off
Cedeira, Galiza, Historia, Lendas — 30 Novembro, 2019 at 7:41 a.m.

Xornada sobre Santo André de Teixido e os camiños de peregrinación

by

[Pingota Comunicacion] O auditorio municipal de Cedeira acolle hoxe unha xornada sobre Santo André de Teixido e os camiños de peregrinación que, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, ten como obxectivo realizar o diagnóstico e establecer as medidas que axuden a promocionar un dos máis antigos camiños de peregrinación de Galicia.O programa comezará ás dez da mañá coa participación do alcalde, Pablo Moreda Gil, no acto inaugural para, a continuación, dar paso á primeira das sete conferencias e dúas mesas redondas que se sucederán nunha xornada tan abondosa en actos como interesante en contidos e que se prolongará ata as sete e media da tarde.Esa primeira intervención correrá a cargo de Rafael Usero, cronista oficial de Cedeira e un dos grandes expertos do Santo André de Teixido. “Os camiños de peregrinación a Santo André de Teixido” é o título dunha conferencia que rematará pasadas as once da mañá.A partir desa hora tocaralle a quenda a Francisco Canosa Martínez, investigador e doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo, que abordará o patrimonio xeolóxico que existe ao longo desta antiga ruta de peregrinación.“O pasado e presente do Camiño Francés da costa de Santo André de Teixido” é o título da conferencia que, a partir das 12.00 horas, pronunciará o profesor, historiador e cronista oficial do Concello de Ortigueira, Xosé Carlos Breijo Rodríguez.O camiño como recurso patrimonial e turístico é o concepto que abordará María Elvira Lezcano González, doutora e profesora da Universidade de Turismo da Coruña, na conferencia prevista para as 12.30 horas.O programa da mañá rematará pasadas as dúas da tarde despois da celebración dunha mesa redonda na que se abordará a recuperación dos camiños de Santo André de Teixido.A xornada de traballo retomarase ás 16.30 horas coa intervención de Bieito Pérez Outeiriño, arqueólogo, museólogo e anterior director do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, sobre as problemáticas arredor dos centros de peregrinación.“As experiencias dos Camiños de Santiago como produtos culturais e turísticos” é o título da conferencia que, prevista para as cinco, pronunciará Xosé Manuel Santos Solla, doutor en Xeografía, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e especialista na análise turística de Santiago.Coas conclusións, que serán expostas por César Abella -director de Trivium ECT-, e a celebración da segunda mesa redonda sobre as posibilidades de futuro do camiño de Santo André de Teixido concluirán as xornadas, que serán de libre acceso

One Comment

  1. Antom Labranha Barreiro Antom

    Camiño de Teixido
    “Ao Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo”, algo máis ca un retrouso, un código críptico da romaxe de máis raizame popular que, a dicir de Murguía, rivalizaba coa de Santiago – estoutra amparada polos poderes civís e relixiosos-; e fai notar que o feito de seren cristianizados eses cultos baixo a advocación a un apóstolo é indicador inequívoco da súa importancia –tal como se ditaminara nos concilios de Toledo dos séculos V e VI –da nosa era, e así figura nas correspondentes actas que se conservaron a través de sucesivas copias -.

    A Vía Láctea (na mitoloxía grega orixínase polo leite vertido pola deusa nai Hera mentres aleitaba a Hércules) representaba unha longa ringleira das ánimas que ían ata os confíns da terra purgar as súas penas. Unha procesión de almas penitentes, portando candeas acesas, segue na nosa tradición o mesmo destino: a Santa Compaña. Hai máis.

    Os misterios de Isis, a deusa exipcia, celebrábanse na cidade mítica de Heliópolis, na beira do Nilo: todos os exipcios debían peregrinar ao menos unha vez en vida, senón a súa ánima tería que facelo despois da morte. Abraia a coincidencia!

    Orfeo viaxa a ultratumba e aprende os misterios dos camiños da alma e os medios para regresar ao mundo dos vivos. Iso era o que se lles revelaba aos iniciados nos cultos de Eleusis (Grecia), no templo de Demeter, que representa o ciclo continuo da vida e da morte.

    Estas mitoloxías configuran a metempsicose, os ciclos das transfiguracións da alma, das sucesivas reencarnacións, tan estendidas nas relixións da antiga Persia e da India (o karman). O Libro dos mortos –exipcio- recompila as aprendizaxes dos iniciados e as cantigas que permitirían ás ánimas viaxar polos infernos, transmutarse noutras especies e retornar ao mundo dos vivos. A metempsicose -transmigración das ánimas- era un dos coñecementos secretos dos pitagóricos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off