off
Galiza, Historia, Movementos sociais, Política — 18 Decembro, 2019 at 9:43 a.m.

Finou Camilo de Dios, o último guerrilleiro antifranquista galego vivo

by

Camil de Dios. Foto: memoriadocarcere.comXose Castro Veiga ‘O Piloto’ foi o derradeiro. Camilo de Dios integrouse na guerrilla antifranquista con 15 anos. “O meu soño sigue sendo a república, a liberdade, a igualdade e a democracia”, afirmaba nunha entrevista en Sermos Galiza. Os pais ingresan no partido comunista no ano 1934 despois de asistir a un mitin de Benigno Álvarez. A súa nai Carmen Fernández Seguín actuaba de enlace para a oposición antifranquista logo da sublevación do 18 de xullo de 1936 contra o goberno da II República, o seu pai estivo fuxido no monte, e o propio Camilo comezou a actuar tamén de enlace aos 13 anos. En 1948 incorporouse á loita armada contra o réxime no seo da 2ª Agrupación Guerrilleira, participou no ataque á fábrica de armas da Coruña. En xullo de 1948 formou nun grupo ao mando de Juan Sorga que intentou liberar aos líderes guerrilleiros José Gómez Gayoso e Antonio Seoane condenados a morte que agardaban na cadea coruñesa, mais a captura de dous enlaces levou ao fracaso da operación.

 

“Neste país a memoria histórica xa naceu moi pobre”, afirmaba Camilo nunha entrevista de Carolina Cao en O Salto Galiza

O 18 de marzo de 1949 foi ferido nun enfrontamento coa Garda civil en Ourense, detido e condenado a morte nun consello de guerra que se celebrou na Coruña, pero as autoridades conmutáronlle a pena pola de 30 anos pola súa pouca idade. Pasou a maior parte da súa condena en El Dueso e en 1959 as autoridades liberárono despois dun percurso polas cadeas de España: Palencia, penal de Dueso en Santander, Santoña, Palencia, Segovia, Carbanchel, Alcalá, Madrid, hospital penintenciario de Cuéllar e de novo a Madrid ó penal de Yeserías até que foi excarcerado o 11 de maio. Dez anos de penalidades nas prisións franquistas onde coincidiu con dirixentes históricos de diferentes partidos, especialmente do PC,  Marcos Ana, Zapirai, Miguel Núñez, Lucio Lobato, Simón Sánchez Montero, Gregorio López Raimundo e Manuel Barros “Xabelón”.

Nos anos sesenta participou na organización das Comisións Campesiñas na comarca da Limia e na reorganización do PCE na provincia de Ourense. Foi detido en maio de 1971 acusado de propaganda ilegal. Foi concelleiro en Sandiás e Xinzo de Limia. O seu testemuño aparece nos documentais A cidade da selva de Pilar Faxil e Helena Villares, Bandoleiros ou guerrilleiros de José Sanmartín e Alfredo García Pinal e en Camilo: o último guerrilleiro de Galicia.

Facendo memoria 

A morte aos 87 anos de Camilo de Dios coincide con non poucos aniversarios: o 18 de decembro de 1936, veciños de Cedeira eran fusilados polos fascistas no castelo de San Felipe, entre eles o alcalde Manuel Fernández Freijeiro e a corporación democrática. Hoxe mesmo son homenaxados pola sección local de Cedeira da Asociación de Memoria Històrica Democrática no antigo cemiterio de Canido roteiro posterior polo Castelo de San Felipe e cemiterio de Serantes. Un dia antes, 17 de decembro, era fusilado xunto con outros cinco veciños, fronte ás tapias do cuartel da Garda Civil de Lugo, César Parapar Sueiras, tenente de Alcalde Viveiro e concelleiro nacionalista. Contaba 35 anos. Fora acusado de delito de rebelión, ideas separatistas  e participación no intento de proclamación da República Galega. Con tan só 15 anos emigrara a A Habana onde colaboraría na fundación da Xuntanza Nazonalista Galega d´Habana. De volta a Galiza participa na fundación da IdaFde Viveiro e asiste á V Asemblea Nacionalista.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off