que lle espetaba en lugar destacado o rotativo ao noticiar a Cimeira do Clima. Iso si, para descargo de conciencia, dúas semanas despois o Defensor do Lector recoñecía servir de ¨Altofalante de luxo para insultos de baixo estofo”. Sen acuse de recibo, porque a posición do grupo que preside o banqueiro en activo e ex traficante de armas por xunto Javier Monzón, investigado xudicialmente por corrupción nunha peza da trama Púnica, non admitía emenda. A proba de algodón foi a publicación o 18 de decembro dunha columna de opinión de Ignacio Sánchez Galán, presidente de Iberdrola e cliente do ex comisario Villarejo e as súas cloacas, destacando que ¨A COP25 constituíu un éxito de organización e capacidade de involucración dos máis diversos sectores”. E a quen Deus dá, San Pedro a abenzoe.

(Nota. Este artigo publicouse no blogue El Salto)

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off