off
Galiza, Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 26 Outubro, 2016 at 8:09 a.m.

A indixencia do PSdG-PSOE

by
claire_fontaine-strike
Strike, Claire Fontaine

Que hai na denominada “instrumentalización da abstención” que o PSOE parece ter escollido para darlle o goberno ao seu principal adversario eleitoral? Se a recente historia política do Estado veu da man dunha alternancia que para simplificar, mesmo poderiamos denominar de corporativa e duopólica complicidade dereita/esquerda, coa decisión de investir presidente a Rajoy o PSOE cenifica algo máis do que alternancia. O suposto devalo do bipartidismo acada o climax co PSOE outorgando ao seu adversario a posibilidade de continuar gobernando.

Mália a enxurrada eufemística, como non vai ser achegar apoio se absténdose o PSOE non fai outra cousa que mostrar a súa indixencia ideolóxica cada vez que afirma que a decisión resposta a unha “situación excepcional”,  “dos prexuizos que provocarían outras eleicións”, “que non son nin de esquerdas nin de dereitas”, da  “imposibilidade dun goberno transversal” ou “contruido sobre un conxunto diverso de forzas de esquerdas e nacionalistas” e “a participación dos que cuestionan abertamente o modelo constitucional”. E Rajoy de perdona vidas: “póñome no seu lugar e acho que fixeron o razonabel”. Neutralizado o PSOE, Cataluña serviralle de betillo.

A pantasma do vazquismo.Desde unha perspectiva galega, que só a título individual Pilar Cancela e  Rocío de Frutos sexan as únicas dispostas a rachar a disciplina de voto en contra do que se votou o domingo pasado no comité federal, non debería ser novidade algunha agás que confirma e fai explícito o entreguismo do PSdG-PSOE ao PSOE meridional, quer dicer, á negativa de entenderse coas forzas que ten acó á esquerda e optar pola  subalternidade  e a impotencia política que o amordaza desde os púlpitos.

Malia a vitoria de Leiceaga nas primarias, en apariencia en Galiza non se abriu fenda ningunha entre a franquicia, a militancia e o eleitorado socialista galego porque aquí, agás o efímero goberno bipatito, o PSdG leva décadas recoñecendo e practicando política ao ditado da hexemonía conservadora, que en Galiza é asoballante. De producirse unha fenda entre os sectores descontentos coas decicisións dos cruzados do comité federal socialista,  non será percebida até que o BNG e as Marés sexan quen de canlear esa desafección. Ainda que non  hai nen se espera un xiro galeguista de desobediencia, nin que os militantes do  PSdG pidan debater a relación co PSOE, a incerta singradura  ten moito a ver coa actual expresión e desmobilización que presenta o proprio sistema político despois das expectativas creadas a partires de maio de 2011. E isto quere dicir que ainda non hai cadaver. Porque moitos votantes perceberán como un acto de patriotismo a abstención que propicie a investidura de Rajoy: agora poderán ser máis patriotas cá o PP. Mais nun outro sentido que os leóns do Congreso e a cabra da Lexión: patriotismo de evitar calquera mudanza na España monolítica que defenden, a da inviable asimetría.

O que agora se visibiliza e fai explícito con esta abstención en todo o Estado é o recoñecemento da hexemonía conservadora. Seica non foi iso  o que representou o vazquismo no PSdG-PSOE? Quen ia maxinar que o vazquismo ía anticipar o que agora se está a espallar en todo o Estado  quizais coa só excepción do PSC en Cataluña: que non é a actitude diante o PP o que máis os unia senón a negativa ideolóxica a achegarse ao que ten á esquerda e aos soberanistas. E no PSdG a discrepencia sobre o non é nula. De facto, a desavinza sobre o non e a abstención ten duas causas: a indixencia ideolóxica dos socialistas e a cuestión soberanista. Co apoio masivo á decisión do comité federal de absterse outorgando así o goberno a Rajoy, o PSdG contribue a favorecer o partido da lei mordaza e da corrupción sistémica, o partido negador do diálogo e das competencias para Galiza. Liquida o proxecto federal optando abertamente polo unionismo máis asimilista.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off