O executivo cedeirés asegura que a adxudicación do proxecto de ampliación do cemiterio municipal axústase á legalidade, como o demostra o feito de non ter recibido ningunha obxección por parte dos servizos de Intervención do Concello nen por parte da Deputación
O goberno de Cedeira atalla as críticas de Podemos Cedeira con respecto á adxudicación de obras municipais mediante procedimento negociado sen publicidade. En concreto, Podemos , sen representación no Concello, cuestionaba na prensa a contratación do proxecto de ampliación do cemiterio municipal, aínda que a cantidade do acordo -firmado por 44.947 euros- estea dentro da legalidade. O goberno tripartito cualificou de “intromisión” na vida municipal desde o momento que Podemos en Cedeira “falta á verdade co propósito de manipular á opinión pública e de desacreditar ao equipo de goberno”.
Segundo fontes do executivo cedeirés, afírmase que a adxudicación axustouse á legalidade, como así o demostra o feito de non ter recibido ningunha obxección por parte dos servizos de Intervención do Concello nin por parte da Deputación. A ampliación do cemiterio faise con cargo ao plan provincial de Obras e Servizos do presente exercicio.
O goberno lembra, ademais, que o anuncio da obra saiu como publicidade nun xornal de tirada provincial o día 8 de xuño, e tamén que na páxina web do Concello pódese facer un seguimento case diario dos pasos que o executivo local vai dando en materia de contratación de proxectos municipais.
Por este motivo, dende o Concello cedeirés acúsase a Podemos de “ter un descoñecemento casi absoluto do funcionamento das administraciones locais” e de moverse por intereses moi alonxados dos da veciñanza.
A cámara municipal cedeirense convida a Podemos a “traballar máis para coñecer as necesidades dos veciños e a non querer facer oposición manipulando a verdade coa finalidade de enganar á veciñanza, que sabe perfectamente a idea coa que se fan estas declaracions”, afírman.
Os casi 45.000 euros de investimento no cemiterio destinaranse á construción de 112 novos nichos no camposanto local á vista da demanda social que existe e de que está ao límite da súa capacidade, segundo asegura o executivo.
Nota de prensa: Pingota Comunicación

















