Crear emprego, favorecer o asentamento poboacional, mellorar seguridade vial e tamén a saúde. Estas son as razóns nas que se apoia o Concello de Cedeira para pedir á Xunta de Galicia que realice un importante investimento na AC-566, única vía de comunicación da vila coa comarca de Ferrol.
Son as mesmas que hai uns días explicaron personalmente o alcalde e máis a concelleira de Urbanismo, Pablo Moreda Gil e María Xosé Rodríguez, respectivamente, á titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle. O encontro tivo lugar o pasado martes e no mesmo volveuse a falar, por parte da representante da Xunta, de acometer a mellora integral da estrada en sucesivas fases dado o elevado custo que precisa a obra. A Consellería de Infraestruturas dispón dun proxecto cuxo orzamento de execución é de 14 millóns de euros para o conxunto da estrada. A proposta da Xunta, da que xa se ten falado co Concello, pasa por comezar a obra cunha primeira intervención no tramo coñecido como o das curvas de Landeira, un traxecto de algo máis de dous kilómetros de moi difícil trazado.
O orzamento estimado para a súa execución ascende a 4,3 millons de euros. O equipo de goberno non ten problema en empezar por outro treito sempre que o resultado final sexa a mellora tanto da seguridade das persoas que circulan pola vía como da calidade de vida dos veciños de Cedeira. A estrada, segundo apuntaron fontes municipais, é fundamental para xerar emprego, para evitar a perda de poboación e, en xeral, para garantir o futuro económico e social da vila, e mesmo para que resulte moito máis curto unha viaxe en ambulancia ata o complexo hospitalario de Ferrol.
O executivo local advirte de que non ten intención de abandonar a loita para que dentro do actual mandato comece, aínda que só sexa co inicio dos trámites, o proxecto de mellora da citada estrada
Por esta cuestión, o equipo de gobierno invita a todas as formacións políticas con presenza no concello, teñan ou non representación municipal, a que participen dunha reivindicación que ten como obxectivo alcanzar un ben común tan importante como o é, no caso de Cedeira, ter unha vía de comunicación adaptada ás necesidades da xente. . A titular da Consellería de Infraestrutura e Vivenda comprometeuse a seguir falando do tema nunha nova entrevista, que non se prevé que sexa antes dos primeiros meses do 2107.
Qué fixo Cedeira para merecer isto?
Preguntábase o colectivo cidadá Somos Cedeira, reivindicando hai tres anos con este video e texto unha solución acaída para a estrada de Cedeira a Ferrol na que “é doado ver colas en pleno inverno, e no verán non falemos. Ademáis de que esa estrada é a “liña de vida” da lonxa de peixe e mariscos de Cedeira con Ferrol, A Coruña, e co resto –co conseguinte valor económico-, é o único camiño para ir aos hospitais, ao traballo de moitos cedeirenses que fan a ruta a diario, a estrada que usa a práctica totalidade de turistas que se achegan a Cedeira no verán, ou que van a Teixido. E será a estrada que usarán quen algún día veñan a ver os museos que haxa, os roteiros naturais, e o turismo ecolóxico fundamentado no que Cedeira ofrece: uns productos do mar e da terra de primeira calidade en un entorno único, onde nuns poucos quilómetros, en menos dunha hora, pode pasar de bañarse praia aos cantís máis altos de Europa. Pois ben, semella que non somos quen de merecer que nos consideren para rachar dunha vez cun trazado de mediado o século pasado, e acometer a imprescindible variante que ademais non require nin pontes nin túneles. Abonda con dar un repaso á cartografía para ver que hai múltiples alternativas para enlazar Cedeira coas novas autovías e autoestradas incluso de xeito directo. Van “investir” 74 veces menos que na variante de Ortigueira nun tramos case o dobre de longo… e INADMISIBLE. Van “darnos” pouco máis de medio millón de euros para que sigamos con esta “estrafa” outras décadas. ¿Qué fixo Cedeira para merecer isto? ¿Temos que estar aos vaivéns das comenencias de turno para que as infraestruturas vitais non se fagan ata cando haxa que medallas que colgar? ¿Somos realmente tan ruíns coma para preferir que as cousas non se fagan entretanto non conveñan a quen sexa que teñen que convir? XA ESTÁ BEN”
[vimeo]https://vimeo.com/70513141[/vimeo]


















