off
Opinião, Política, Politica espanhola — 1 Outubro, 2016 at 9:03 a.m.

Peronismo rosieiro

by

“Se isto fose un golpe de estado,
estaría dirixido por un sarxento chusqueiro”
(Josep Borrell)

sarxentochusqueiroO intento de defenestrar a Pedro Sánchez foi comparado co 23-F. E non está mal traído, polo menos como metáfora da impotencia política. Segundo comentou Josep Borrell na radio, o alzamento para cargarse ao secretario xeral do PSOE ten moito de bufonada. E certamente, quen orquestrase o operativo comportouse como un perfeito indocumentado. O que acontece é que, mesmo no seu aspecto histriónico, ambos os sucesos teñen partes comúns. O “tejerazo” foi unha dramática charlotada. De feito, unha rara avis na historia dos pronunciamientos militares, perpetrouno un pelotón da Agrupación de Tráfico da Garda Civil. O asalto a Ferraz, pola súa banda, protagonizárono 17 membros da Executiva. Aqueles cambiaron o caderniño de sancionar infraccións na estrada pola metralleta. Estes pensaban que a súa renuncia en bloque carrexaría fulminaría ao líder socialista. Craso erro, fallaron no máis evidente. Os do tricornio deixaron funcionando unha cámara de televisión que retransmitía a sesión parlamentaria cando irromperon no hemiciclo, e os autodenominados críticos non souberon ler con proveito os Estatutos do partido aos que se remitían. Un patinazo frecuente entre as xentes adictas á obediencia debida, xeralmente persoas afeitas a ter razón por motivos equivocados.
Porén as similitudes entre a trama militar e a trama política en ambos os golpes van máis aló deses escenarios paralelos. Tanto na toma do Congreso como no asedio a Ferraz a orde de actuar e a posterior contraorden de repregarse proviñeron dunha mesma fonte. O 23-F iniciouse con Milans do Bosch sacando os tanques en Valencia en nome do Rei e de España, e freouse cando Xan Carlos cominouno a retiralos con aquilo de “é a miña decisión e xa non podo recuar”. Na variante dos socialistas conxurados para salvar ao PSOE de tentacións radicais e independentistas, o foco recae sobre un medio de comunicación: a cadea SER do grupo Présa, sociedade editora do País. É por mor dunhas declaracións de Felipe González, gravadas sobre o tres da madrugada en Colombia, onde acusaba a Pedro Sánchez de mentirlle, como rompen hostilidades. Viceversa, é de novo tras outra entrevista, agora a Borell, emitida no mesmo programa, cando os revoltados empezan a recuar nos seus obxectivos desestabilizadores.
Con certeza. tanta parvicie ten unha explicación. Nesta ocasión “o elefante branco”, esa autoridade, militar, por suposto que debía asumir o poder, é a raíña do “peronismo rosieiro”, expresión con que a contorna do socialismo andaluz cualifica á corte de Susana Díaz, a presidenta da Junta de Andalucía. A lideresa que, oficiando o papel que en día representou o xeneral Alfonso Armada ante o tenente coronel Tejero, mandou aos seus subalternos a comunicar aos de Ferraz que debían entregarse sen opor resistencia. Seica un tal Antonio Pradas, o mensaxeiro elixido para entregar o prego de cargos dos 17, e a súa compañeira de pupitre na federación andaluza Verónica Pérez, que pretendía ocupar a sede vacante. Misión imposibel porque en Ferraz déronlle coa porta nos fuciños, o que non impediu que Pérez tivese o aceno aquel retranqueiro de manifestar ante unha nube de xornalistas que “a única autoridade no PSOE son eu, que gosten que non”.
Pradas e Pérez eran en realidade o que en argot da novela negra coñécese como “a pistola fumarenta”, a pista certa que conduce ao criminal. Neste caso, a xefa Díaz, que na quinta-feira 28 reunía en prime time á plana maior do PSA-PSOE para presentarse como a salvadora dos desherdados e ofrecerse para “coser” os rotos que fixera o “insensato sen escrúpulos” (El País dixit) do seu secretario xeral. Sen mostra de pudor e manifestando unha sagacidade política manifestamente mellorabel, a sarxento chusquero do plante deixou o devandito para a eternidade que os cidadáns lles votan “para que fagamos a súa vida mellor”. Afirmación recibida cunha ovación de gala impropia dunha clase dirixente que despois de gobernar en réxime de monopolio desde a aprobación desde 1981 ostenta a honra de facer filla predilecta de Andalucía á primeira latifundista do continente; xestionar a segunda rexión europea con máis paro e vangloriarse dos seus dous últimos presidente, Manuel Chaves e José Antonio Griñán, o “Pepe e Manolo” dos ERE, os presuntos culpables do maior desfalco social da historia democrática.
O peronismo rociero ten esas faiscantes contradicións. Pode instigar un tamayazo e ao mesmo tempo, como vén de facer o alcalde socialista de Sevilla, mostrar a súa bonhomía democrática promovendo unha consulta popular para alargar a Feira de Sevilla. Ambas e dúas cousas aprobadas por aclamación. A mensaxe que presidia o plenario que escoitou cativado a nova Evita dicíao todo: “A forza que nos une”.

One Comment

  1. Parece que Felipe González xa lles ensinou a saida da crise existencial.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off