"Non hai un rei que, tendo forza de abondo, non estea sempre disposto a converterse en absoluto" (Thomas Jefferson)
A forma de Estado é continxente, formal, accesoria. Hai monarquías decentes e constitucionais, e repúblicas bárbaras e despóticas. O importante é o contido máis que o continente. Aquí, unha vez máis, o hábito non fai ao monxe. Aínda que tamén é certo que non existe a monarquía democrática como tal, nin se concibe. Son termos irreconciliables. O primeiro fai ao poboo soberano das decisións da colectividade. O segundo réxese polo principio monárquico, que sempre é hereditario e vitalicio a capricho do monarca. O caso español é un exemplo desa concepción de Estado monárquico como rolla da democracia utilizando unha constitución-gaiola que torna imposibel a súa derrogación.
Por iso PP e PSOE, dous náufragos no océano da Marca España, aliáronse nun último pírrico intento para renovar o atado e ben atado da Transición establecendo límites á posible reforma da Constitución. Ou sexa, deixando claro que eles, hoxe simples expoñentes dun bipartidismo esfarrapado, decidiron pór liñas vermellas a calquera modificación que non se axuste aos seus intereses estratéxicos e dos que a parasitan. A dereita e a esquerda falsaria, que nestes momentos representan pouco máis do 50% dos votantes, pretenden decidir o roteiro por débea circular a sociedade civil durante os próximos lustros e xeracións. Exactamente o que negan teimosamente ante o avance da fronte soberanista en Catalunya, onde xunto a Euskadi PP e PSOE son forzas residuais.
A chave dese bloqueo está nun PSOE que oficia de fiel da balanza nesta disxuntiva. Forma parte do bunker monárquico e o seu negacionismo republicano tornouno verdadeiro cerbeiro do réxime do 78.
Hogano non existe en España unha burguesía laica e liberal capaz de ensarillar acordos coas forzas vivas como ocorreu no ano 31 do século pasado.
Aínda que, tamén é certo, que o único alento de ruptura nesa dirección procede outra vez do universo municipalista, de abaixo arriba, e que o seu sinal se fortalece á vez que aumenta o descrédito dos cruzados do Estado borbónico. Non é unha boutade. Desde o momento en que a Constitución vixente consagra a inviolabilidade e irresponsabilidade do Rei como xefe do Estado (art. 56, 1 e 3), o carácter hereditario da coroa (art.57, 1), e outórgalle o mando supremo das Forzas Armadas (art. 60, h), o sistema non se pode cualificar de democrático, salvo por simulación. É un avatar: chámano democracia?
Pasaron case corenta anos daquela Constitución transacionada nunha conxuntura excepcional, e nada xustifica que a súa potencial revisión póidase facer sobre os mesmos parámetros que entón. Por unha razón concluínte: o partido que liderou a Constitución hai 34 anos xa non existe. A extinta UCD gañou as eleccións do 15 de xuño de 1977 con 166 escanos, 48 máis que o segundo máis votado, o que lle permitiu dominar o relatorio constitucional con tres delegados fronte a un que correspondeu a cada grupo restante (PSOE, PCE, AP e Minoría Catalá), habendo xa falecido catro daquel sete “pais da patria”. O que quere dicir de xeito sinxelo que estamos a sermos gobernados por mortos. E agora o duopolio dinástico hexemónico pretende facer un lifting para que os nosos zombis fundadores do século XX sigan a reinaren.
Catro enfeites que certa vez propós o Consello de Estado (ditame patrocinado polo seu presidente Francisco Rubio Llorente) , como o restablecemento da igualdade de xénero no acceso á sucesión na coroa, que estivo todos estes anos vulnerando o que proclamaba respecto diso o artigo 14, a se facer trapaza no solitario. Poucas grazas. Por suposto nada que ofereza a máis mínima oportunidade de participación directa dos cidadáns. Niso, PP e PSOE son uns consumados xogadores. Demostrárono coa contrarreforma exprés do artigo 135 para que o pago da débeda financeira provocada pola crise da gran banca teña prioridade sobre calquera outra emerxencia social. Un verdadeiro tombo que selou para a posteridade a súa vontade de fortalecer o principio monárquico acima de todo. Nin sequer pensan dotar de carácter vinculante ao referendo. Aínda que Podemos manteña a ameaza someter a consulta a súa hipotética reforma (pódeo pedir calquera grupo con máis de 35 deputados), a derradeira palabra non a han ter os eleitores. Como acontecera co Brexit ou no recente caso da iniciativa liderada por Renzi en Italia.
Convén advertir sobre o carácter instaurador (lexitimador) que significaría un referendo placebo sobre esa potencial reforma low cost da Constitución co Rei Felipe VI no cimo, cando seguen operativas no ordenamento xurídico español normas represivas franquistas (así xustifican a non anulación dos xuízos da ditadura). Porque, até agora, a Norma Suprema estaba lastrada (ilexitimidade de orixe) por ser unha restauración ditada por Franco na persoa de Xan Carlos I (hoxe Rei emérito sen que exista estatuto que o dispoña nin figura que o acredite). Mácula que recaeu sobre os partidos de esquerda (PSOE e PCE) que aceptaron o ukase do ditador derrogando na práctica a acusación de alta traizón contra Alfonso XIII, emitida do 25 de novembro de 1931 polas Cortes Constituíntes da Segunda República, “degradándoo” de todas dignidades, dereitos e títulos (?) sen que poida reivindicalos xamais nin para el nin para os seus sucesores?.
O que nos leva a pensar que a única posibilidade de romper a andrómena do bipartidismo dinástico e burlar o cadeado da Transición pasa polo sorpasso democrático das teses soberanistas en terras catalás co complementario despregamento do impulso autodeterminacionista no tecido social local.
Descentralización e horizontalidade democrática versus principio monárquico. O contrario é incidir nunha Terceira Restauración mediante unha Segunda Transición que concite de lei a lei o espectro do franquismo. Como ocorre co decisivo artigo 8, punto 1, Título Preliminar, da vixente Constitución, que di:
“As Forzas Armadas, constituídas polo Exército de Terra, a Armada e o Exército do Ar, teñen como misión garantir a soberanía e independencia de España, defender a súa integridade territorial e o ordenamento constitucional”
Disposición clonada do artigo 37 da Lei Orgánica do Estado de 1/1967, título VIN, da ditadura que dicía:
“As Forzas Armadas da Nación, constituídas polos Exércitos de Terra, Mar e Aire e as Forzas de Orde Pública, garanten a unidade e independencia da Patria, a integridade dos seus territorios, a seguridade nacional e a defensa da orde institucional”.
A diferenza está no pormenor de trocar o termo “institucional” da segunda polo “constitucional” da primeira. Importante se o roteiro fose transcendente, mas superfluo desde o momento en que o Rei é investido como xefe vitalicio do Estado e das Forzas Armadas con carácter hereditario. O Eu Supremo.











A forma de Estado non é contixente. Eu prefiro unha mala república que unha boa monarquía. A república poidoa cambiar a monarquía teñoma que comer sexa boa ou mala. Cárgase os valores repúblicanos na primeira frase. A república non é o hábito do monxe e o esqueleto do monxe que non é o mesmo.
Non vexo eu a un rei dicindo: “liberdade, igualdade, fraternidade”.