Santiago de Compostela quere contribuir a recuperar o Samain tradicional. Manuel de Dios e Marta Lois, concelleiros en Santiago de Compostela de Educación e Ciudadanía e de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, acompañados de Rafael Loureiro “Calel”, recuperador e impulsor do primeiro Samain en Galiza de brazo dado da Sociedade Cultural Chirlateira e logo cos Amigos do Samain de Cedeira, presentaron un proxecto que alicerza na transversalidade que se lle quere dar, para ser incorporado no futuro a outras áreas, nomeadamente Cultura e Festas. Desde a área de desenvolvemento económico, Marta Lois explicou a proposta de principar un concurso de escaparatismo centrado na iconografia propria do Samain e que ese motivo sirva tamén para desenvolver obradoiros e palestras nas escolas e nos centros socioculturais, dado que dende as orixes da súa recuperación Rafel Loureiro sempre priorizou o seu caracter pedagóxico e artístico desenvolvendo unidades didácticas específicas que o definian, como celebración dos defuntos e das cabazas con xeitiño de noso, alonxado do modelo consumista, gore e halloweenense que se está a espallar deturpando a súa raiceira galega.
Un Samain máis noso
Neste sentido, anunciouse en nota de prensa que tanto Cedeira como Compostela promocionarán xuntas a volta á simplicidade dos elementos que definen a festa tradicional do Samain. O Concello de Cedeira, asesorado por Rafael López Loureiro “Calel”, e coa colaboración da Asociación Amigos/as do Samaín quere hoxe, non tanto retornar ao samain orixinal, que sería imposibel, canto ofrecer unha visión diferente e máis creativa que poda ofrecer un contrapunto á asoballante parafernalia halloweenense.
Estamos seguros de que a cidadanía vai acoller con agarimo esta proposta dun samaín rexenerador, e fornecida da capacidade creativa, do entusiasmo e a alegría cedeiresa que nos caracteriza, haberá de ser quen de poñer a andar un novo samaín orixinal, fermosísimo e exemplar, onde a soa presencia de caveiras e pantasmas, escintilando e lucindo na noitiña, será dabondo para conformar un tempo e un espazo lúdico no que tranquilamente se poderá asentar, ollando ao futuro, a nosa propia memoria etnográfica.
Desde o Concello convídase á veciñanza a achegarse os días 28 e 29 de outubro ata o Paseo da Mariña para participar tanto coas fermosas aportacións de arte efímera que supoñen as tallas dos calacús, como disfrazándose tal como suxire a tradición: as caras emborranchadas de cisco para simular unha ánima do outro mundo, e as pantasmas brancas, as avisiós, que tantas brincadeiras e aturrullos, risas e medos, causaron na Galiza dalgún tempo, e que perviven aínda hoxe na memoria dos máis vellos.
Desde o luns 24 ata o xoves 27, de 18:00 a 20:00 h. na Sala Áncora (Praza Roxa), teremos un obradoiro de avisiós para que todas as pequenas e pequenos preparen as súas pantasmas.
