O goberno municipal de Cedeira e as asociacións e dinamizadores socioculturais cedeirenses pedíronlle á vicepresidenta da Deputación apoio aos novos proxectos municipais
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, visitou onte o museo Mares de Cedeira, para pór de manifesto o compromiso da institución provincial co proxecto museístico cedeirés. Así, Sanmartín explicou aos membros da Asociación Mares -promotora do museo- as liñas de financiamento coas que conta a Deputación para garantir o funcionamento deste tipo de iniciativas “que axudan a divulgar o patrimonio cultural, histórico e mesmo social dos pobos”, segundo apuntou.
Á súa chegada a Cedeira, a vicepresenta da Deputación foi recibida polo alcalde, Pablo Moreda Gil, e a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez. Goretti Sanmartín achegouse a vila mariñeira na compaña do deputado Suso Soto. Pablo Moreda agradeceu o interese da responsable provincial por coñecer o museo cedeirés. Reiterou a importancia do mesmo por canto pon en valor a cultura mariñeira, “da que moitos saímos” e valorou a implicación que ten a xente da vila co proxecto, xa que “o éxito do museo Mares de Cedeira é o éxito de todo un pobo”.
O alcalde considerou importante que entidades como a Asociación Mares de Cedeira poidan contar co apoio económico da Deputación para levar a cabo iniciativas de contido cultural, deportivo ou social.
O goberno aproveitou a presenza da representante provincial para lle presentar dous dos proxectos sobre os que xa está a traballar o goberno municipal. Un deles é a creación dun obradoiro de emprego para garantir a formación e o acceso dos mozos ao mundo laboral; o segundo é a recuperación da propiedade municipal coñecida como a Casa de Avelino para darlle novos usos. Sanmartín comprometeuse a colaborar para darlle o mellor enfoque a ambas as dúas iniciativas, sobre todo no plano económico, e recordou que o investimento provincial no municipio no último ano chegou ao millón de euros.
O Museo Mares de Cedeira abriu as súas portas no pasado mes de xullo. Nel expóñense máis de 2.000 obxectos e na actualidade xa son 2.800 persoas as que pasaron por unhas instalacións situadas na planta baixa do pósito cedeirés. O prezo da entrada é dun euro e os cartos recaudados destínanse ao mantemento da sede. Un libro de visitas e tres acuarios son algunhas das últimas incorporacións do museo.
Nota de imprensa: Pingota Comunicación
