off
Movementos sociais, Opinião, Politica internacional — 15 Novembro, 2016 at 7:35 p.m.

Trumputinloxía

by

Donald Trump e Vladimir Putín falaron demorado polo “teléfono vermello”. É cousa de pasmo nos anais da recente historia das relacións entre Estados Unidos e Rusia, porse de acordo en procurar “unha cooperación construtiva”. O que resulta xa máis difícil é debullar o significado exacto deses dous termos ensarillados. Entre a morea de interpretacións que dito  acordo admite salientan dous. Unha, a realmente positiva, sería que ambas e dúas potencias derrogasen o seu presente belicista e depredador e retiraran as armas de destrución masiva de Siria; que ratificasen os acordos da Cimeira do Clima; que acordasen o total desmantelamento do arsenal nuclear e bacteriolóxico como reclaman con teimosía as Nacións Unidas; que camiñasen cara a unha Xustiza Universal (nen Estados Unidos nen Rusia subscribiron o pacto do Tribunal Penal Internacional); e que cesase definitivamente o embargo a Cuba (Trump) e a anexión forzada de Crimea (Putin). Esa sería unha “cooperación construtiva” que o mundo sen dúbida agradecería.

A outra posibilidade, fundeada na embaciada traxectoria de ambos os dous mandatarios, situaríanos nunha repartición dos beneficios da globalización capitalista, da que ambos os autócratas son eximios representantes, á conta dos países que orbitan na súa área de influencia. Esa saída endogámica suporía un mazazo para calquera proxecto internacionalista que pivote sobre a xustiza, a liberdade, a solidariedade e os bens comúns. E podería comezar con mutuas e dolosas concesións nese eido. Por exemplo, que o imperio norteamericano lavásese as mans respecto da ocupación violenta dunha parte do territorio soberano de Ucraína, sancións inclusive; e que o mastodonte ruso fixese outro tanto respecto ao pobo de Cuba, deixándolle ao socairo de calquera ególatra. Entón o Eixo da Trumputinoloxia imitaría ao que nos anos vinte do pasado século selaron Mussolini e Hitler, e só ficaria Europa para reinventar unha sociedade civilizada que realmente mereza chamarse así.

Graffiti que descreven o presidente Vladimir Putin e o presidencial republicano Donald Trump, nas paredes dun muro na cidade vella en Vilnius, Lithuania. AP Foto / Mindaugas Kulbis AP Photo/Mindaugas Kulbis
Graffiti que descrebe o presidente Vladimir Putin e o presidencial republicano Donald Trump, nas paredes dun muro da cidade vella en Vilnius, Lithuania.AP Foto / Mindaugas Kulbis

Confiemos en que o siso se impoña, mas non debemo ter demasiadas ilusións para que os acontecementos non no apañen no almorzo. Polo que xa sabemos, os nosos populares e aclamados reaccionarios non están dispostos a ceder, ben ao contrario, porfian no sostenella y no enmendalla. Sobre todo agora que senten como mentores áulicos de toda unha tribo de políticos feitos á súa medida, dispostos a emulalos polo vello continente. Para comezar, Trump confirmou na súa primeira entrevista televisada que expulsará a tres millóns de emigrantes “con antecedentes” (aínda hai quen celebra que xa non fale de doce millóns de deportados!), e Putin, nada máis ser reeleito hai unhas semanas, decretou a anulación do acordo sobre eliminación do plutonio de uso militar. Má práctica que non anuncian nada bo.
Claro que algúns practicantes do “canto peor mellor2 pon da súa parte para que sexa a segunda opción a que gallope de novo como os Xinetes da Apocalipse de Blasco Ibáñez. Adictos á “Trumputinoloxía”, acreditan que a catarse en que agora se atopa abismado o xigante ianqui é unha oportunidade que non poden peder por iso de “a revolución pendente”, caia quen caia. Unha demostración desa paranoia acábanola de ofrecer o grupo mediático iraniano Hispantv difundindo unha información que rezaba (uso o termo con aleivosía ao tratarse dunha teocracia): “Wikileaks revela papel de George Soros en protestas anti-Trump”

Como garantido que a presunta e repicada noticia (http://www.rebelion.org/noticia.php?ide=219146) non contén un só dato de rigor en que basear a aseveración do titular. Iso si, pre-condiciona ao lecitor para que o voceado na cabeceira pareza certo. Para iso outorga ao magnate húngaro a condición de ser “o pai das revolucións de cores”, e inmediatamente, coma se tirara un coello da cartola, converte a fonte primixenia (Wikileaks) nun sucedáneo dun medio sob o control do Kremlin. De tal modo: “así indica a nova revelación de Wikileaks citada o sábado pola cadea televisiva rusa RT nun informe, no marco da filtración dunha serie de correos electrolíticos de John Podesta, o xefe de campaña da demócrata Hillary Clinton. Porque o acrónimo RT, cuxa plena identificación como lanzadeira da notícia bombástica oculta Hispantv, é Rusia Today, a canle ao servizo dos intereses de Putin que con tanta prodigalidade acollen algúns dixitais alternativos que nunca ousarían basear os seus comentarios e informacións na propaganda que emite o Pentágono estadounidense. Semellante adoutrinamiento é o que fixo que no seu momento moitos destes voceiros afirmasen que a derriba dun avión comercial con 300 persoas sobre o ceo da rexión prorrusa de Ucraína fora unha “manobra da CIA”, sen que até hoxe ningún pedise desculpas pola manipulación (tamén Trump, en declaracións á CNN, exonerou a Rusia de calquera responsabilidade nos feitos).

E nesa liña ía o resto do citado artigo. Denunciando feitos que só existen no interese de quen os fabrica. Como cando máis abaixo e como proba de autoridade di que “este apoio enmárcase nun informe do xornal estadounidense The Washington Post, segundo o cal MoveOn recibiu en 2004, 1,46 millóns de dólares por parte do magnate multimillonario e a súa esposa Suzan Weber Soros?. Ignorando (ou non?) que as doazóns privadas (corporativas ou persoais: fondos plutocráticos) nas campañas electorais estadounidenses son públicas e forman parte dunha tradición legal desde 1974. Ainda que o máis chocante é que toda a exclusiva da televisión dos aiatolas para o mundo de fala hispana, co preciso minutado do goberno ruso, está construída para demostrar que as manifestantes anti-Trump que sarian á rúa en diferentes cidades norteamericanas ao berro de “non nos representa” teñen detrás ao imperio Soros. O mesmo, mutatis mutandis, que eses medios dixeran das primaveras árabes antes de envorcar todo o seu  poder de persuasión e de desinformación en favor do brutal golpe militar do Al-Sisi en Exipto. Porque, aínda que houbese un mínimo de verdade na especulación sobre Soros, non semella lóxico e altamente aconsellabel que un financeiro xudeu se preocupe imenso pola chegada dun xenófobo convicto e confeso á presidencia da primeira potencia mundial?
Así se documenta a historia nestes confusos momentos. Primando o sen sentido de “o inimigo do meu inimigo é o meu amigo” máis que favorecendo a verdade dos feitos. Utilizando bandeiras de conveniencia (a fonte da fonte: a oficialista Rusia Today, a canle máis vista en YouTube no planeta) e sen importar o máis mínimo que o anfitrión ostente todas as peores credenciais do que cínicamente pretende denunciar. Este é o balanzo que fai Amnistía Internacional do sucedido en Irán entre 2015 e 2016: “As autoridades restrinxiron severamente o dereito de liberdade de expresión, asociación e reunión, e detiveron e encarceraron a xornalistas, defensores e defensoras de dereitos humanos, sindicalistas e outras voces disidentes por cargos imprecisos e demasiado xerais. A tortura e outros maus tratos baixo custodia continuaban sendo práctica habitual e cometíanse con impunidade; as condicións de reclusión eran duras. Continuaban celebrándose xuízos inxustos, nos que se impuña ás veces a pena de morte. As mulleres e as minorías étnicas e relixiosas sufrían discriminación xeneralizada na lexislación e na práctica. As autoridades aplicaban penas crueis, como cegueira, amputación e flaxelación. Os tribunais impuñan a pena de morte por diversos delitos; levou a cabo un número elevado de execucións, incluídas polo menos catro de persoas condenadas por delitos cometidos cando eran menores de idade”.
Por certo, Hispantv é a televisión que aloxa o programa Fort Apache dirixido e presentado o secretario xeral de Podemos Pablo Iglesias, o mesmo que con toda razón acaba de criticar a prevista visita do rei Felipe VI a Arabia Saudita, ao tratarse de “un país onde as mulleres nin sequera poden conducir, reprímese aos defensores dos Dereitos Humanos e execútanse a condenados”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off