off
Galiza, Língua, Literatura, Obituário, Portugal — 7 Marzo, 2019 at 2:01 p.m.

Morre Pilar Vázquez Cuesta, catedrática de portugués da Universidade de Compostela

by

A chantadina Pilar Vázquez Cuesta, que fora catedrática de portugués da USC , doutora Honoris Causa pola Universidade de Lisboa e medalla Castelao da Xunta de Galiza en 1996,  faleceu o 6 de marzo de 2019. Segundo a nota biográfica da AELG, naceu en Chantada o 25 de abril de 1926, e despois de terminado o bacharelato, matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid e licenciouse en 1946.  A súa nai, Modesta Cuesta, foi a primeira muller licenciada en Farmacia na universidade galega. O seu pai, Daniel Vázquez, deputado pola ORGA nas Cortes constituíntes da II República.

Pilar Vázquez Cuesta titulouse en 1946 na Complutense de Madrid. En 1976 acadou, por oposición, a praza de agregada de Lingua e Literatura Portuguesas na Universidade de Salamanca da que foi catedrática até 1988. Estudosa das culturas portuguesa e brasileira, elaborou numerosos estudos, traballos de investigación e traducións ao español de autores portugueses e brasileiros. En 1988 volve a Galiza cando se crea a Cátedra de Portugués na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela que detentará até a súa xubilación en 1991, momento en que é nomeada Profesora Emérita. Na década dos noventa, a profesora e escritora viuse recoñecida institucionalmente coa concesión en 1996 da medalla Castelao.

Gramática portuguesa (1946), A poesía portuguesa actual (1976) ou A língua e a cultura portuguesa no tempo dos Filipes (1986), son algunha das obras de Vázquez Cuesta a máis das que adicou á obra das ilustres galegas: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Eduardo Blanco Amor, Otero Pedrayo ou Ramón Cabanillas.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off