“É iso mesmo: os xuízes non comprometen a desigualdade, apenas suas manifestacións.
E así as acometen: conclúen da infracción dalgúns a posibilidade de afirmar que as normas franqueadas son xustas”
Michel Surya
A ficción xurídica é o estado xudicial. Fai para a legalidade vixente de redescrición dos principios metafísicos do Código Penal e da Constitución…e, finalmente, dos dereitos humanos naturais. Unha vez que non hai nada para alén deses vocabularios finais que sirvan de criterio de escolla tamén non hai recoñecimento da responsabilidade obxectiva do Ministerio del Interior. Os xuices son vocabularios corporificados: adican máis tempo a ter coas leis do que a travar coñecimento das persoas da sua propia veciñanza e contorna. O legalismo ideolóxico é o resultado de pensar que a democracia política está suxeita a xurisdición dun tribunal. Mas non teriamos de partir de onde nós estamos, comezando por redactar sentenzas na lingua da comunidade coa que nos identificamos?1
O caso é que cando chega o treito final da argumentación da sentenza do xulgamento a Pintos, cando debe demostrarse a relación do acusado co crime, cando debe dar conta da “concreta detención” só dispón de un testemuño alén do relato do outro policia acusado, xa que o resto de policias tiñan abondo (“les llegaba”) atender do seu. Ainda así, disque non tiveron máis “remedio” que o machucar, reducir, e levar a comisaría. Que significa iso? Garantir o dereito de manifestación que se lle supón ten que facer unha policia democrática ou serve escudarse na falta de efectivos para alargar a represión, a impunidade policial e a interpretación nesgada dos dereitos?
“Se ha omitido en la relación de hechos que se declara probada toda referencia a los supuestos incidentes sucedidos en el interior de la Comisaría, pero conscientemente. A los que reprocha López Pintos por una sola razón. Su única palabra, tan desvirtuada en lo demás, no puede por ello considerarse la prueba de significación bastante para acreditarlos. También dijimos que no hay rastro médico de golpes en la cara”
Racionalidade miope e suspicacia despectiva que fai dubidar da falta de imparcialidade deste tribunal. Depois de todo, os xuices é o que fica cando a politica ten desaparecido e todo se reduce a dirimir desde o xulgado as formas decicidamente espectaculares da acción social, porén nunca os vimos deslocarse en compaña dos medios publicitarios habituais a talleres e fábricas. Non ignoramos que o choque entre dereitos e leis crea conflitos, mas é mesmo desacougante que un xuiz titular do Xulgado de Violencia sobre a muller ignore a pegada da violencia psicolóxica, como se non existira. Que explicite sen rubor que tendo probado segundo o seu auto que non habendo probas materiais que soergan a defensa de Pintos de iso deduza que a palabra do sindicalista fique “desvirtuada” e en base a esa adxetivación pexorativa de xeito arbitrario omita conscentemente calquera relación de feitos relativa ao acontecida na comisaría de Ferrol. Amañá, talvez hoxe, non haberá ninguén que non queira aparecer nas pantallas dos móbiles e na televisión para probar sua inocencia, porque senón seria a proba de que é culpado.
Estamos a experimentar unha regresión dos dereitos básicos dos cidadáns, unha queda nun eido de riscos inexplorados. Examínanse os corpos como se analizaban as contas nos libros contables das que tirar a verdade da dominación. A reforma do Código Penal de 2015, énchese de vaguidades e baleiros que permeten aos xuices facer interpretacións en función da sú ideoloxía permitindo así unha aplicación mais propia da aplicación da terceira lei de Newton (lei da acción reacción que procura a seguranza do Estado en contraposición á da cidadania) e, portanto, mais coidadosamnte orientada a disimular a infamia que supón unha xustiza autoritaria que na práctica só sirve para protexer o estado xudicial no corpo policial, do que un garante de dereitos fundamentais. “Non é iso o que os xuíces querían: que o dominio fose, a falta de ser xusta, equitativa? E que o dominio sexa equitativo significa: non se pode sospeitar de ningunha transacción. Non se pretende que a dominación sexa moral, senón que o dominio sexa moralizado”, afirma o pensador francés Michel Surya.
Eís un dos trazos que nos convidan a intepretar o acontecido alomenos baixo duas nocións de xustiza en disputa, a explicitada polo propio sindicalista en termos de rosaliana xustiza-pola-man (“porque máis que xustiza eu no que creo é na mobilización dos traballadores na defensa dos seus dereitos”) no protesto convocado polos Comités de Navantia e Poligal co apoio de todos os sindicatos, a de quen coloca a xustíza social por acima da lei, e aquela outra concepción da xustiza como simples legalidade e restrición de norma (legalismo ideolóxico). Cando así concebida, a chantaxe é ben doada, pois vén a dicir; “dame a miña parte de dominio ou citámosvos ante os nosos tribunais para exercelo no voso lugar”. Cando a lei, lonxe de servir para protexer aos cidadáns e alargar dereitos, serve para castigar e reprimir no exercicio do puro dominio, ebrio de non ter ameaza ningunha. Até considerar terroristas uns titiriteiros ou negarse a pesquisar o grave depoimento de feitos acontecidos na comisaria após a detención dun lider sindical. Como é posíbel continuar ignorando o Protocolo de Istambul e o treinamento específico para fiscais e promotores de direitos humanos e, especificamente, en relación ao Manual para a pescuda e documentación efectiva da tortura e doutros tratos ou castigos crueis, inhumanos ou degradantes, que é o primeiro conxunto de normas para documentar a tortura e as consecuencias que resultan.
Para alén doutras consideración xurídicas, que non é o noso alvo analisar, neste contexto non é xuridicamente intrascendente destacar que en novembro de 2016 as cámaras da comisaría de Mataró en Cataluña avalaron a condena dun “mosso” por abuso (o axente bateu na cara a un detido que foi agrilloado na comisaría). As cámaras de seguranza que o goberno catalá ordenou que fosen instaladas nas delegacias de polícia de Mossos d’Esquadra en 2008 axudaran a resolver falsas alegacións de detidos e, tamén, maus tratos dos axentes. Nese caso, viraran as tornas: a Audiencia de Barcelona condenou ao axente a seis meses de prisión e dous anos de descalificación, por un delito contra a integridade moral (tortura) ao considerar que “abusou da súa posición” por dar unha “forte palmada” a un detido esposado e axoenllado. O home estaba apoiado na parede, o que segundo os maxistrados é unha acción “absolutamente arbitraria e humillante”. O detido non informou dos feitos e o caso foi descuberto pola unidade de Asuntos Internos da policía catalá. A diferencia do noso caso, no que o tono da sentenza teima na estratexia da reprimenda permanente ao sindicalista (mesmo chegando a afirmar “su única palabra, tan desvirtuada en lo demás”).
No ámbito estatal, en consonancia co que acontecía en Ferrolterra e Galiza, o goberno español precisaba dunha lexislación que limitara máis o exercizo do do dereito de reunión mentres afondaba na política de cortes. Deste xeito, tentaban achegar lexitimidade social apartires do apelo ao orden, da seguranza e da tranquilidade dos cidadás, alegando un incremento da percepción de inseguridade. A sentenza de noso interese é fallada cando o sindicalista xa está reformado, Poligal botou o peche, profundízase nas políticas de cortes, o PP continua gobernando na Xunta, as Mareas xa non gobernan na Coruña nen en Ferrol, o BNG vén de acadar representación no Congreso e se alargamos foco, a sentenza dos políticos e activistas soberanistas catalás acaba demostrando que a democracia española ofrece parámetros de calidade difíciles de compatibilizar internacionalmente, como subliñou Amnistía Internacional a pasada semana, como a prisión permanente, a “Lei Mordaza” e reforma da “Lei de Enxuizamento Criminal”que pretende outorgar a instrución ao ministerio fiscal.2
O PP en solitario aprobou en 2015 esta polémica figura, que é a pena máis alta do ordenamento xurídico español. En 2015, o PP tamén promoveu a lei de seguranza cidadá, mais coñecida como “Lei da Mordaza” apesar da xunta de goberno dos xuíces resolver en marzo de 2014 que aspectos centrais son de “dubidosa constitucionalidade” xa que tira poder de decisión aos xuices e tribunais e implicaran o aumento das penas. De tirarmos da hemeroteca, durante a discusión da actual Lei de Seguranza Cidadá, a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaria afirmaba entender que a “lei non goste» aos que «van ás manifestacións a facer cousas”, preguntada por quen eran os que a rexeitaban, contestando que iso habería que preguntarlle ao “español que pensa que é bo ir a unha manifestación mas non guindar pedras”(EuropaPress, 14 xul.2015). E Jorge Fernández Díaz en resposta á pregunta “a que atribúe o 70% dos cidadáns a considerar moi represiva?”, respostou: “Por mor da situación preeleitoral na que nos atopamos, cos partidos emerxentes de extrema esquerda, radicais e nalgúns aspectos antisistema, que dixeron que a mellor lei de seguridade é a que non existe. Non é de estrañar que lles moleste. E na mesma entrevista dixo que “a oposición do PSOE forma parte do proceso de radicalización no que entraron nos pactos que alcanzaron despois das eleicións do 24 de maio”(El País,13 de xul. 2015).
Este paradigma punitivo procura a atomización da cidadania e dos axentes sociais, punindo os papeis atribuidos, os roles, de maneira diferente e permitindo atribuir comportamentos que antes eran coletivos a un único indivíduo; portanto, a perda de solidariedade e a limitación da mobilización son incentivadas. As reformas punen a organización e participación en manifestacións, exacerba a sanción para quen convoca ou organiza manifestacións e para as persoas que participan de reunións espontáneas ou non comunicadas, o que na práctica transforma o requisito de comunicación cara à autoridade en requisito de autorización e, ao cabo, é eliminado o requisito de perigo para persoas ou mercadorias nun obstáculo no tránsito tornándose calquer “alteración grave à seguranza pública”.
Portanto, estamos perante outro exemplo de lexislar de acordo coa realidade social; neste caso, para multar certos comportamentos ligados às manifestacións, comprometendo así dereitos fundamentais, como a liberdade de expresión e reunión. Os “escraches” e as concentracións para evitar os ERES e os desafiuzamentos son consideradas infraccións graves, entre outras sancións. Todo en nome da lei de “seguranza pública”. Con certeza, como argumentou acaidamente Bertolt Brecht, “moitos xuíces son absolutamente incorruptibles: ninguén os pode inducir a facer xustiza”, talvez porque os xuíces non se ocupan de administrar xustiza, como se podería pensar inxenuamente, mas de aplicar a lei, que non é o mesmo. De feito, boa parte da sentenza alicerza en opor o “marco constitucional” á lexitimidade das reivindicacións laborais, do dereito ao traballo e á que, por outra parte, recolle a própria CE. no artigo 35. 1., así como os de reunión e manifestación, mas non é seguro que o xurista que así argumentou (p.8) o teñan feito defendendo e reforzando realmente o Estado de Dereito. Mesmo parece o contrario. Porque o Estado de Dereito pon límites á acción dos poderes públicos e protexe a priori contra o abuso que do Dereito poidan facer. O denominado “marco constitucional”, se de Dereito, supón tamén poderes públicos responsables, e que se tornen responsables da súa xestión, sen agocharse detrás da lei nen de nengún tipo de cortina (mas é claro, son sempre os outros que enchen a realidade de fumaza).
Malia a condena, o relato policial non foi de seu demostrado; de facto, a omisión conscente do que aconteceu na comisaría xera dúbidas sobre a dilixencia coa que se levan a termo as detencións e os atestados policiais correspondentes. O significativo é que o de Pintos ven sumarse aos moitos casos nos que se ten denunciado a arbitrariedade coa que se ten detido a manifestantes, no contexto de cargas de dispersión e en situacions confusas. Malia a suposta “actitude hostil ” e “violenta” dos manifestantes, sorprende que o número de persoas detidas redúcese ao responsabel comarcal dunha central sindical específica, entre as mais de 300 persoas alí presentes e entre o resto de líderes sindicais convocantes, o que semella indicar que o obxectivo da detención non é apenas o da desmobilización en si, e mesmo unha demostración de forza por parte dos responsables policiais, mas provocar a xudicialización do descontentamento social e a protesta. Semella que o que se procura non son os feitos, mas ideoloxías. E,en concreto, o sindicalismo soberanista.Todo dunha gravidade extrema. Comeza focado nunha persoa particular, que non por acaso é o responsabel comarcal da CIG na altura, e deriva finalmente na penalización discursiva e legal dun determinado discurso tal e como o explicitan os cambios normativos dos que xa falamos.
Porén, a xustiza non é patrimonio de xuíces, fiscais e tribunais, aínda que o reclamen con teimosía e acaben só no cenario da política cando esta ten desaparecido. Por iso é lexítimo preguntar qué facer cando as súas decisións son manifestamente inxustas, aínda que sexan apoiadas tanto pola lei como por unha interpretación da lei contraria ao espírito da lei e á aspiración de xustiza que debe gobernar no sistema xudicial. Se o delito de Pintos foi ter agarrado pola camisa e mallar coas maos nuas no casco do policia nunha manifestación na que acabou sendo a principal vítima xa que acabou sendo machucado e humillado na comisaria (feito este, o da posibel extralimitación, que o xuiz se nega a pescudar), é alegado preguntarmos se é obrigado devolver a política ao seu lugar para emendar leis e tribunais inxustos. O filósofo político e moral americano John Rawls, na sua peza indispensábel “Teoria da Xustiza”, observou: “A xustiza é a primeira virtude das institucións sociais, como a verdade é a dos sistemas de pensamento. Unha teoria, por mais atraente, elocuente e concisa, debe ser rexeitada ou revisada se non for verdadeira. Do mesmo modo, non importa que as leis e institucións sexan ordenadas e eficientes: se foren inxustas, deben ser reformadas ou abolidas”.
Xustiza para Pintos!
1. En 2008 só o 8% por cento das sentenzas xudiciais estaban escritas en galego. Unha mostra máis da inexistencia do Poder Xudicial Galego e da falta de autonomía do Poder Lexislativo Galego. O poder xudicial é único e reflicte o desigual status xurídico do galego en relación co castelán na Constitución: só existe o deber de coñecer a lingua castelá, nen á avogacía nen a procuradoría lles é exixido un coñecemento suficiente, activo e pasivo, da nosa lingua. E a Xunta malia ter competencias na xestión dos medios materiais e personais da Administración de Xustiza non fornece de medios a xuices e funcionarios xudiciais.
2.As modificacións ao Código penal e á Lei de seguridade privada completan o novo marco lexislativo represivo. O novo modelo implica:aumento da discrecionalidade na aplicación da lei por parte das autoridades policiais e administrativas para adaptala ás expectativas políticas: empréganse termos imprecisos e ambiguos, apelando constantemente a expresións como “perturbación grave” ou “alteración da seguridade”, etc.; as condutas previamente consideradas faltas penais pasan ao ámbito administrativo, que restrinxe os mecanismos de defensa legal previstos polo dereito penal. Isto ten implicacións directas na presunción de inocencia aplicabel proceso penal, que se substitúe pola presunción de veracidade dos axentes nos procedementos administrativos; as ocupacións de oficinas bancarias, o desaloxo de desafiuzamentos ou a ocupación de edificios nos que se realizan servizos públicos tipifícanse como infraccións, en clara alusión ás protestas da Plataforma de Afectados pola Hipoteca ou as movimentos en defensa dos servizos públicos; é lexítima falta de control das accións da policía, xa que se pretende parar as gavacións doutros axentes no exercicio das súas funcións.Sobre este ponto, o Comisário para os Dereitos Humanos do Consello da Europa, no seu relatório de 2013, indicou que “o Comisario menciona unha idea das autoridades españolas propostas para final de 2012 co objextivo “de introducir restricións adicionais às filmaxes, procesamento e diseminação de imaxes, sons ou dados sobre os membros das forzas da orden no exercício de suas funcións, nos casos en que essas imaxes , sons ou dados poden ser unha ameaza para sua vida ou para a operación que esta realizando.” Esta medida comprometeria o direito à liberdade de expresión no país. Posteriormente, o Relatório Conxunto do Relator Especial sobre os dereitos à liberdade de reunión e asociación pacífica e o Relator Especial sobre execucións extraxudiciais, sumárias ou arbitrárias relacionadas ao xerenciamento adecuado das manifestacións indican que “os estados deben proibir na súa lexislación interferir na grabación dunha reunón e, entre outras cousas, no confisco ou deterioración de equipamentos, a menos que unha orden xudicial sexa emitida cando un xuiz considerar que ten valor no xulgamento ». Sancionase a expresión da disidencia i al defensa doutros mesmo a ameaza de actuar: insire novso criterios de agravamento das sancóns até chegar as simples ameazas de levar a termo actos de violencia, púnese “actos de obstrución” a calquer autoridade, traballador público ou a execución de acordos ou resolucións administrativas, pensando principalmente en impedir a solidariedade coas persoas desafiuzadas ou en proceso de despedimento, modifícase a exixencia que a resistencia á autoridade sexa activa e pacífica a ser suficiente a resistencia pasiva.










