off
Cedeira, Pintura — 13 Setembro, 2019 at 8:18 a.m.

O pintor e a ponte: fitando Leandro Lamas en Cedeira

by

O pintor e ilustrador, actor e director de teatro contou coa colaboración de Abril Meizoso e Manu López. A obra de Leandro Lamas adírese así ao  proxecto de arte urbana encetado polo Concello de Cedeira na pasada lexislatura:  estación de bombaxe,  EIP Nicolás del Río e  as paredes exteriores da Biblioteca López Cortón. Segundo fontes consultadas do Concello o importe da obra ascendeu a un total de 5.300 euros.

A intervención pictórica de Lamas tivo como alvo a plataforma da polémica “Ponte Nova ou da Porcada”, icono dun urbanismo agresivo que eliminou a rampa de descarga e nos anos oitenta acabou por estragar definitivamente a Praza do Peixe e a fachada marítima da vila de Cedeira.

 

Como se fose un marcapáxinas, o pintor veste a  plataforma coas cores  e feituras que o caracterizan e o ligan dalgún xeito a unha tentativa de restitución das nosas mitoloxías, das paisaxes íntimas e sentimentais, mas tamén do imaxinario colectivo. Na faciana exterior, visando a ría, a disposición de dúas figuras acuáticas femininas en escorzo enmarcan  os versos “O norte é poema en si mesmo, é perfume e canción” da cantante local Guadi Galego. Na outra faciana, sereas e outras criaturas mariñas partillan espazo con personaxes que tocan  instrumentos musicais.  A Ponte Nova  fita agora ao visitante con sensualidade inxenua, quer como xogo de crianzas na beira-mar,  quer como xogo floral, brinquedo de sereas que atraen os navegantes para os escollos e baixios coa harmonia de seu canto. A irta plataforma de cimento tornouse ponte imaxinada, talvez por ser secreta misión do artista recuperar o perdido e o sentido, restituir a ollada erguendo pontes de luz. O norte.

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off