Veciños e veciñas de Régoa perante a imposibilidade de facer vida normal andan a procurar sinaturas para reclamarlle a Fenosa o acondicionamento das instalacións e a renovación do transformador. Algúns tiraron mán de grupos electróxenos. O paradoxo dos días sen luz é que desde os anos noventa Régoa acolle no seu territorio un parque de aeroxeneradores de grande dimensión. Só os parques Capelada I e II xerarían polo baixo 31350 Kw ( ainda non foran actualizados por modelos máis eficientes).
A máis común das percepcións en Régoa e en moitas aldeas galegas é que vai pasando o inverno e a vida toda en condicións precarias de fornecimento de enerxía nun país que é productor e exportador dela, condicións por outra parte moi avantaxosas para quen a comercializa e distribue, non así para quen vive e traballa en territorio galego. Non fai falta que vente moito para decatarnos da verdade do falado. Porén, o ministro de enerxía avisa que estamos mal afeitos e que deberían subir as tarifas.
Chama especialmente atención a inobservancia do principio de intercambio xusto no ámbito do produción e distribución eléctrica.Trátase dun problema estructural, de desigualdade e de redistribución da riqueza que produce o país que vai alén dos danos provocados polo último temporal. Un progresivo desinterese polo territorio, nomeadamente un desleixo do rural galego malia ser productor neto de enerxía e de enerxías renovabeis. Un sector ao que ainda falta incorporar o elo social e territorial. Un abandono que, facéndose máis visibel despois das continxencias do tempo, revela o desleixo da administración galega perante o abuso das empresas distribuidoras, un problema endóxeno que o Concello de Cedeira non debería ignorar.


















