off
Cedeira, Natureza, Ortegal — 3 Marzo, 2017 at 8:03 a.m.

O Granate é o cuarto roteiro xeolóxico que Cedeira incorporará este ano ao programa Xeorutas

by

Estes días tamén se pode visitar a exposición do Proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal na terceira edición da Feira de Minerais  de Compostela


[Pingota Comunicación] O Concello de Cedeira amplía cunha saída máis o programa de Xeorutas, co que aproveita a riqueza mineral que existe no seu territorio para fins turísticos. Así, e de cara aos próximos meses, ás xa coñecidas rutas das praias Negra, Cantís e Cromo sumaráselle ao roteiro que pasará a se chamar Granate, un novo percurso que terá como punto de partida o santuario de San Andrés e co que se chegará, sempre rente a costa, até  a enseada de Cortes.

O goberno municipal confía en poder oferecer esta nova actividade dentro do programa de lecer que xa se está a elaborar de cara á Semana Santa, segundo informa a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez López. A responsabel local explicou que o apoio da xente á primeira convocatoria das Xeorutas está detrás da decisión do Concello de completar o programa cunha saída “moi espectacular”. O nome é polos silicatos minerais que existen na zona. Estes precorridos polo territorio cedeirés son unha actividade financiada polo grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Mariña-Ortegal, do que participan, ademais de Cedeira, os concellos de Ribadeo e Burela.

O eixo fundamental desta parcería é o proxecto turístico-xeolóxico “Entre Arcos e Cantís” para o que, no seu conxunto, os tres municipios dispoñen de 118.991 euros de fondos europeos, case un 80 % do orzamento. O importe total do mesmo ascende a 149.808 euros.

Exposición do Proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal en Compostela

A riqueza xeolóxica do territorio de Cedeira tamén está estes días presente na terceira edición da Feira de Minerais que, até a a xornada do 10, estará aberta ao público no centro comercial Área Central de Santiago de Compostela. O Concello cedeirés, xunto aos de Cariño, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, participa do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, unha iniciativa que agora chega á capital galega da man do xeológo Francisco Canosa con exposicións de minerais e rochas e charlas informativas. Estas últimas, que finalizarán o día 5, son á unha da tarde, agás o domingo, que dará comezo ás doce. exposición_OLLAPARO

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off