off

Ter razón por motivos equivocados

by

Tras pensalo un minuto non atopou un título mellor para resumir a perplexidade que algunhas novas, tanto a nivel nacional como internacional, deben producir no observador que teima en analisar a realidade baixo o prisma do sentido común e a coherencia intelectual. Ala que xa.

Acto primeiro. O goberno se apresta a rescatar ás autoestradas radiais crebadas, para o que terá que entregar ao redor de 3.400 millóns de euros ás empresas concesionarias en virtude da cláusula de Responsabilidade Patrimonial da Administración (RPA). Outro clásico de socializar as perdas e privatizar os gaños. Non resgata persoas mas as humilha e pune con axustes e cortes, mas salva os bancos e as grandes constructuras. Que en realidade é un segundo resgate á banca, xa  que é quen ten o seu pasivo en peza polos multimillonarios empréstitos concedidos. Está na lóxica (suicida) de que o grande nunca cae porque, como estamos nunha sociedade de piramide, de acima abaixo, o esborralle terao de sofrer a base. O espoliación será para o noso ben. Daquelas risas veñen estes choros. David Taguas, o asesor económico de Rodríguez Zapatero en Moncloa, o seu ministro de Economía na sombra, cando deixo o cargo pasou a ocupar o posto de presidente de SEOPAN, a patronal de obras públicas agora beneficiada polo rescate.

Acto segundo. A proposta do PSOE, o parlamento acaba de aprobar unha proposición non de lei para derrogar a reforma laboral de Rajoy. Contou co apoio de Podemos, mentres Cidadáns abstívose. Aínda que de incerta eficacia xurídica, é un éxito político-mediático para Ferraz. Mas tamén unha contradición nos seus termos, do tipo en casa do ferreiro coitelo de pau. Porque a iniciativa proveu precisamente do partido que primeiro aplicou a contrarreforma laboral (20 días de indemnización, despedimento obxectivo por causas económicas e tal, etc.), e desa traca ninguén acusa paternidade. Por iso é polo que máis pareza outra operación cosmética máis do mete-saca que se traen a xestora socialista e Moncloa a fin de coroar como leal oposición ao tándem do asturiano Fernández e a andaluza Díaz. E así marxinar a Podemos (como co sorpasso do salario mínimo), para logo dar o “quero” ao teito de gasto e, se coa, aos orzamentos sen que se note a falcatruada.

Acto terceiro. Aznar cualifica de “morno e coitado” ao goberno de Rajoy pola súa actitude ante o contencioso catalán. Todos os xornais destácano aparentando querer dar un plus de credibilidade ao oficiante do “Trío dos Açores”. Con certeza porque o reproche que fixo público o ex presidente a través de FAES, o seu think tank ultranacionalista de cabeceira, vai na dirección de pedir man dura inmisericorde con independentistas e soberanistas. Achan que a nova política de diálogo e man tendida, que dixo Méndez de Vigo ao estrearse como portavoz do consello de ministros, é unha claudicación intolerabel. Un xeito arriscado de retomar o “lisque, señor Rajoy”  utilizando ao Aznar máis desairado como bandeira de conveniencia. Aínda que non se decatan que a escena debulla a un Partido Popular rajoyista cada vez máis afastado dos falcóns que emigraron a Vox e FAES. Será por isto que o PP segue a gañar  eleccións en ritmo crescente de apoio electoral?

porta-viradoiraActo Cuarto. A guerra dos maus tratos de retratos reais. Un estigma que sen dúbida fará rir a escachar fóra da Celtiberia. Punir, criminalizar, xudicializar, demonizar a cidadáns polo simple feito de romper unha cartolina co retrato do Rei, retrotraenos á inquisición ou ao cómic. Como nunha desas teocracias que fulminan a quen ouse caricaturizar ao seu sumo pontífice. Desde Salman Rushdie a Charlie Hebdo, pasando polas ruínas de Palmira. E non hai intelectual, académico, columnista ou todólogo que se desmarque do coro de ras para proclamar a supina estupidez, o esperpento, da norma. E é que en España o que non é tradición é plaxio (ergo tradución). Claro que o pior é cando a cantinflada de quenda vén abenzoada pola esquerda falsaria. A reforma 10/1995 do Código Penal (art. 490,3 e 491,1 e 2) que entronizó esta mamarrachada foi obra do ministro de Xustiza e Interior socialista Juan Alberto Belloch. O mesmo ex xuíz que ascendeu a xeneral de brigada a Enrique Rodríguez Galindo, o xefe do cuartel de Intxaurrondo condenado a 71 anos de cárcere polo secuestro tortura e asasinato de Lasa e Zabala. “Fazañas bélicas2 recentemente teatralizadas por T5 nunha serie de dous episodios realizado sobre un guion baseado na novela “El  padre de Caín” de Rafael Vera, antigo secretario de Estado de Interior tamén condenado por terrorismo e roubo de Estado.

Acto quinto e colofón. Italia xa ten goberno. Fotocopia do que xunto a Matteo Renzi, o seu último primeiro ministro, foi derrotado no referendo para a reforma electoral exprés. O seu líder, Paolo Gentiloni, será o cuarto mandatario desde 2008 entronizado pola providencia divina. Ninguén o votou, ninguén o quixo, mas chegou e todo o mundo sabe como foi. Portas viradoiras de 360º, porque saltou Renzi, após aprobar os orzamentos, mas o renzismo pervive. Producíronse só cinco mudanzas dun total de 18 carteiras ministeriais que secundaron ao secretario xeral do PD despois da pancada nas urnas. Os lidos chámano política da posverdade, ainda que  é un fenomenal sen-vergoña.

Como o goberno de millonarios, os de arriba, dun Donald Trump que foi levado ao poder polas clases traballadoras golpeadas pola crise, a América profunda, os de abaixo. Plutocracia que ademais milita no club no de fans de Vladimir Putin. O novo secretario de Estado EEUU, Rex Tillerson, ex capo máximo da multinacional ExxonMobil, foi condecorado polo autócrata homófobo do Kremlin coa Orde da Amizade, e oponse ás sancións pola anexión militar de Crimea. A petroleira Exxon fretou o buque Exxon Valdez que en 1989 verteu 37.000 toneladas de cru no mar de Alaska, orixinando a maior catástrofe ecolóxica coñecida.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off