off
Cedeira, Política local — 3 Setembro, 2016 at 8:26 a.m.

A sentenza do “caso Parada” evidencia a pésima xestión do anterior goberno do PP

by
Ollaparo_ConcelloCedeira
Concello de Cedeira

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que non se caracteriza por emeter sentenzas exemplares en materia laboral, vén de confirmar a sentenza dun xulgado do Social de Ferrol que declara improcedente o despido de Parada Freire condenando ao Concello  de Cedeira ao abono das costas procesais. Se fose contratado eventual  tería cesado con anterior corporación, mas decoñese como foi contratado (con “libre designación”,os chamados “postos políticos”, poden referirse postos eventuais ou funcionariais). Asín, hai concellos onde todos os xefes de servizo son libre designación mais é imprescendibel ser funcionario. 

En comunicado de prensa o goberno tripartito de esquerdas (PSG-PSOE-BNG-ANOVA) vén de pór en causa a xestión do exalcalde Luís Rubido(PP) da anterior lexislatura, suliñando a “pésima xestión tanto a nivel económico como no puramente administrativo”. Segundo esta fonte, durante o mandato anterior (2011-2015), o goberno municipal popular, contratou a dúas persoas como persoal laboral, unha a media xornada (a que denunciou ao Concello) cun custo bruto de 25.852 € anuais e outra a xornada completa cun custo de 13.540 € anuais.

Os “postos de libre designación”, totalmente lícitos, dependen só da vontade política do goberno en exercizo, son cargos de confianza para os que se contratan persoas que non teñen que pasar por ningún tipo de proceso selectivo (oposición, bolsa de traballo..) e cesan no seu cargo, en calquera suposto “normal” ao mesmo tempo que o cargo político que os nomea (“A terminación terá lugar, en calquera caso, cando producir a autoridade á que ser solicitado o papel da confianza ou asesoramento” e “non constitúe razón suficiente para o acceso a Función de promoción pública ou interna”, Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público).  Adoita pasar que os cargos eventuais tamén son de libre designación ainda que estes cesan cando hai cambio de goberno. Cando os labores do cargo de confianza “exceden” o que son as súas competencias orixínanse situacións que poden dar pé a reclamacións laborais e sentenzas xudiciais como á que aquí se alude.

“O que non debería ser lícito é que un goberno que conta con persoal de libre designación, permita que este desenvolva traballos que non competen a un cargo de confianza, tal e como advertiron no seu momento técnicos municipais do Concello de Cedeira”, afírmase no comunicado.

Traballos que co actual grupo de goberno, que non conta con ningún cargo de confianza, desempeñan os propios funcionarios municipais e permite un aforro con respecto ao mandato anterior de 39.392 € ao ano, segundo pormenoriza o comunicado emitido pola cámara municipal.

Os 6.000 € do erario público que terá  que pagar agora o Concello de Cedeira como indemnización á persoa que foi cargo de confianza do goberno anterior, “é unha clarísima consecuencia da pésima xestión económica do goberno municipal presidido por Luis Rubido”. O polémico Parada Freire seica interpuxo unha reclamación patrimonial ao Concello por unha responsabilidade patrimonial desde o 2014, cando ainda estaba traballando como persoal de libre designación administración local de Cedeira. Segundo fontes consultadas existían informes desfavorables da técnico do Concello que levaba a denuncia e foi desestimada.

Co seu desleixo administrativo, Luis Rubido permitiu que ese mesmo cargo asumira competencias impropias con consecuencias como que a día de hoxe no Concello se teñan que estar a revisar expedientes porque o cargo de confianza en cuestión tiña declarada polo pleno municipal de data 28 de novembro de 2012, dende ese momento e até o seu cese o 12 de xuño de 2015, incompatibilidade para exercer a actividade profesional de aparellador arquitecto técnico no término municipal de Cedeira.

Parece ser que,  habelencioso nestes enredos, Parada Freire protagonizou en 2009 un caso semellante “por improcedencia de despido”  no Concello de Moeche cando tamén gobernaba o Partido Popular.

Moral laxa, manga larga

O que causa pasmo  é que acudira ao Valedor e ao Consello de Transparencia e Bo Goberno alegando “non entender” o galego normativo, solicitando lle contestaran todo en castelán, malia ter sido contratado  na altura para exercer  un cargo na administración pública local no que se presupón coñecemento  falado e escrito do galego, o que un neno con  graduado escolar entende  sen problemas. Sorprende que a quen se lle presupón compromiso social co seu pobo non semelle importarlle  pór os dereitos  lingüísticos que o asisten ao servizo da súa historia e  intereses persoais que, por moi lexítima que  sexa a súa defesa,  non resulta lóxico, cívico e o correcto nunha persoa que fala e escribe o galego . É un “que se fodan” sibilino e parvo á vez. Para desaprender o galego debeuse esforzar moito. Mas ao facelo, banaliza os inúmeros casos onde os dereitos lingüísticos estan a ser pisados por uns poderes públicos intolerantes ante a diversidade cultural que existe no Estado español (Parada tén unha idade e debe lembrar o que foi o franquismo, agás que goste de ser máis pepista que o PP). Descorazoador.

Con certeza, non escollemos a nosa lingua inicial, do mesmo xeito que non escollemos o noso lugar de nacemento. Porén, o que vén despois si que é cousa nosa. Curioso xeito de defender os seus dereitos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off