
Os barcos, cando mal estivados, afunden. Teñen unha estabilidade determinada polo seu empuxo. Se a forza resultante da presión exercida na parte inferior do corpo é superior á forza resultante do seu peso máis a presión suportada na parte superior, o barco flota até que ambas e dúas forzas se equilibran. Segundo a mecánica do continuo, adoitan afundiren cando o peso excede a súa capacidade de carga. Matteo Renzi (1975) quixo reformar a Constitución coa afouteza que outros non tiveran mas non procurou aliados a través de consensos que lle permitiran gobernar ainda que fose acompañado. Porén, na Italia como noutras partes do continente amostrouse mais unha vez a fenda xeracional. Aquela parte máis nova da sociedade que non acaba de ser integrada na Europa. De feito, o xoven Renzi non recibiu o apoio da xuventude.
O Titanic afundiu non só pola fenda producida polo iceberg e o asulagamento inelutabel até acadar o límite de carga que podía aturar. Sobráballe estabilidade e potencia mas desde que o vixía dera aviso de iceberg á vista e a manobra para evitalo, ao todopoderoso Titanic faltoulle dinamismo na viraxe.
Nas democracias emprazadas ou neo-clánicas, o dinamismo é a tolerancia ao cambio, o ir incorporando e mobilizando xente ainda que esa manobra leve ao barco a desviarse do seu estado de equilíbrio e mesmo a mudar o seu roteiro. Mattarella pide keep-calm a Renzi pensando en Bruxelas para que terme no leme até aprobar o orzamento entanto procura primeiro ministro.
De cumprise, sería o cuarto ministro sen ser votado. Mario Monti foi o primeiro tecnócrata en ser imposto por Europa; após o fracaso de Bersani, Letta asumiu o papelazo até que Renzi o destituiu como quen derroca noces cunha vara na horta da casa. E chámanlle democracia ao continuum que arestora na Europa é a pura cualidade do que non quere mudar ou variar. Na Italia e no conxunto de Europa, mesmo cando a cidadanía dí que non, a estabilidade (estatalidade) dita que non se consulte á xente. A democracia como encerro, visibel clausura co PP aceptando mudar a Constitución do 78 se fica blindado o modelo de estado. Quer dicer, que o goberno de Mariano Rajoy e o seus aliados só tocarán o texto se é por consenso “de saída” apenas cos que negan o dereito a autodeterminarse. Obsesión por ser “correcto”, quer dicer ficar dentro da norma. Das sondaxes que ditan cando e como hai que estar en contra ou a favor. O legalismo ideolóxico como clausura das democracias emprazadas baixo o signo dunha democracia neo-clánica que proíbe ás cidadáns sairen do barco entanto procura a súa lexitimidade só a nivel económico a traveso dunha fuga cara adiante que apenas trai ovellas no meio da manada. Das sondaxes e do conformismo. Albíscase a magnitude do naufraxio.











O que se afunde é a socialdemocracia. Fará un bonito arrecife artificial onde aniñarán moitas especies.