off
Movementos sociais, Política, Politica espanhola — 20 Setembro, 2017 at 7:10 a.m.

Colau e o patriotismo institucional (unha interpretación)

by

Para colocarse no ollo do furacán precísase moito valor, astucia e sentido da oportunidade. Por algo o ollo do furacán é o lugar máis tranquilo da tempestade. Unha especie de panóptico desde onde ver o espectáculo sen sentir os seus efectos. A posición que permite ollar  as turbulencias evitando riscos fatais. Iso é o que logrou a alcaldesa de Barcelona Ada Colau co Procés. Voltar sen ter ido.

E o cenificado cunha frase que dá para un titular de xornal mas que carece de credibilidade ética. Cando a líder dos “comúns” distingue entre desobediencia civil (abre a muralla) e desobediencia institucional (fecha a muralla), expón unha quimera. Sobre todo para alguén como ela que chegou ás institucións exercendo a desobediencia. Se agora a rexedora catalá considera que o seu papel na vida política é a obediencia debida ao seu cargo, é que aspira a metas máis altas.
Por iso xoga intercalando o público e o persoal a conveniencia alí onde, estritamente falando, o compromiso certo debe equivaler a convicción. Afimou que faría todo o posibel para que a xente puidese votar o próximo primeiro de outubro sen pór en perigo aos funcionarios. Un oxímoro. Como cabeza visibel do concello non podía facer e unha cousa sen pecar da outra, e viceversa. O don da ubicuidade aínda non é unha cualidade da caste política. De feito non cedeu ningún local municipal para colocar as urnas e, pola contra, a garda urbana está a actuar libremente contra os propagandistas do referendo. Por iso os seus socios do PSC no consistorio non foran para o mato. Patriotismo institucional.

Con todo a percepción xeral sobre o seu papel é outra moi diferente. A proba está nesa carta dúplex dirixida ao Rei e ao presidente do goberno pedindo ao Estado que dialogue con Catalunya, que leva a súa firma xunto ás de Puigdemont, Junqueras e Forcadell, recentemente publicada nos influentes Financial Times e New York Times. E iso despois de que días antes, no mitin da Diada do pasado 11 de setembro, botase pestes da antiga Converxencia e dos seus mariachis. Dirase como escusa que os políticos teñen moito papo e que unha cousa é predicar e outra dar trigo.

O que pasa é que no gremio non adoita levar que o vexado poña a fazula dúas veces para que lla hostien. Que é o que acaba de facer o triunvirato soberanista ao situar a Colau na orla de honra do manifesto. Ademais de coprotagonizar o ultimato a Felipe V e Rajoy, achándanlle o camiño facendo que sexa a Generalitat, a través da consellería de Educación, a que se responsabilice de colocar as urnas nos colexios da cidade. No ollo do furacán a velas vir.

Desta maneira, Ada Colau convértese en raiña nai do Procés sen exporse aos couces. Porque o día despois do 1-O, se non se produce unha vitoria esmagadora que leve á declaración unilateral de independencia, ela sería o único capital político indemne de toda Catalunya con proxección de futuro. Os outros, tirios e troianos, ficarán inhabilitados polos xuíces e en situación de baixa temporal. Un suicidio colectivo inexplicabel agás haxa algo que descoñezamos. A experiencia do “dou para que me deas” que historicamente levou aos ex converxentes a pactar con Madrid, independentemente de quen ocupase a Moncloa, dita que a súbita coroación de Colau pode incorporar unha peaxe oculta.

Estes indicios apontan a que Junts pel Si, perante o máis que probabel ocaso do PDeCAT ex post, decidiu facer testamento en vida nomeado de testamenteira a Colau e os seus comúns. Desta guisa a causa nacionalista seguiría por unha senda previsibel, sen sobresaltos, lonxe do tobogán a que está sometida polo radicalismo incordiante da CUP e o vendaval municipalista. E polo mesmo prezo, a máis moderada líder de Catalunya en Comú pecharía a ferida aberta no seu seo por unhas bases que nun 40% mostráronse opostas a unha sindicación en favor do dereito a decidir. A operación “reinicar” completaríase coa aceptación definitiva por parte de Pablo Iglesias da súa confluencia como suprema autoridade no territorio, a  troques de sufocar a rebelión indepe de Dante Fachin en Podem, vector que deteriora a imaxe do pablismo para a súa aposta como alternativa de goberno a nivel estatal. De aí aquel “se eu fose catalá non votaría no referendo” agora esquecido.

E non sería raro que esta retorta saída de gambito de dama tivese que ver cos conciliábulos segredos, habelos hainos, mantidos por algúns dos seus protagonistas estelares coa vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, xefa in pectore do CNI, e o editor vermello Roures. Un misterio envolto nun enigma. Como o modelo que predicaba outrora o multimillonario que aspira a suceder ao imperio Prisa para monitorar a Segunda Transición.

 

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off