Continúan as mostras de solidariedade con Pintos nunha nova concentración contra a represión sindical diante da Audiencia.Nesta xornada declararon tres das testemuñas propostas pola defensa, entre as que está o secretario da CIG de Ferrol, Manuel Grandal Anca, que naquel momento compartía a secretaría comarcal con Pintos. Xunto a Grandal, Ana Vérez e Xosé Lois Rivera foron quen primeiro chegaron á comisaría tras a detención de Pintos para interesarse pola súa situación e alí foron recibidos con cadanseu golpe e con indicacións de que marcharan para casa.
As testemuñas lembraron na súa comparecencia que Pintos permaneceu detido e incomunicado na comisaría (onde foi maltratado e vexado) dende a madrugada da noite do día 5 de outubro até pasadas as dez da mañá dese día, e só puido falar co seu avogado ao acudir a declarar no xulgado.
Relataron o acontecido aquela noite: como a protesta convocada polo comité de Navantia e de Poligal en demanda de carga de traballo e por unhas condicións laborais dignas se desenvolveu de maneira pacífica diante do Hotel Almirante, onde o PP realizaba o acto de inicio de campaña ás autonómicas de 2012; como as persoas asistentes ao acto puideron saír sen problema pola porta principal e só varios cargos do PP decidiron saír pola porta de atrás. Foi entón cando se produciron as cargas policiais desproporcionadas, nas que a policía foi directamente a polo compañeiro Pintos, a quen lle propinaron varios golpes e a quen ameazaron con romperlle a cabeza se non se daba a volta mentres o tiñan tirado no chao.
Segundo fontes da CIG, a protesta tivo lugar nun clima de alta conflitividade na comarca, azoutada pola grave crise do naval, o peche e desmantelamento dos seus sectores produtivos, a perda insostíbel de emprego, un alarmante incremento da pobreza, e as brutais consecuencias da aplicación das reformas antiobreiras do PP.
Nesta segunda sesión acudiron a declarar os responsábeis do PP, Diego Calvo, Miguel Tellado, Xosé Manuel Rey Varela e Hipólito Fariña, propostos como testemuñas tanto pola Fiscalía como pola acusación particular -exercida por un axente de policía-. Hai que lembrar que no seu momento o PP tamén presentou unha denuncia contra Pintos polo sucedido aquel día, mais finalmente acordou retirala.










