Un superávit orzamentario superior aos 700.000 segundo o informe de execución do primeiro semestre e do avance de liquidación de 2016.
[Pingota Comunicación] A corporación municipal de Cedeira celebrou esta semana o último pleno ordinario do presente centrado na regra de gasto. Segundo o goberno municipal ponse de manifesto que a administración cedeiresa cumprirá tanto o criterio de estabilidade orzamentaria cun superávit orzamentario de 709.030,18 euros como a regra de gasto na liquidación de 2016 cun marxe de 217.019,15 euros.
Segundo recoñeceu Pablo Moreda, o grupo de goberno formado por PSOE, BNG e ANOVA está satisfeito por ter completado o primeiro exercicio económico ao frente do Concello cun balance tan favorable, se ben apuntou que aínda existen necesidades e carencias pendentes. A modificación da ordenanza reguladora da taxa do lixo e do cemiterio municipal foron os outros dous asuntos que suscitaron maior debate no seno da corporación municipal. Con respeito ao primeiro, dende o equipo de goberno xustifícas a decisión de subir en 2 euros o recibo da recollida na zona urbana para non discriminar aos veciños do rural, onde o camión só pasa dous días fronte aos sete que o fai na urbana. O recibo pasará de 63 a 65 euros. Esta regra trasládase tamén aos negocios de máis de 100 metros cadrados situados na zona rural -un euro o m2 ata un tope de 150- para diferencialos dos que están nas urbanas e industriais, nas que se abonarán 1,30 euros, cun mínimo de 140 e un máximo de 450.
Pablo Moreda destacou que o goberno é manifestamente partidario dos establecementos da zona rural por considerar que dan servizo aos veciños que viven nela e xeran actividade nas parroquias. O Concello contempla bonificacións que van dun 20% para as familias numerosas ata un 50% para beneficiarios do RISGA (Renta de Inserción Social de Galicia) e veciños cuxos ingresos non excedan o Indicador de Renta de Efectos Múltiples.
Coa entrada en vigor da ordenanza reguladora do cemiterio municipal a administración regulará o funcionamento dos espazos de enterramento, o rexistro e tramitación de nichos e as comunicacións de inhumacións e exhumacións para así repercutir o custo da última ampliación executada (112 nichos). Por poñer exemplos, polo arrendamento de nichos por 75 anos haberá que pagar 430 euros, mentres que polo rexistro de permisos serán 10. O Concello tamén prevé situacións excepcionais, entre as que se atopan persoas no umbral de pobreza e a apertura de fosas comúns. En ningún dos dous caso haberá que pagar. Segundo fontes consultadas, xa se está a traballar na elaboración da ordenanza administrativa correspondente.


















