Os seres humanos que tentamos de vivir en sociedade (zoon politikon) experimentamos a convivencia en tres ámbitos presenciais: o oikos, a esfera privada; a ágora, a esfera pública, e a ecclesia, a esfera política. Entender esta distinción é fundamental para o exercicio dunha democracia cuxo punto de partida sexa recoñecer a xenuína dignidade de todas as persoas. É por iso polo que a debandada do grupo Unidos-Podemos-En Comú Podem no Congreso, durante o minuto de silencio polo súbito pasamento de Rita Barberá, ten unha dimensión que supera o cálculo de lexítimos xestos partidarios.
Adiantemos xa que a senadora e ex alcaldesa de Valencia morreu por causas naturais e que non existiu ningunha “cazaría inxusta” que propiciase ese funesto desenlace. Nin por activa nin por pasiva. Nin sequer como denuncia José María Aznar tentando tirar proveito da lea. Como proba o feito de que Rajoy falase con Barberá poucos días antes da súa pasaxe. É notorio e evidente que a “pel de elefante” do presidente do goberno para temas de Estado adoita trocarse en “pel de bolboreta” cando afecta a xente próxima. O erro do “se fuerte, Luís”, como mensaxe de proximidade a Bárcenas, vai nunha liña. Polo demais, os casos de corrupción que afectan os catros puntos cardinais ao Partido Popular (PP) teñen o seu epicentro na “era Aznar”.
Nese contexto, necesario é recoñecer que Rita Barberá, como adoita ocorrer co volubel devocionario das masas reveladas, tivo un trato preconcibido a nivel político e mediático. Vinte e catro anos como rexedora da terceira cidade máis importante de España, con cinco maiorías absolutas froito dun indiscutibel apoio popular, non impediron que cando mudaron as tornas a súa figura virara en epítome da corrupción pepeira con epicentro na capital do Turia. Con esas credenciais foi refugada por gran parte dos que até entón a levaran ao pedestal dos incunabeis.
Pouco importaba que fose exonerada nas investigacións de tramas como Nóos ou Taula, Rita levaba todas as pegadas da sospeita. Até o seu parlamento autonómico chegou a realizar un pleno para esixir ex profeso que entregase a acta de senadora, contrariando o que recolle a vixente constitución contra o mandado imperativo. Un proceder que chocaba coa estridente mudeza dos medios, público e crítica ante os parabéns públicos que, na outra beira, recibían dúas expresidente da Junta de Andalucía con xuízo en portas por un monumental desfalco, Manuel Chaves e José Antonio Griñán (acabámolos de ver “homenaxeados” por Susana Díaz e Felipe González durante un acto do grupo xornalístico Joly celebrado no Real Alcázar de Sevilla).
Ao facer mutis polo doto, a cúpula de Podemos equivocouse máis aló das súas pretensións por varias razóns de calibre. Foi un erro político imenso porque confundiu a política de “meter medo”, que agora preconiza Pablo Iglesias e as súas máis acesos seguidores, cos desexos dos seus máis de cinco millóns de votantes, seguramente de distintas e distantes sensibilidades. E foino con desrespeito porque, ademais, non se trata dunha opción identitaria senón conxuntural, que se enmarca nunha estratexia personalista fronte ao errejonismo exuberante. Vai no soldo facer un manguito aos reis no acto de apertura das Cortes e non asistir ao desfile de outrora, mas moito mellor e máis crible sería facer unha solemne declaración de republicanismo. Sobre todo cando aínda lembramos a unhas Iglesias facendo cola para o beixa-mao real na sede do Parlamento Europeo con obxecto de entregar aos monarcas un flamante pack da serie Xogo dos Tronos.
En segundo lugar, causa pasmo a unanimidade do escracho antiBarberá. Non houbo un só membro do grupo Unidos Podemos que discordara co programado. Todos a un tempo admitiron como bo o diktat da xefatura. Obediencia devida, voz do seu amo, como quer que se chame a cousa, resulta insólito e abafante cando antonte esa mesma dirección de Podemos louvaba a discrepancia dos socialistas que negaran a abstención que pretendía a xestora do PSOE ante a investidura de Rajoy. Excesos que fedem ben máis se do que se trata é ser crianza no batismo, a noiva no casamento e o morto no funeral.
E tamén o argumentario subscrito. Tanto Alberto Garzón como Pablo Iglesias verbalizaran o mesmo para xustificaren a súa ocorrencia o día de autos. “As homenaxes a personaxes corruptas, sobran”, afirmou o tándem demostrando un extraordinario desprezo ao principio de presunción de inocencia. Porque até a data da súa morte Rita Barberá non fora procesada por ningún tribunal. Pola contra, o impecable Garzón tivo un posto relevante na organización que aprobou maioritariamente a entrada de EU no goberno dos ERE (800 millóns de euros en busca e captura), sen que iso servise para criminalizar aos seus compañeiros. Consellos dou que para min non teño.
Contodo o até agora dito só é tona comparado co que subxace baixo a aldraxe escenificada por Unidos Podemos. Trátase dunha forma de facer política que descoñece esas tres regulas básicas de habitar a democracia (oikos, ágora, ecclesia), e que lle sitúan na antesala do ideario totalitario. É a visión da competencia partidaria en clave de antinomia amigo-inimigo, superadora da loita de clases, que bebe nas fontes do teorizado polo pronazi alemán Carl Schmitt. Unha hipótese belicista, na saga primixenia daquela dialéctica hegeliana do amo e o escravo, que necesita da deshumanización do opoñente para afirmarse. Ao converter ao adversario político en inimigo persoal, acuña na xente unha simplificación maniquea que oficia como triturador da pluralidade ideolóxica e da biodiversidade.
De aí nacen máximas como “o que non está comigo está contra min”; o manido “un dos nosos” con que se reprocha a palla no ollo alleo mentres se ignora a viga no propio; ou o paifoco corrido “o amigo do meu inimigo é o meu inimigo e viceversa”. Eses son os impulsos cegos que aniñan no xesto negacionista de Podemos ante o “caso Barberá”. Suceso que, aínda que foi rectificado no Senado cun displicente recollemento por parte de Ramón Espinar, non oculta a man que abala o berce ideolóxico do partido emerxente. Ao cabo, o seu admirado Ernesto Laclau, o gurú posmarxista da “razón populista”, foi un fervente renovador das teses excluíntes patrocinadas por Schmitt. Proclamas que ao esconxuro da devastación provocada pola crise entre os traballadores explican en parte o actual vaivén desde a extrema esquerda á extrema dereita do corpo electoral.
Para rematar, un apuntamento a futuros sobre a empatía demostrada por Iglesias e Garzón nesta secuencia. Por primeira vez en moito tempo, é máis o que os une do que os afasta. Arestora ambos e dous están a partir un piñón porque esperan que o próximo congreso da formación aprobe a definitiva inclusión de IU en Podemos. Os dous gañan nunha negociación que é vista con receo por Íñigo Errejón. Iglesias precisa a Garzón para frear a un sector anticapitalista crecido despois dasúa decisiva achega á vitoria sobre o errejonismo durante as recentes primarias. E Garzón precisa a Iglesias para culminar unha OPA fría mediante a que Podemos asumiría como herdo a débeda histórica de máis de 10 millóns de euros que arrastra Esquerda Unida.










