O 12 de outubro, o “Dia de la Raza”, é unha data festiva de seu cuestionabel. Teimar na celebración dun “descobrimento” do que Enrique Dussel chamou a ocultación do pobos da America precolombina e o expolio que provocou o exterminio de millóns de indixenas a mans dos conquistadores europeos remite non apenas á longa noite de pedra do franquismo mais á evidencia de que o Estado español soerguese apenas no legalismo ideolóxico, no autoritarismo posdemocrático que o leva a defender o “relato oficial” desde os xulgados como vén de pór de relevo a orde xudicial que obrigaba ao concello de Badalona (Cataluña) a fechar as portas onte e que non foi acatada polos representantes políticos da cámara municipal. Disimulo penal e mediático – con evidentes réditos en forma de descoñecemento, medo e parálise social- para agochar o efecto que se está a xestar. E como haberían de agochar a dominación se a sofren sob o hispanocentrismo legalista en voga? O Estado español, e non poucos intelectuais e políticos, continuan ocultando, elidindo as preguntas problemáticas ao mostraren que non ten máis do que discurso xudicial. Un Estado no que máis de 300 concellos ainda non aplicaran a Lei da Memoria Histórica nos dez anos que leva en vigor.
Un 12-O ocultador doutro, o de 1916, cando veciñas e veciños de Nebra (Porto do Son) que protestaran contra un imposto inxusto que gravaba a súa actividade agraria que fora ordenado polo alcalde para saldar o déficit nas contas de 1915, acabou coa Guardia Civil disparando indiscriminadamente contra 300 que se manifestaban.Resultado, 32 feridos de bala e 6 víctimas mortais. Perante o encubrimento do outro (Dussel) precisamos ir desocultando a historia. As memorias periféricas deben ir dando conta dos procesos de dominación desde a maior das proximidades. Vai sendo hora de vo-ca-li-zar.
Unha centralidade informativa só obliterada pola tradicionalísima marcha militar de Madrid, cenario de troca de sorrisos a mancheas e fartura de mimos de Mariano Rajoy e Susana Díaz, a autora da pancada intelectual que deitou en baixo ao secretario xeral do PSOE Pedro Sánchez aplanando o chan para investidura do presidente en funcións. Eís a encenación de que PSOE e PP, representantes do poder realmente emprazado, padecen a mesma patoloxía concomitante, escachar promesas eleitorais (non facer presidente a Rajoy nen outro candidato do PP dician desde o PSOE) para devir de brazo dado na defensa da unidade de España. Fraca argumentación para romper co prometido en campaña, que o PP non cuestionará nen utilizará visto que o silencio gardado non sirveu para conter o riso leve, a indisimulada satisfación de Rajoy.










