O goberno de Cedeira e os responsables da Demarcación de Costas en Galicia mantiveron hai uns días un novo encontro para seguir avanzando na realización das obras que o organismo estatal propón para mellorar a praia e a contorna do areal.
A intervención na duna para garantir a efectividade da barreira de madeira construída para conter o seu avance é o tema que máis preocupa ao goberno municipal mas tamén aos membros da plataforma en Defensa da Ría, da que forman parte partidos políticos (PSOE, BNG, Anova e EU) e entidades como Somos Cedeira, Adega, Museo Mares de Cedeira e a Confraría.
Antes de tomar unha decisión, o goberno está a analizar o informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza no que se valoran as posibles consecuencias que poderían ter as actuacións previstas na zona.
Por ese motivo, os responsables municipais teñen a intención de convocar a todos seus membros a unha reunión para debatir o devandito informe. A cita podería celebrarse en cuestión de días. A inversión prevista polo organismo estatal no municipio ascende a 40.000 euros. Ademais da obra xa citada, o plano inclúe a apertura do regato de San Isidro, a reparación do paseo de madeira que escorre ao longo da praia -no treito máis próximo á escola Nicolás del Río- e a limpeza de plantas invasoras. O conxunto das intervencións será executado por persoal da empresa pública TRAGSA. O inicio dos traballos podería dar comezo no mes de outubro.
Nota de imprensa: Pingota Comunicación


















