off
Eleccións 25-S 2016, Galiza, Opinião, Política, Politica espanhola — 26 Setembro, 2016 at 1:16 a.m.

25-S: até aquí chegou o bipartidismo

by

“Fai falta moita filosofía para poder
aprezar o que se ve todos os días”
J .J. Rousseau

impossibelO relevante do expresado polas urnas o 25 de setembro en Galiza e Euskadi está na letra pequena. Non en quen gañou as eleccións, aspecto que non deparou sorpresas, polo menos nas posicións de cabeza. O verdadeiramente importante radica no apelido do perdedor e no grao da súa desfeita: as dúas filiais do PSOE en ambas as circunscricións. Non só porque o resultado trastorna o mapa político nesas comunidades ao ceder os socialistas o liderado da oposición a novos actores, máis ou menos emerxentes (En Marea e Bildu, respectivamente). Mas, acima de todo, porque a quiniela gañadora está destinada a minar o pendular equilibrio do Estado. O revés sen paliativos cultivado polo PSG e o PSE, depostos ao terceiro (en votos superado por En Marea en Galiza) e cuarto/quinto lugar  respectivamente (en Euskadi compartindo posición en escanos co PP) en autonomías onde antes gobernaran, supón a primeira derrota seria que sofre o Réxime do 78.

A Transición pactouse sobre tres axiomas despois consagrados pola Constitución. A economía de libre mercado, a  restauración borbónica na figura do rei designado por Franco e a “indisoluble unidade da Nación española” (Art. 2 C.E.). E iso é precisamente o que, en boa medida, escachou no ar o pasado domingo. O bipartidismo dinástico hexemónico, esa alternancia no poder sen entrañar verdadeira alternativa, a alternancia que durante 38 anos ininterrompidos oficiaron PSOE e  PP, como ying-yang institucional, acaba de perder un alicerce fundamental.

A partir do 25-S resultará moi complicado reconstruír as pontes do tándem PP-PSOE cun Partido Socialista batido e a mercé dos elementos neses dous territorios históricos.

Certamente o ocorrido foi a constatación dun fracaso xa anticipado hai un ano. Cando o PSC foi superado pola startup de Albert Rivera nos comicios cataláns de 2015. Aquel foi o primeiro aviso de que os días de gloria do socialismo estaban a chegar ao seu termo. Un final humillante para un partido que pouco antes ocupara a Generalitat e ostentado órganos de poder naquela comunidade. Entón a sociedade catalá mandou unha rotunda mensaxe de desconexión con Madrid ao relegar tanto ao PSC como ao PP aos primeiros postos na desconfianza dos eleitores.

A conclusión a ser tirada destes acontecementos é que temos un mapa político errático, que xa só se sustenta sobre o imaxinario dunha Constitución zombi e a propaganda dos medios adictos. As dúas formacións, conservadora e socialdemócrata, conxuradas desde fai case catro décadas para sucederse no poder e gardar as esencias do consenso mutaron en mero simulacro por obra e graza da vontade popular. O escrutinio das xerais do 26-X xa deitou un panorama complicado para as súas respectivas estratexias, dado que PP e PSOE xuntos a duras penas captaron o cincuenta por cento dos votos emitidos.

A desgraza que agora se completa co derrube socialista (pasokización) encadeado na antiga Galeusca (Galiza, Euskadi e Catalunya).  Con que lexitimidade  un bipartidismo en devalo vai seguir vetando o dereito a decidir a unha sociedade que  vén de mandalo ao posto de saída?   Nesas latitudes, repítese o berro: non nos representan!

O outra gran lección do 25-S é que o sorpasso periférico procedeu da iniciativa de partidos preparados nos movementos cidadáns e as candidaturas municipalistas.

Nin cabalo de Troia nin asalto aos ceos. O duopolio reinante escachou polos flancos, colateral e pacíficamente. Alí onde o cadeado da lei electoral, o verdadeiro atado e ben atado da andrómena, nunca pensou que se dese a batalla. A impostada democracia representativa, ese simulacro onde eleitor e lexislador descoñécense  completamente,  cedeu ante a irrupción da democracia de proximidade, a práctica que empatiza a política con rosto humano. O espazo político que, aínda con todas as súas limitacións e patoloxías, permite algunha participación da xente na xestión directa dos polis.

Rompeuse o maleficio. En diante haberá que recauchutar as coordenadas do centralismo e onde puña “indisolubel” pór “solubel” e onde “unidade” colocar “diversidade”. De tanto levar o xarro do particularismo á fonte do absolutismo xa son maioría os que comprenden que é moito máis o que os separa que o que os une da Marca España.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off