off
Galiza, Imprensa, Tecnologias da informação — 2 Decembro, 2019 at 12:42 p.m.

Nós Diario lanza o número cero no Culturgal

by
O Culturgal acolleu a presentación do número cero do novo xornal galego Nós Diario e mais do seu semanal, Sermos Galiza. En aberto ambos e dous a través da loxa da AS-PG. O semanario Sermos Galiza tórnase  suplemento fin de semana,acompañando o diario todos os sábados a partir do 2 de xaneiro, día en que Nós Diario comezará a saír á rúa de maneira periódica.
O xornalismo que move Nós Diario, unha necesaria proposta no anémico panorama en galego, exprésase no seu primeiro editorial en liña: “Nós Diario diríxese a un público de pensamento aberto, actual e implicado que non ve satisfeitas as súas ideas de avance social na prensa convencional. Procura unha audiencia activa, que non asume o seu status subordinado. O diario, co foco nos intereses galegos e tamén no mundo, ollándoo desde nós, quere situarse na vangarda, con temáticas que carecen de espazo na axenda mediática e que afectan e preocupan ás galegas e galegos. Cultura, traballo, ecoloxía, feminismos, lingua, historia, diáspora, economía, memoria, dereitos e liberdades civís, mobilidade… son algúns dos fíos que tecerán os textos do diario. A selección, enfoque e edición de cada un dos asuntos determinará a diferenza da axenda propia coa do resto dos medios.”
O número cero recolle  reportaxes sobre o Apalpador e  sobre o Estatuto de Autonomía da Galiza, de brazo dado  dos seus protagonistas, información  sobre os orzamentos da Xunta para 2020, sobre as consecuencias de non dispoñer Galiza de competencias en seguridade marítima, sobre a produción de enerxía e sobre os muros descoñecidos que separan distintos países ao longo do planeta, entre outras moitas pezas. Tamén destacan as entrevistas, ao investigador Ángel María Carracedo e á catedrática de Historia da Arte María Victoria Carvalho Calero, así como a axenda de eventos para o mes de decembro.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off