off
Cedeira, Enerxías, Galiza, Meio ambiente — 15 Febreiro, 2017 at 7:36 a.m.

O goberno municipal de Cedeira convida aos alcaldes da bisbarra a participar na reunión do pacto polo clima e a enerxía

by

[Pingota Comunicación] O Concello de Cedeira vén de mandar invitacións aos rexedores municipais da contorna para participar na reunión do pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía que terá lugar este xoves 16 de febreiro, na sala Áncora do municipio. A cita será as sete e media da tarde. O relator da xornada será Guillermo Leira, xefe de calidade ambiental do Concello de A Coruña -cidade que leva adscrita ao pacto desde hai anos-. Tamén está previsto que asistan representantes da Fundación da Axencia Enerxética Provincial da Coruña.

O goberno cedeirense, a través da concellería de Medio Ambiente, confía en que a convocatoria sexa de interese para os alcaldes, por considerar que é necesario que as administracións locais dispoñan de elementos de planificación e xestión enerxética que favorezan o avance cara un escenario de maior eficiencia así como de menos consumo, gasto e emisións. O equipo de goberno é partidario dos denominados plans de acción para a enerxía sustentabel e o clima para combater a mudanza do clima que, segundo pon de manifesto o concelleiro Camilo Casal, “xa chegou para quedarse, e urxe tomar medidas de mitigación, primeiro, e de adaptación, despois, para contribuír na medida das nosas posibilidades a facer realidade os obxectivos marcados pola UE cara a 2030, de redución do 40% da emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI)”. O novo pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía é unha iniciativa a nivel mundial. En España o proxecto xa está en marcha nunhas 1.700 localidades.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off